A pinza temporal de Educación

«Si te me pones lejos o cerca

ya se me antoja que eso me da igual,

que la distancia más peligrosa

es la distancia prudencial.

A poco más…

A poco más de metro escaso, a poco más…

A poco más de metro escaso… a muy poco más».

Siniestro Total. «A poco más de metro escaso»

Hai un momento en Tenet (Christopher Nolan, 2020), o primeiro acontecemento cinematográfico postcovid, en que dous grupos de soldados converxen cara ao mesmo punto temporal. Uns veñen do pasado, como fariamos todos; os outros dende o futuro, movéndose marcha atrás, como se os estivesen rebobinando. Estes últimos saben todo o que vai pasar e poden utilizar esa información para o éxito da misión. A isto chámanlle «movemento de pinza temporal».

Dende que a vin, esa manobra pareceume a mellor explicación posible do que está a pasar na Consellería de Educación. Imaxinemos que ese punto de unión temporal é o luns 7 de setembro, cando Román Rodríguez toma posesión do cargo de conselleiro substituíndo a Carmen Pomar. Pomar chegou ata aí como chegamos todos, cunha secuencia lóxica das cousas… ou, polo menos, ordenada.

Agardou a vitoria electoral do PP para presentar o protocolo «máis exhaustivo de España» en que facía bandeira do metro de separación e das ratios de 25 alumnos por aula. As súas medidas provocaron unha folga dos sindicatos, pero Pomar respondeu con toda unha declaración de intencións: «Aínda que queiramos ou que puideramos desdobrar os grupos, non teríamos espazos suficientes para ir a ratios de quince alumnos». Uns días despois, goberno e comunidades autónomas pactaban o protocolo que consagraba o metro e medio de separación (en secundaria). Os espazos que non chegaban para desdobrar grupos tiveron que ampliarse ata cincuenta centímetros por alumno. Os equipos directivos transformáronse por unhas semanas en auténticas brigadas de demolición.

O Román Rodríguez que tomou posesión o 7 de setembro daba a sensación de ter visto todo iso dende o futuro. El chegaba dende unhas semanas máis adiante, cando xa se podía admitir que a xestión educativa fora un auténtico despropósito e por iso puido tomar decisións impensables no presente, como decapitar a toda a cúpula da Consellería. «O que acontece, aconteceu». Facer leña dunha maceira caída é doado e, por iso, a prensa amiga que levaba meses sen atopar ningún problema nos protocolos, tamén caeu do cabalo. Román viaxou no tempo con eses artigos xa lidos…

Porén, no discurso de Feijóo, máis aló dunha desculpa pola «confusión» no inicio do curso –da que era doado inferir a culpabilidade do Goberno central–, non houbo autocrítica: Pomar marchaba porque había que reducir unha carteira para facer oco á de Emprego, máis nada. Así, o orgullo do presidente quedaba intacto. A cambio, transmitía a concepción da Educación –unha das principais competencias autonómicas e un dos piares básicos do estado do benestar– como unha materia prescindible ou, polo menos, doada de compatibilizar con outras responsabilidades; algo que, por exemplo, non acontece con Sanidade nin con Política Social e que en calquera outro ecosistema mediático seguro que lle pasaría factura.

Aínda hai outro motivo para relacionar Tenet coa política de educación da Xunta. A sensación xeneralizada ao saír do cinema é que o filme de Nolan non hai quen o entenda. O da Xunta, tampouco.

Aínda que poida inverter a súa propia entropía para moverse polo tempo, de momento, Román Rodríguez non semella ter sacado ningún proveito dese poder. Só é outro conselleiro de Educación camiñando cara atrás. Coma os cangrexos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail