O derrube da industria galega que naceu no franquismo

Meirama, Alcoa, Ferroatlántica, As Pontes… a súa orixe en Galicia remóntase ao período da ditadura franquista. Esta primeira xeración industrial morre aos poucos para avanzar cara a unha transición enerxética, non sen traxedias: perda de renda, emprego e poboación.

As grandes compañías do sector siderúrxico galego teñen dúas liñas en común. En primeiro lugar, pertencen a unha primeira xeración industrial que perece co tempo para dar paso á transición enerxética, con graves consecuencias para a renda, empregados e despoboamento, e en segundo, moitas destas agrupacións, como a central térmica de Meirama en Cerceda (A Coruña), a fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao (Lugo), Ferroatlántica (A Coruña) e Endesa nas Pontes (A Coruña), foron impulsadas durante a ditadura de Francisco Franco. Medio século despois, a industria máis contaminante de Galicia di adeus.

O sector industrial en Galicia xera o 18,5% do Produto Interior Bruto (PIB) e o 16,1% de emprego segundo o informe Unha perspectiva económica da situación industrial de España. Os datos deste ámbito estratéxico caeron en 2019. Galicia pechou o ano como a terceira comunidade na que máis baixou a produción industrial (-3,9%) debido á crise, especialmente, da multinacional estadounidense Alcoa e o grupo de Ferroatlántica, cuxos grupos diminuíron a súa actividade pola caída de produción da industria electrointensiva.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

As Pontes e a descarbonización

Na década dos 40, a Empresa Nacional Calvo Sotelo (Encaso) construíu nas Pontes (A Coruña) a maior central térmica de toda España para obter combustibles a partir de materias primas do territorio galego e abordou un complexo carboquímico, de onde se extraeu lignito. En 1972, todo isto pasou a formar parte da entón empresa Nacional de Electricidade (Endesa). Na década dos 90 conseguiron os mellores ritmos de explotación segundo informa o grupo creando 3.000 postos de traballo directos e indirectos.

Trinta anos despois, Endesa solicitou o peche do complexo eléctrico. A razón: o elevado prezo do CO2 que debe pagar para compensar a contaminación que provoca a queima do carbón e a caída do prezo do gas. Espérase que o interruptor da planta se apague a mediados do ano 2021 pola falta de competitividade. Mentres tanto, continúan realizando probas con varias mesturas de combustibles para substituir os megavatios da central de carbón por outros de enerxías renovables. De esta maneira, permitiría unha «viabilidade técnica, ambiental e económica», trazando un plan que permita minimizar o impacto no emprego, de aí a que o seu persoal reclame unha «transición xusta» para os traballadores.

Alcoa e o prezo da enerxía

É o caso máis coñecido polas constantes mobilizacións dos seus empregados. Alcoa instalouse en 1961 en Galicia. A multinacional anunciou en maio deste ano un despedimento colectivo que afectaría a 534 persoas, o que pode desembocar nun peche total da planta de aluminio. As causas da caída deste xigante industrial foron os elevados custos da enerxía e o baixo prezo do aluminio primario, os cales provocaron perdas que se prevé que continúen. En palabras do presidente, Álvaro Dourado, a situación é «insostible». En 2018 a compañía xa contemplou pechar o ano con números vermellos con perdas de ata 20 millóns de euros, máis de 110 millóns nos dous últimos anos.

«Non hai unha aposta decidida a intervir na fábrica. Non hai unha política enerxética seria, parece que imos afrontala coa transformación enerxética», explica o secretario xeral de industria de CCOO, Víctor Ledo. «Somos conscientes de que estes sectores teñen que mudar, pero teñen que consolidarse proxectos serios e cribles, pero a Xunta e o Goberno non se toma isto en serio”.

Así as cousas, o grupo británico GFC Alliance (Liberty) mostrou o seu interese pola planta, pero segundo denuncia Alcoa, «pon en risco o proceso da venda». Liberty pretende tomar o control de todas as fábricas, pero Alcoa non quere vender a refinería de alúmina porque obtén beneficios dela. O prazo para selar o acordo rematou este domingo 28 de setembro e Alcoa finalmente frustrou a venta.

Ferroatlántica en ERTE

De maneira similar que Alcoa, Ferroatlántica (A Coruña) apagou varios fornos e pactou un Expediente de Regulación Temporal (ERTE) cuns 200 traballadores porque o custo da enerxía é non é asumible. Aínda que coñecida por Ferroatlántica, a compañía denomínase agora Xallas Electricidad y Aleciones (XEAL) con dez centrais hidráulicas en Cee e Dumbría. As plantas de Sabón e Dumbría naceron en 1972 e 1975 respectivamente. Segundo informou o grupo nun comunicado, esta situación vén dada por un descenso de demanda desde principios de ano e empeora coa crise económica derivada da covid-19, xa que os seus clientes finais (as industrias da construción e da automoción) diminuíron a súa actividade. Ademais, esta compañía era beneficiaria das axudas do Goberno polas poxas de interrumpibilidade, pero iso xa é cousa do pasado, e no seu lugar o Executivo vai desenvolver o servizo de reserva estratéxica de resposta rápida.

Meirama e a transición enerxética

Tamén a finais do franquismo, Lignitos de Meirama (Limeisa) conformábase como sociedade en 1974. Actualmente propiedade de Naturgy, en 1980 a instalación de xeración eléctrica considerouse a máis importante do estado español e tras corenta anos activa, a compañía presentou a solicitude de peche en 2018 de todas as súas centrais de carbón para apostar pola transición enerxética e renovable. A intención é construír dous parques eólicos e un centro tecnolóxico de gas renovable. Un informe do Ministerio de Industria para a transición ecolóxica e o reto demográfico recolle como desaparecerá esta plantación cun custo de máis de 13 millóns de euros.

O propósito é impulsar o investimento, atraer novas empresas e proxectos á central, pero todo iso afecta a 180 postos de traballo, 77 de persoal e auxiliares. Naturgy implementou un plan con «solucións consensuadas» a través da continuidade nos traballos de desmantelamento da central ou na recolocación mediante «medidas pactadas». A súa man de obra, pola contra, continúa mobilizándose esixindo alternativas e criticando a «falta de compromiso» por parte da empresa.

O bandazo instantáneo da desindustrialización

«No momento no que pecha unha industria o impacto é automático», conta a profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago (USC) María Cadaval. O sector ten empregos «por encima da media» polas características dos traballos e pola man de obra altamente capacitada. Se desaparecen estas industrias, todas as súas persoas pasan a outros sectores produtivos ou emigran para buscar novas alternativas fóra de Galicia.

O problema radica no futuro desas zonas que vivían ao redor destas industrias. «As emisións contaminantes que fai Galicia, se o comparamos co total nacional, triplica o que correspondería segundo o peso do seu PIB», prosegue. «Isto non se pode soster no tempo, a transición é obrigada». A comunidade galega sofre a desindustrialización, pero a xeración nova baseada na transición ecolóxica aínda non se previu con suficiente antelación para o cambio, por iso impacta de maneira tan brusca no tecido produtivo do país.

Así as cousas, as expertas apuntan que Galicia ten capital suficiente para conseguir o reto enerxético, pero preferentemente, debe darse a través da interacción do sector público e do sector privado. «Seguimos insistindo na necesidade de participación e intervención pública nos sectores industriais ou estaremos sempre en mans das multinacionais que desde logo o último que teñen en conta son as persoas», apostila Víctor Ledo, de CCOO. Por exemplo, o naval galego tamén continúa resistíndose tras externalizar o proceso de construción, perdendo a capacidade i+d+i e competitividade a nivel internacional.

Con todo, na industria galega non todo son malas noticias. A fábrica de vehículos PSA de Vigo iniciou a súa actividade en 1958 como factoría de Citroën e máis tarde de Peugeot. É un dos grandes cimentos da economía galega. Representa sobre o 30% das exportacións de Galicia e goza de boa saúde tras afrontar o reto dos coches atmosféricos. Actualmente, goza dun pico de contratos, exactamente 7.500 traballadores directos, algo que facía anos que non alcanzaba, froito das vendas da furgoneta e do Peugeot 2008.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail