Viva o paraíso… fiscal!

Cada vez que vostede viaxa pola Autoestrada do Atlántico, AP-9, paga unha das peaxes máis altas de Europa. Aínda así, é das máis utilizadas pois conecta as grandes vilas da Galicia costeira, a máis poboada, mentres as vellas rutas «alternativas» son moi duras de roer. A concesión debería ter rematado a comezos de século, o que a faría de balde, pero foi prorrogada en 2000 e até 2048 polo Goberno presidido por Aznar nun misterioso anexo dun estraño decreto. Así que vostede seguirá a pagar un prezo de capitalismo feudal, con aumento blindado, con crise ou sen crise. En oito anos, a empresa concesionaria, Audasa, pasou de recadar 46.870.000 euros a 118.290.000. Un incremento do 156,52%. Mais, a Autoestrada do Atlántico non remata nin en Ferrol nin en Tui. Remata en Madrid.

Alí ten Audasa o seu domicilio fiscal. Alí, ao saco da comunidade autónoma madrileña vai parar unha parte desa peaxe galega. E isto mesmo ocorre con moitas outras empresas que explotan o chan galego e o ríos e o vento, pero que poñen os ovos en Madrid. Ese foi o caso de Endesa, que acadou beneficios sen conto nas Pontes, queimando os grandes recursos sen deixar ningunha semente de futuro. Dirase que é algo que ten que ver co centralismo histórico e coa condición de capitalidade do Estado. Mais o proceso non se corrixe, senón que se intensifica e estende. Xa non son só as empresas, que tamén, senón as persoas con altos ingresos que se rexistran en Madrid polo máis efectivo efecto chamada que se coñece: o dumping fiscal. Ese efecto «aspiradora», como o denominou recentemente o presidente do País Valenciá, Ximo Puig, explica que Madrid sexa a primeira potencia na liga económica, superando o tradicional liderado catalán.

Non sabemos moito do rumbo do Goberno madrileño, pero si que seguirá a baixar impostos a quen máis pode pagalos. Anunciono o mesmo día que o FMI recomentou un incremento impositivo ás grandes fortunas

O discurso de Puig rompeu un chisco o tabú do conformismo estabelecido, mais o de «aspiradora» non deixa de ser un eufemismo. Pan por pan, Madrid é hoxe un «paraíso fiscal» en España. Non sabemos moito do rumbo do Goberno madrileño, pero si sabemos que seguirá a baixar impostos a quen máis pode pagalos. Anunciouno o mesmo día que o Fondo Monetario Internacional, ese organismo socialcomunista, recomendou un incremento impositivo ás grandes fortunas para enfrontarse á situación de emerxencia sanitaria e a crise que abanea o mundo. Porque vivimos na época Mayday, nun perigo de catástrofe planetaria. Agás no Madrid de Díaz Ayuso.

Hai xa tempo que os ricos asaltaron o ceo en Madrid. Hai xa tempo en que os pións políticos do capitalismo máis impaciente se fixeron co poder local mediante unha operación mafiosa. Os autores do chamado «tamayazo», a compra directa de deputados despois dunhas eleccións, non tiveron que preocuparse de coartadas. Na Coruña, durante décadas, exercía un único detective privado chamado Napoleón. Non tiña que facer seguimentos porque todo o mundo o coñecía. O xeito de pasar desapercibido era deixándose ver. Pero Napoleón daba a cara. Non era descarado. Todo o mundo sabe como os ricos asaltaron o ceo en Madrid. Con descaro. Pero o silencio que seguiu, a gran complicidade coa Grande de España que ocupou a Presidencia, converteu o descaro en réxime.

En Madrid as necesidades básicas son un gran negocio. Mais iso non a diferenza de moitas outras comunidades. A diferenza está na operación para que unha parte do 99% prexudicado pense que está ganando en vez de perder

O 1% non pode dominar o 99%. É o que fai insostíbel o capitalismo impaciente, baseado na explotación e privatización das necesidades básicas. En Madrid non se constrúe vivenda social e hai unha violencia catastral para colonizar o chan. En Madrid, as necesidades básicas son un gran negocio. Mais iso non a diferenza de moitas outras comunidades. A diferenza está na operación para que unha parte do 99% prexudicado pense que está ganando en vez de perder. O supremacismo castizo («Madrid é máis España e merece máis») e o «populismo dos novos ricos», ou dos que devecen por selo, o que pretende é blindar politicamente ese paraíso fiscal de Díaz Ayuso and company. Podían ser unha dereita como a de Angela Merkel e defender o «patriotismo fiscal». Pero Díaz Ayuso é unha zombie girl de Esperanza Aguirre recreada polo alquimista Miguel Ángel Rodríguez (MAR). Quen vai berrar a prol do patriotismo fiscal tendo a man un paraíso?

*A ilustración é de Javi Prieto.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail