Galicia e os incendios forestais: O petróleo verde que arde

Pouco despois de iniciarse a tempada alta de incendios xa se produciu a queima máis grande do ano. Un xullo precoz en calor, fortes ventos e ausencia de choiva favoreceron a propagación das chamas en Ourense. Unhas vagas de lume que sufrirá Galicia durante os próximos meses.

«Galicia non arde, quéimana». Esta frase rexorde das cinzas cada ano na época estival. Cando o 1 de xullo soan as alarmas por risco alto de incendio, a poboación galega sabe que as malas noticias non tardarán en chegar e que máis pronto que tarde, unha fumareda negra tinguirá os ceos. Este ano a alta temperatura, o vento e a falta de humidade propiciaron que xa se producise o incendio máis grande do ano en Monterrei (Ourense). Máis de 1000 hectáreas queimadas en tres días.

Segundo datos do Ministerio de Agricultura, en 2019 en España rexistráronse 3.593 incendios. En Galicia arderon máis de 6.840 hectáreas por 1.676 sinistros, 1.294 de menos dunha hectárea. Destes focos a Xunta non informa, tampouco daqueles inferiores a 20 hectáreas a non ser que poñan en perigo a un núcleo de poboación ou a un espazo verde protexido. O Noroeste de España representou o 45,98% de superficie forestal afectada. Con todo, os últimos datos relativos ao 2020 apuntan a que esta área xa agrupa o 72,06% da zona forestal queimada e un 61,94% o arboredo, e de aí xorden respostas.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Preguntado pola causa pola que arde Galicia, o catedrático da Universidade de Vigo (Uvigo) Luís Ortiz, sostén que «non podería ser doutra maneira» e que o raro sería que «non ardese». Son varias as cuestións que se entrecruzan para explicar a problemática. En primeiro lugar, o profesor de Enxeñería de Recursos Naturais postula que en Galicia existe un «combustible» que fai posible o fragor das chamas. A superficie forestal na comunidade ascende a dous millóns de hectáreas e o 70% do total son terreos con árbores. Tamén, Ortiz mantén que a ordenación do territorio é un factor fundamental para resolver a cuestión.

«A ordenación estará nun 4 ou 5% de superficie. O 98% dos montes son propiedade pública e non están explotados. Hai máis de 650.000 propietarios e o minifundio non o favorece», prosegue. De moitos terreos das zonas rurais descoñécense os seus donos, as superficies están abandonadas e non existe un coidado preventivo xa que a falta de gando propicia que as matogueiras e a masa vexetal continúe crecendo, o que favorece chegado o momento á propagación do lume. As especies que abundan en Galicia nos arboredos son o pinos e o eucalipto, dúas variedades moi pirófilas.

A Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) coincide en que o principal problema radica na planificación das zonas e que como consecuencia lastra o desenvolvemento rural, posto que aquelas persoas que deciden dedicarse á agricultura e á gandería non poden facelo porque non hai espazos suficientes. Conta o seu secretario técnico e biólogo, Martiño Cabano, que estes lugares están ocupados por pinos e eucaliptos e que no medio desas plantacións hai casas, algo ilegal que desembocou en denuncias aínda sen resolver.

Pola súa banda, a ordenación do territorio non se inclúe dentro do discurso da Xunta de Galicia. Consultado por Luzes, o director xeral da Defensa do Monte, Tomás Fernández Couto, sostén que «dificilmente» a ordenación do territorio axuda, posto que as persoas que «están a poñer incendios pola noite» non teñen que ver, senón que é propiamente un «delito». Niso insiste Fernández, que recalca que para que sigan diminuíndo os incendios forestais ten que «desaparecer a acción das persoas que queiman».

Na comunidade o 80% dos incendios prodúcense con intención de queimar. Segundo o último informe do Ministerio de Agricultura do decenio 2006-2015, en España o 37,85% dos sinistros orixínanse pola queima agrícola ilegal e abandonada; o 29,99% pola queima para a rexeneración de pastos e só un 7,17% por pirómanos. Os datos sobre as neglixencias no Noroeste, en comparación con outras zonas reflicten que o número é moito menor: Un 14,5% en comparación coas comunidades interiores ou co Mediterráneo, que se sitúa case nun 45%.

Índice diario de riesgo de incendios. Fonte: Consellería do Medio Rural.
Índice diario de riesgo de incendios. Fonte: Consellería do Medio Rural.

A actividade incendiaria en Galicia tende a repetirse nas mesmas zonas. En 2014 a Xunta fixou ata 79 parroquias con risco de incendio, pero este ano diminuíron ata 28. Delas, 22 da provincia de Ourense, catro da Coruña e dúas en Pontevedra. Segundo a Consellería do Medio rural non hai unha «liña común» entre estes territorios con factores que se repitan, pero sobresaen incendios delituosos que teñen que ver con «queima de chatarra» ou de «material eléctrico para eliminar o plástico que cobre o cobre».

A queima de montes e pastos para dar outro uso ao chan está moi arraigada en Galicia, principalmente en Ourense. Nun pasado, a poboación queimaba a zona porque non había apenas vexetación e podíase controlar, algo que a día de hoxe é imposible. O Goberno galego prohibiu ata o 30 de setembro, cando finaliza a época de incendios, as queimas de restos agrícolas e forestais. «Hai xente que prefire ter pastos e que quere ter outras explotacións forestais, pero tamén hai que sinalar as redes veciñais e problemas entre eles», sinala o profesor.

O lume forma parte da mitoloxía galega: lendas, a queimada, a noite de San Xoan… Pero a súa práctica xoga na súa contra. «Ao non haber un afecto profundo ao monte, os territorios pénense como se teñen», prosegue Ortiz. Considera que en Galicia o territorio verde non se valora e non se considera algo útil, e por iso antes ou despois alguén o tentará queimar. Os días 30-30-30 (graos, ventos km/ h e días sen chover) son os máis temidos para a comunidade, xa que, moitos incendios, sobre todo os GIF (Grandes Incendios Forestais) non son posibles de apagar ata que mudan as condicións meteorolóxicas.

A aposta pola extinción sen prevención

Durante as últimas décadas apostouse pola extinción dos incendios. O cambio climático amplía a seca de verán, e as brigadas contra incendios, que poden ter contratos de nove ou seis meses, terminan o traballo cando aínda non empezaron os problemas. A Xunta investiu 180 millóns para o Plan de prevención e defensa contra vos incendios forestais en Galicia (Pladiga), que se destina a medios humanos e técnicos, como hidroavións (cuxo voo pode roldar a hora entre 5000-6000 euros), avionetas e helicópteros.

«Todo este diñeiro deberíase gastar de forma sistemática en crear devasa, puntos de auga e propiciar a silvicultura», engade o profesor, debido a que de momento non é posible impedir que os montes ardan. Segue o biólogo Martiño Cabano: «Se conseguimos que determinadas zonas teñan unha orla de vexetación autóctona creando franxas de protección favorecerá a loita contra incendios», así como promover «un tipo de gandería extensiva» para contribuír a unha defensa «a longo prazo», a única posible para el.

O Goberno autonómico tivo que enfrontar a mesma semana na que ardeu Monterrei o anuncio da folga dos técnicos de prevención de incendios, que denunciarán ante a Consellería as súas condicións laborais e a «falta de interese da Xunta por negociar», unha protesta que xa empezou o 1 de agosto. Mentres tanto, a actividade incendiaria non cesa. A semana pasada o Goberno galego rexistrou cinco incendios en menos dunha hora en Cotobade (Pontevedra). O executivo de Feijóo espera que este ano ardan menos de 17.000 hectáreas. Aínda que se cumpran as súas expectativas, xa agromou a cicatriz do bosque queimado.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail