… e gaña Baltar

O fútbol é un deporte que inventaron os ingleses,

xogan 11 contra 11 e sempre  gaña Alemaña.

Gary Lineker.

Gary Lineker non só era bo co balón. Sentenzas como esta demostran por que segue a ser o presentador mellor pagado da BBC, pese a acabar de baixarse o soldo un 23%. Un orzamento que aínda non se pode permitir Auria TV, por moitos fondos municipais que Democracia Ourensana desviase ao seu altofalante. Se Lineker tivese un espazo como analista político no xoguete de Jácome, resumiría o sainete da cidade das Burgas parafrasándose a si mesmo: «A democracia representativa é un sistema que inventaron os romanos, perfeccionaron os ingleses e no que sempre gaña Baltar». Ou alguén que leve ese apelido.

O alcalde de Ourense, Pérez Jácome, e o presidente da Deputación, José Manuel Baltar nunha rolda de prensa conxunta.

A democracia representativa inventouse nun imperio que non pagaba traidores. Porén, o Imperio dos Baltar baséase neles. Non hai máis que repasar o acontecido neste verán: Viana do Bolo, Castrelo de Miño, Laza, San Xoán de Río. Concellos que goberna o PP grazas a conversións á fe verdadeira, caídas do cabalo ou fichaxes a golpe (presunto) de talonario. En Castrelo, a única socialista que non cambiou de idea asegurou que lle ofreceran 42.000 euros e un posto na Deputación. A mesma Deputación na que Baltar vén de nomear vicepresidente a Miguel Caride, o home que, ata a rebelión municipal, era man dereita de Jácome no concello. Cun soldo como o del, de 58.435 áureos anuais, seguro que Bruto non se tería tirado sobre a súa espada…

Jácome construíu a súa lenda prometendo rematar co establecido que en Ourense é Baltar. A sorpresa chegou cando aceptou asociarse co PP para empuñar o bastón de mando a cambio de manter o Nene na Presidencia da Deputación

Gonzalo Pérez Jácome construíu a súa lenda prometendo rematar co establecido. En Ourense, iso sería rematar con Baltar. A sorpresa chegou cando, tras presentarse durante anos como a súa némese, aceptou asociarse co PP para empuñar o bastón de mando a cambio de manter o Nene na Presidencia da Deputación. Por primeira vez non tiña a maioría absoluta e o seu asento perigaba. Feijóo, o que considerara a Jácome «letal» para Ourense, daba a súa beizón.

Pero coñécese que a Baltar non lle gusta depender de alguén tan impredicible como o alcalde e o acordo non tardou en saltar polos aires. Non tivo que facelo o PP, nin Jesús Vázquez (o rexedor que non deu aprobado o orzamento en toda a lexislatura mentres se falaba do desgoberno dos alcaldes rebeldes da Coruña). O grupo municipal de Democracia Ourensana implosionou. Caride e un grupo de concelleiros sobreactuaron como o capitán Renault: «Que escándalo, aquí xógase!».

José Miguel Caride, concelleiro de DO crítico con Jácome.

A maquinaria púxose en marcha. Como fixera Baltar pai con Manuel Cabezas –lembremos aquelas fotos aéreas da súa casa, cando non existían os drons–, o fillo empregou antes de nada o seu propio brazo mediático. La Región foi a primeira en golpear. Non esquecía que a denuncia de Jácome tombou a compra do arquivo do xornal e fíxolles perder 2,7 millóns de euros. Non están os tempos para desgustos así.

Cos orzamentos aprobados e a maioría asegurada polos díscolos de DO, o PP deixou de facerse o digno. Aceptou negociar unha moción de censura (outra!) aínda que non lle guste poñer como alcalde o socialista Rafa Villarino, o máis votado. O win-win baltarista –investir un concelleiro do PSdeG a condición de que non fose o propio Villarino, outra das súas bestas negras— semella imposible a estas alturas. Pero non descartemos nada…

Rafael Rdez. Villarino, líder dos socialistas en Ourense.

Ata antonte –ou, quizais, ata onte mesmo-, no Estado Español Franco foi a medida de todas as cousas: a política era franquista ou antifranquista. En Ourense segue a pasar o mesmo. Un é, antes que calquera outra cousa, baltarista ou antibaltarista, pero pasado pola peneira da clásica portada de Hermano Lobo: «Ou Baltar ou nós», «Vós! Vós! Vós!», «É igual, tamén somos Baltar». Como en Watchmen –a serie de televisión– os xefes da policía e os da Cabaleiría eran os mesmos. Ás veces, un chega a pensar se a única derrota orgánica que sufriu Feijóo –cando Baltar venceu o seu candidato no congreso provincial do partido en 2010– non sería en realidade un paripé para lavar a cara de un e lexitimar o poder do outro máis aló do dedazo de papá.

Tras a eliminación de Alemaña por Corea (a mala, a do Sur) no Mundial de Rusia, Lineker reinventou a súa mítica sentenza. «O fútbol é un xogo sinxelo. 22 homes perseguen un balón durante 90 minutos e, ao final, os alemáns non sempre gañan. A versión anterior queda para a historia».

En Ourense, a historia segue detida.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail