Beirut, o gran teatro do mundo

Beirut, escenario mediterráneo e intenso no que se dan todos os aspectos da condición humana ata a esaxeración; unha caixa de resonancia na que a guerra puxo en evidencia as contradicións, odios, amores e delirios da gran familia do home dividida e enfrontada por tribos irreconciliables que ás veces viven nun estado de semipaz, outras enfróntanse violentamente, outras mestúranse timidamente, tocándose un pouco os bordos.

7 retratos de 7 artistas. Beirut como marco, a guerra como marca, marca de lume. Indeleble. Os recordos como nubes do pasado que non se queren ir, e un futuro cunha espada de Dámocles que pende sobre as súas cabezas. A respiración contida, temendo o peor. A arte como único rescate, único sentido ante o absurdo.

Philippe Aractingi, director de cine. Baixo as bombas foi rodada durante a guerra, con explosións reais, mortos reais, con dous actores profesionais e o resto xente do lugar. A protagonista, en busca do seu fillo desaparecido, nun momento dado da película di: «non me interesa Israel, non me interesa Hezbollah. Non é a miña guerra. É o meu fillo».

Aractingi pregúntame onde quero facerlle o retrato. Nalgún lugar co que se identifique, dígolle. Lévame ás montañas. As montañas do Líbano, ese país tan pequeno no medio de xigantes. Montañas que son como unhas costas nas que o Líbano se reclina ante un abismo desde o que o cantil se esfraga no Mediterráneo oriental. Lévame ao xardín da súa infancia, entre ruínas e piñeiros e móstrame os lugares polos que corricaba e soñaba, cando a vida era un gran lenzo e parecía un camiño eterno. É tamén documentalista. Documenta todo o que ve, como nun gran cadro de Brueghel.

Hyam Yared, escritora. Entre os seus títulos: A maldición, O armario das sombras, Estética da predación. É unha muller forte, decidida, clara, rotunda e acolledora. Nai de 5 fillos, é a gran nai deles e muller independente todo xunto. Os seus ollos alegres indican que nos aproximemos sen temor. Xenerosa, riseira, algo despistada e namorada das palabras, o eixe portante da súa obra é a aceptación da vulnerabilidade como porta cara ao crecemento interior. Mestra en narrar sentimentos, espidos ante espellos de habitacións de casas que son acubillos, covas, niños. E que protexen da guerra, da barbarie, do horror. Na súa casa, chea de obras de arte, fóra do centro de Beirut, divísase ao lonxe o horizonte da cidade desde as ventás enormes do comedor. Fotográfoa ante un cadro enorme no que unhas bombas negras e moi grandes caen sobre a cidade. Durante a sesión vixíanos a súa avoa, cuxa morte a marcaría para sempre, alma mater do universo Yared e personaxe feminino do que a escritora se nutre para avaliar e explicarse a si mesma e aos demais o mundo.

Katya Traboulsi é dunha sinxeleza maxestosa. A súa longa melena, os seus ollos delicados, o movemento silencioso das súas mans. Fala baixo e transforma as bombas en arte. Na súa exposición Perpetual identities cada bomba representa unha identidade nacional. Por exemplo, a bomba de Palestina está formada por moitas chaves antigas. Chaves de portas de casas de familias e de universos perdidos. Ou, por exemplo, a bomba de Austria ten na súa cúspide a follaxe de bronce dourado da cúpula modernista do Pavillón Secesión de Viena. A bomba do Líbano é de cemento gris e está envolta en arame de púas. A bomba uzbeka é multicolor e leva colares de prata. A bomba de Iraq ten un rostro. Rostro de estatua milenaria. Katya míraa aos ollos, pon as súas mans suaves sobre o rostro, coma se fose unha persoa amada á que se achega docemente. Acaríñalle a cara á bomba, á estatua, á historia. É un diálogo entre almas.

Nadia Saffiedine pousa ante os seus cadros escuros e dolorosos coma se fose un cabaleiro de hai séculos. Fáltalle levar a man ao peito. É unha muller forte, determinada, de honra e rigor, sen ningunha condescendencia ante a necidade. Malia a súa expresión tallante, é de conversación fácil, longa, agradable. Pregunta e escoita atentamente. Os seus cadros son lenzos do horror, da loita, nos que se subliña a non aceptación da barbarie, contra o delirio imperante. Viviu en Berlín dez anos e móvese entre Oriente e Occidente nun valse de pasos cambiantes. Acaba de expoñer na sala Agial Art Galery, no distrito de Hamra, baixo o título Woman in a stream.

Nadia Tabbara, guionista. Criouse en Boston e empezou a súa carreira en Nova York, pero aclara con orgullo que a súa familia é de Ras-Beirut, o barrio «máis auténtico» da cidade e no que vive actualmente. Autora dun dos capítulos do libro Arab Women. Fundadora da academia Fade In Beirut, no antigo barrio de Mar Mikhael, na que se ensina a escribir guións, novelas, contos, relatos, poesía, a afondar na espiritualidade e a utilizar a narración como instrumento de crecemento. Sinxela e cordial, cando se lle pregunta por que escribe contesta que quere «prestar a súa voz». Volveu ao Líbano para que os occidentais poidan ter outra visión dos árabes, para poder «contar a nosa verdade no canto de que a conten outros no noso lugar». Actualmente está a ser rodada a súa serie de televisión, titulada Awake, e que trata dunha muller que debe «acharse a si mesma nun mundo que non recoñece».

Lucien Bourjeily é un dramaturgo coñecido polo seu activismo político e o seu uso da improvisación para eludir a censura. Acaba de estrear a súa primeira película Heaven without people na que unha familia se reúne para celebrar a Pascua e ao final os seus membros acaban tirando os trastes á cabeza. Tal cal a historia do Líbano. Tal cal a historia do mundo. Bourjeily é home de poucas palabras. Séntase nun banco no parque detrás da súa casa, a onde adoita ir en busca de inspiración, de paz e de verde e, enfrascado en si mesmo, empeza a escribir con lapis nun caderno, en silencio absoluto. Foille retirado brevemente o seu pasaporte e hai dous anos fíxose viral unha foto na que aparecía no chan inconsciente, cunha máscara de oxíxeno, atendido por médicos de urxencia tralas cargas da policía.

Carla Hanoud é xornalista do diario francófono L’Orient-Le Jour. Unha pluma áxil e prolífica e unha voz feminista acreditada. Como boa xornalista, de todos, Carla é quen explica de forma máis didáctica, clara e analítica a situación do Líbano: «vivimos un conflito que é máis grande ca nós, non se trata xa só do Líbano, senón dos Estados Unidos, Irán, etc». Conta a estraña sensación cando a súa familia regresou á casa que estivo ocupada durante 30 anos, e volveu ver o papel pintado nas paredes. En Beirut moitas cousas cambiaron, moitas seguen intactas. Como o rañaceos Al Murr, hoxe abandonado e baleiro, fantasmagórico –a entrada bloqueada por militares parapetados tras sacos terreiros– desde onde os francotiradores disparaban aos transeúntes. Estes edificios aínda en pé son como mortos vivos.

Tamén fotógrafa, está preparando un libro sobre a Corniche de Beirut, un espazo máxico fotografado baixo todas as súas luces e sombras. Explica que nas súas fotos encadrou de maneira que se vexa só o azul, ignorando o lixo aos lados: illar fragmentos e recrear mundos, encadrar o que un ama e ignorar o que non como única fórmula para sobrevivir. «Os políticos móvense por intereses persoais, eu non puxen aí ese lixo. Tampouco podo quitalo. O único que podo facer é detectar a beleza máis aló do lixo, encadrala e sobrevivir». Cultivar o propio xardín como misión e como salvación.

Quen viviu a guerra aprendeu a vivir o instante pois nunca se sabe se vai morrer. Por iso, a forza vital estala con tal forza que se reconstrúe, créase, organízanse festivais de música, exposicións, películas… cunha vontade de continuar indomable, malia todo. «O Líbano é un caos organizado, que non se sabe como funciona. Un país no que conviven ultramodernos e ultraconservadores. É unha milagre. Non é un país que se visita senón unha experiencia que se vive».

Une a todas estas persoas unha gran lucidez. «Todo é emoción, todo é paixón, todo é cólera», di Carla. Beirut, o gran teatro do mundo. E a arte como bálsamo no país dos cedros.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail