Josetxo Fariña, o último miliciano galego de Trintxerpe

O pasado domingo 20 de setembro o Trintxerpe vestiuse de loito. José Ignacio Fariña Chans, máis coñecido nese recuncho galego en Guipúscoa coma Josetxo Fariña, faleceu aos 87 anos, lastrado por unha enfermidade ca que levaba convivindo unhas cinco décadas. Acudiron ao seu funeral preto de 250 persoas. A maioría, mostrando respecto aos seus máis variados roles vitais: pai, avó, amigo, mariñeiro, fillo de galegos, anarquista e, no tempo no que levaba desfrutando da xubilación, frenético cronista de barrio.

Ironías da vida, poucos coñecían a que debeu ter sido a súa obra máis famosa. Esta, o xenuíno exercicio de memoria histórica sobre os milicianos galegos que loitaron, durante a Guerra Civil, no Exército de Euzkadi, permanecerá nos folios e libretas que o mesmo Josetxo escribiu a man. Algún día, xustiza poética mediante, sobrevivirano coma pezas de museo.

Josetxo Fariña mostrando a súa libreta a Josetxo Domínguez . Foto Javi Julio

Adoitaba dicir Josetxo Fariña que todo ese traballo histórico levárao el a cabo porque “ninguén o quería facer”, o cal non deixaba de ser certo, ao menos en parte. Fóra del, só a iniciativa persoal doutros historiadores coma Dionisio Pereira, Sergio Balchada ou Xosé Estévez intentou botar algo de luz sobre este descoñecido episodio da guerra. No que respecta ás institucións, a nada máis absoluta.

Para Fariña o tema era persoal. Nacido en 1934 no Trintxerpe, os seus pais eran emigrantes galegos chegados a este distrito dende Corme, na Costa da Morte. Coma outros miles de compatriotas ían na busca de comida. Aos poucos anos, tamén coma outros centos de paisanos asentados na ría de Pasaia, os dos finarían pola mesma causa: rebelarse ante o golpe de estado fascista do 1936.

Esta relación da costa galega co Trintxerpe comezara nas primeiras décadas do século XX. Os armadores guipuscoanos que capitalizaban a nova pesca industrial moveran a súa base de Donostia cara ao outro lado do Monte Ulía, á Ría de Pasaia. A cidade era un destino de luxo para as elites europeas e non se podía permitir tanto fedor aló, na preciosa baía da Concha. A industria marchou cara ao seguinte entrante de mar e o problema solucionouse: o luxo a un lado, os obreiros ao outro.

Con roupas de mar e botas impermeables marcharon ás Peñas de Aia a combater os requetés carlistas, ao cuartel de Loiola para facer fronte aos militares.

Por iso de que os marxes do negocio sempre se poden mellorar, foi nesta mesma época que os empresarios guipuscoanos comezaron a importar mariñeiros galegos para os seus barcos. Ao revés que os máis politizados arrantzales euscaldúns, os galaicos tiñan fama de cobrar pouco, traballar moito e calar sempre. Foi así que chegaron por moreas. E para asentar a toda aquela diáspora, os armadores levantaron un barrio ao pé do Monte Ulía, na ribeira da Baía de Pasaia, xusto baixo o caserío Trintxer. Ao lugar chamóuselle Trintxerpe, e funcionou dende eses comezos de século coma un gueto insalubre para os mariñeiros galegos e as súas familias.

Malia aconteceu o inesperado na que se coñeceu coma a quinta provincia: que os mariñeiros acabaron por ser máis rebeldes do que parecía, que a CNT se converteu cos anos no sindicato maioritario no barrio e que, tralo golpe de estado de 1936, a meirande parte do Trintxerpe organizouse en milicias. Con roupas de mar e botas impermeables marcharon ás Peñas de Aia a combater os requetés carlistas, ao cuartel de Loiola para facer fronte aos militares. Tamén ás batallas de Donostia e Irún.

Outro miliciano galego máis, o pai de Josetxo, Ramón Fariña Amigo, viviu aló a súa primeira derrota. O seu esforzo e o doutros miles foi en vano, pois Guipúscoa tardou pouco en quedar nas mans do exército sublevado. Para outubro de 1936, a maioría da provincia xa era territorio nacional. Mais aínda que o seu barrio non o fixo, os galegos de Ría de Pasaia resistiron. Marcharon en masa cara a Bilbao e convertéronse alí en parte da resistencia republicana ante a ofensiva das tropas do xeneral Mola. Os homes integráronse no Exército de Euzkadi, organizados a maioría en milicias anarquistas coma o Batallón Celta —que portaba o lema “milicias antifascistas galegas”— ou o Batallón Bakunin. Mentres, a maioría de mulleres e nenos, coma un Josetxo que contaba daquela con dous anos, tiveron que refuxiarse en condicións paupérrimas na cidade bilbaína. “Vivíamos nunha especie de almacén, ao raso, cas alarmas polos bombardeos sonando todo o rato”, recordaba fai non moito o propio Fariña.

Moitos morreron. Na fronte, establecida nos montes de Biscaia e Araba, centos de galegos caeron na extraordinaria resistencia do Exército de Euzkadi perante o avance do exército nacional. O pai de Josetxo pereceu en Otxandiano, xa no ano 1937. Nese mesmo tempo, na retagarda, as causas eran diferentes pero a fin era a mesmo. A nai de Josetxo así coma a súa irmá pequena faleceron por sendas enfermidades no precario exilio de Bilbao. E así, en 1938, orfo, perdida a guerra cando Mola iniciou a última ofensiva sobre o norte, e acompañado dos seus avós e o seu irmán, Josetxo marchou de volta ao Trintxerpe previo paso por Francia. Cando chegaron, pouco quedaba da quinta provincia loitadora e orgullosa. Aquelo, como contaba sempre Fariña, era xa “un barrio de perdedores”.

Foi dende esas rúas míseras da posguerra onde comezou a desenrolar todos os papeis que se lle coñeceron. Anarquista convencido, mariñeiro, pai, avó e un largo etcétera. E tras vivir as mellores épocas da pesca do bacallau, esa que trouxo a moitos máis galegos á Ría de Pasaia coma se dunha febre do ouro se tratase, Josetxo descubriu o tempo libre. Consecuencia deste máis que merecido lecer, chegou a obra que, segundo el, ninguén quixo facer. En papeis soltos, en pequenas libretas que levaba consigo a cada paseo polo barrio, comezou a apuntar os nomes de todos aqueles galegos e non galegos que morreran no esquecemento: nas montañas de Euskadi, nos sotos de Bilbao, no Mar Cantábrico. Estudando, lendo, ou preguntando a expertos ou familiares chegou a coñecer as súas datas de nacemento, de morte, a súa cidade de orixe, os seus apelidos, o lugar de residencia antes de marcharen á guerra, o nome dos seus batallóns. Todo o que puido coñecer sobre os milicianos e gudaris da Bahía de Pasaia e outros tantos lugares.

Aínda que esas libretas e folios soltos tamén gardaban información do máis curiosa hoxe permanecen coma a maior homenaxe que se fixo aos máis de 1.000 milicianos galegos que formaron parte do Exército de Euzkadi

Aínda que esas libretas e folios soltos tamén gardaban información do máis curiosa —Fariña paraba a falar con calquera polo barrio e, se lle contaba algo que el consideraba interesante, escribíao no seu caderno—, hoxe permanecen coma a maior homenaxe que se fixo aos máis de 1.000 milicianos galegos que formaron parte do Exército de Euzkadi e ás súas familias. A esa descoñecida odisea de xentes mariñeiras coma os Fariña Chans, que a tantos perderon por defender a liberdade en montañas moi afastadas da súa casa.

As casas que se construíran para acollelos no seu momento aínda seguen aí, na ribeira da Ría de Pasaia. Pásalle o contrario que á cultura galega que, sen moitos pilares que a sosteñan, leva tempo xa a derrubarse no Trintxerpe. Neste recuncho de Euskal Herria, a morte de Josetxo foi outro paso máis cara a amnesia de todo o que teña acento do noroeste. O proceso será largo, máis é irreversible. E así como no día do enterro de Josetxo Fariña aínda se escoitaba de cando en cando o idioma orixinal destas rúas, poucas cousas mostran tanta galeguidade coma as necrolóxicas: nelas, os apelidos dos vellos que van morrendo sempre evocan a Corrubedo, a Corme, ao Son e a todos os lugares atlánticos que mandaron aquí aos seus mariñeiros.

O pasado domingo 20 de setembro, o nome e apelidos que mostraban as necrolóxicas do distrito eran os do ancián que funcionou coma a súa memoria histórica. Quen sabe, tan rápido e rebelde foi sempre ese home, que aínda lle daría tempo a incluír esas catro palabras na última liña do seu caderno: Jose Ignacio Fariña Chans. Para o Trintxerpe, Josetxo Fariña, o último dos milicianos da quinta provincia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail