Fernando Martínez, director xeral para a Memoria Histórica: «Meirás pode ser unha vía que outras familias transiten para recuperar as súas propiedades»

Fernando Martínez (Vélez-Blanco, Almería, 1941) foi director xeral para a Memoria Histórica durante os primeiros nove meses de Goberno de Pedro Sánchez. Foi o primeiro. Antes exercera de alcalde de Almería polo PSOE e fora responsábel da elaboración do mapa de fosas de Andalucía. A mediados de xullo participou nunhas xornadas sobre memoria histórica en Sada, convidado como o impulsor da demanda do Estado español contra os Franco por Meirás. Veu co tempo xusto, moi ocupado en reunións de partido nos días previos á investidura, mais accedeu a esta entrevista con Luzes a través do correo.

Fernando Martínez é un demócrata prudente e paciente, un divulgador rigoroso, un político comprometido coa causa das vítimas. Non dá un paso máis longo que outro. Pero di cousas que á maioría da Academia aínda lle custa expresar. Por exemplo, en Sada: «A liturxia nacional-católica preocupouse fundamentalmente de montar un discurso maniqueo. Nese discurso deturpado os seus caídos nunca se esquecían, e o que se esquecía eran as vítimas dos vencidos. O que habería que preguntar hoxe é se se dá un discurso asimétrico e excluínte. Que pasou coas vítimas dos vencidos cando chegou a democracia? Que pasou con esas vítimas da represión física, das depuracións profesionais, das incautacións de bens e dos tribunais de responsabilidades políticas que se mantiveron durante 30 anos?… Pois na democracia, nos primeiros anos, continuou aquel discurso asimétrico porque quen hexemonizou o proceso de transición foron os reformistas do réxime. En Alemaña ou Italia, os que gañaron a guerra cambiaron o discurso situándoo nos valores democráticos. Aquí non. Durante moito tempo tivemos que seguir convivindo con aquel discurso do medo, do terror que perdurou».

Como foi esa breve experiencia como primeiro director xeral para a Memoria Histórica? Na primeira rolda de prensa que dei como director xeral había moita expectación. Había cantidade de medios de comunicación, mesmo estranxeiros… Cando rematei de facer a exposición, un xornalista de El Español, que como é sabido non é un xornal progresista, preguntoume: «Como valora vostede aos asasinados e os asasinatos que se produciron no Madrid republicano?». Respondín inmediatamente: «Son vítimas». E expliquei: «Son vítimas dos vencedores, que foron reparadas econo-micamente e foron obxecto dun estudo que haberá que actualizar. Tiveron reparacións económicas para eles, para os seus familiares, para os fillos… e, sistema-ticamente, reparacións morais. Os que xa imos vellos lembramos que todos os 20 de novembro, en toda España, facíase unha noite para velar arredor da cruz dos caídos aos chamados ‘caídos por Dios y por España’…». E engadín: «As vítimas dos vencedores foron todas reparadas. As vítimas dos vencidos, neses mesmos lugares nos que se facían aquelas conmemoracións, estaban fóra da escena pública; eran estigmatizadas como os causantes da guerra e dos crimes, como ‘rojas’ e ‘rojos’… Iso durante 40 anos».

Mais si houbo reparacións ás vítimas dos vencidos. Deches a cifra de 21.334 millóns de euros como total do gasto do Estado coas vítimas do franquismo. Parece moito, por que se viu tan pouco? Esa é a cifra actualizada de reparacións económicas levadas a cabo polo Estado español desde 1978 ata o 31 de decembro de 2018, especialmente en pensións a militares republicanos, carabineiros, viúvas de guerra, orfos, nenos da guerra, por anos de cárcere… É unha cifra que apenas se coñece, pero é preciso dala a coñecer para quen apuntan que non se fixo nada. Creo que foi insuficiente, pero foi unha reparación económica significativa desde os primeiros momentos da democracia.

Coa pregunta anterior trataba de chamar a atención sobre a seguinte cuestión: fixéronse políticas de memoria, pero sempre un pouco ás agachadas. Pódese afirmar que houbo unha política de Estado de memoria digna de tal nome, sen medo? Eu situaría dúas etapas nas políticas públicas de memoria. Unha primeira, de carácter espontáneo, levada a cabo durante os primeiros anos da transición por familiares, sindicatos, partidos de esquerdas e os concellos democráticos. Iniciáronse as exhumacións sen rigor científico, realizáronse cambios simbólicos como o cambio dos nomes das rúas franquistas de moitas cidades e vilas… E desde o Estado inícianse as reparacións económicas ás que me referín antes. Isto termina a principios dos oitenta, especialmente tralo golpe de Estado de 1981. A segunda etapa, baixo o impulso do movemento memorialístico, das súas asociacións, cristaliza na Ley de Memoria Histórica de 2007 pola que o Estado impulsa políticas públicas de memoria e prodúcese o recoñecemento e a dignificación das vítimas do franquismo, realízanse exhumacións con carácter científico, confecciónase o mapa de fosas, créase a Oficina de Víctimas, e ponse en marcha o coñecemento da verdade a través de numerosas investigacións. Todo isto remata coa chegada de Rajoy e do PP ao Goberno e a súa política de cero euros para a Ley de Memoria. Mentres tanto, quen vai manter políticas de memoria son algunhas comunidades autónomas que se dotan de instrumentos normativos e leis de memoria propias, programan exhumacións, etcétera. Trala moción de censura que fai caer o Goberno de Rajoy, o Goberno socialista retoma decididamente as políticas públicas de Memoria a través da creación dunha Dirección General no Ministerio de Justicia desde onde se crean as bases para o impulso do proceso das exhumacións lideradas polo Estado, prográmase a conmemoración do 80 aniversario do exilio republicano español en máis dun centenar de cidades de tres continentes, lévanse a cabo as reparacións, impúlsanse os estudos preliminares de fosas do cemiterio de Córdoba, e en Alfacar, Viznar ou Padul [as tres, localidades granadinas], realízanse estudos sobre batallóns disciplinarios, apróbase un Decreto de recoñecemento ás vítimas dos campos nazis… E especialmente, procédese ao proceso de exhumación do ditador do Valle de los Caídos e a demanda para restituír para o dominio público o Pazo de Meirás.

Cal é o teu vínculo persoal coa Guerra Civil? O meu avó materno estivo durante varios anos no cárcere logo da Guerra Civil. Eu achegueime ao estudo deste período pola miña profesión como historiador de Contemporánea na Universidade de Almería.

Ata que punto cres que se asentou a idea de tratar con «equidistancia» as vítimas dun e outro bando? Ata que punto iso é un problema para as políticas de memoria que defendes ti mailo teu partido? En primeiro lugar, produciuse un tratamento asimétrico das vítimas. As dos vencedores foron reparadas económica e moralmente durante os corenta anos de franquismo, investigouse o que lles pasou a través da Causa General. A liturxia nacional-católica encargouse de construír un discurso oficial e maniqueo no que nunca se esquecía aos seus mortos. Mentres tanto as vítimas dos vencidos eran criminalizadas, estigmatizadas e invisibilizadas e ese discurso asimétrico e excluínte permaneceu durante os primeiros anos da transición á vez que se iniciaba unha reivindicación de reparación das vítimas dos vencidos e impulsábanse espontaneamente políticas de memoria. En segundo lugar, unha certa historiografía tradicional abundou nas formulacións de «todos fomos culpábeis», e noutras de claro trazo revisionista sobre a necesidade da equidistancia e a responsabilidade compartida, pouco rigorosas coa xénese e as causas da Guerra Civil. Estas teorías, aínda vivas entre determinada xente, dificultan o impulso das políticas de memoria, aínda que eu creo que paulatinamente se van debilitando.

Tes sinalado que a próxima debe ser «a lexislatura da memoria» porque é urxente, acábase o tempo… A que tempo te refires? Ves risco de que caiamos nun «esquecemento»? Así o creo. Debe ser a lexislatura da memoria. Desapareceron moitas vítimas pero aínda quedan algúns dos seus fillos e fillas e temos que darnos présa para que poidan ver reparados aos familiares. Son optimista, sempre hai riscos e máis agora co auxe da extrema dereita, pero o Estado democrático ten o deber de memoria e de resolver dunha vez por todas o coñecemento da verdade, a xustiza e a reparación das vítimas do franquismo e da Guerra Civil non reparadas. Así nolo esixen os organismos internacionais humanitarios como a ONU.

Que nos din o Valle de los Caídos, Meirás e as fosas dunha democracia de 40 anos? Que son temas que a democracia debería resolver antes. Agora ben, como indica o dito «nunca es tarde si la dicha es buena».

Cal foi a estratexia da Dirección General para la Memoria Histórica para sacar a Franco do Valle de los Caídos? Cando e como esperas que conclúa o proceso? O obxectivo foi sacar o ditador daquel mausoleo seguindo o acordo do Congreso dos Deputados. Desde o Goberno déronse todos os pasos parlamentarios e xurídicos para iso, e ata antes de terminar a anterior lexislatura, acordouse levar a cabo a exhumación o día 10 de xuño, feito que non se puido producir porque a sala do contencioso do Tribunal Supremo impuxo medidas cautelares. Eu espero que se resolva pronto e poida ser exhumado o ditador daquel mausoleo e inhumado no cemiterio do Pardo. O ditador non pode repousar xunto ás súas vítimas. Nin pode ter un lugar de homenaxe pública.

En Sada tamén reafirmaches o teu compromiso decidido cunha solución para Meirás. Que é o que te levou a esta implicación persoal? Que cousas novas aprendiches sobre o franquismo con este caso? Cando estiven na Dirección General recibín os acordos da Deputación da Coruña e da Xunta e a miña obriga foi transmitilos á Abogacía General del Estado no Ministerio de Justicia para que os estudase e obrase en consecuencia. Daba a impresión, desde o primeiro momento, que había elementos para poñer a demanda e niso traballouse moi intensamente ata que hai unhas semanas se presentou. Realizouse un gran traballo desde a Abogacía. O estudo de todo este proceso serviume para coñecer máis profundamente prácticas de funciona-mento do franquismo.

Carlos Babío sostén que xa se consolidou a idea, na opinión pública, de que Meirás foi un roubo. Estás de acordo? Ves algunha outra idea que se teña socializado e que facilite o proceso de recuperación? Os documentos apuntan por aí. Creo que o magnífico traballo realizado por historiadores como Babío, Pérez Lorenzo e o grupo de expertos da Xunta e da Deputación dará os seus froitos. A iso hai que sumar o método levado a cabo, a discreción, e a unanimidade dos actores públicos galegos.

Cando falas de Meirás, advirtes que será un proceso longo, cheo de dificultades e con «xente» que poñerá obstáculos. Quen obstaculiza e por que o avance en Meirás ou no Valle de los Caídos? Estamos nun Estado de dereito e imaxínome que a familia interpoñerá os recursos que estime oportunos e iso levará tempo en resolverse. En relación con outros casos, vimos como desde algunha fundación franquista se interpuxeron todos os recursos posibles para que non se leve a cabo.

É a Igrexa un dos actores que obstaculizan o avance nas políticas de memoria democrática? A Igrexa Católica e algúns medios conservadores xa foron sumamente belixerantes contra a Ley de 2007 de Memoria Histórica, impulsada polo Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero.

No caso de Meirás, é a primeira vez que o Estado demanda aos Franco. Que consecuencias previsibles ten isto para outras familias enriquecidas ao amparo do réxime? Descoñézoo, pero pode ser unha vía que outras familias transiten para recuperar as súas propiedades.

Formaría parte das políticas de memoria unha relación dos vitimarios, un catálogo dos bens incautados ao pobo, a devolución ou a reparación nestes casos? Eu son partidario da xustiza restaurativa. Os estudos que realizamos sobre incautacións de bens durante a Guerra Civil e o impacto que tivo a Ley de Responsabilidades Políticas nalgunhas Comunidades Autónomas e provincias, permítennos aportar xa o alcance do que supuxo a represión económica e quen foron as súas vítimas. É preciso tamén realizar eses catálogos desde as comunidades. Por exemplo, en Andalucía unhas 60.000 persoas sufriron o impacto da Ley de Responsabilidades Políticas e das Comisións Provinciales de Incautaciones de Bienes. Témolos identificados vila a vila. Así haberá que facelo onde inda non se realizaron estes estudos e achegar os nomes para o gran censo de vítimas que debe de realizarse desde o Estado. Os catálogos serán necesarios para unha
futura reparación.

No asunto das fosas es rotundo. «Non pode haber fosas nun Estado democrático», mantén. Por que as hai? Que debería facer o novo Goberno de esquerdas a respecto diso? Considero que o Estado democrático debe de abordar prioritariamente a exhumación das fosas comúns. Segundo o estudo sobre o estado da cuestión que encargou o Ministerio de Justicia ao grupo de estudos Aranzadi, o Estado debe liderar o proceso de exhumacións e nunha lexislatura e media poderíase levar adiante as exhumacións de fosas en España. Esta é unha tarefa que ancora nos dereitos humanos, é unha cuestión de humanidade, é unha cuestión de dignidade nacional democrática. Por iso, desde o Ministerio estase elaborando un plan de choque como primeira fase.

Chamas a atención sobre a «orfandade do exilio» diante da falta dun recoñecemento oficial. Parece sen dúbida una das grandes lagoas das políticas de memoria. É aínda posible, desde o Estado, compensar esa débeda, ou neste caso xa é demasiado tarde? Ese sentimento de orfandade da democracia é o que nos transmiten moitos fillos e fillas do exilio republicano cando participamos con eles en actos e congresos. Por iso, na conmemoración do 80 aniversario quixemos facer un recoñecemento aos homes e mulleres do exilio, aos seus países de acollida e dar a coñecer ao gran público o exilio republicano, moi descoñecido entre a cidadanía española. Para iso, leváronse a cabo actos de Estado coa presenza do presidente do Goberno Pedro Sánchez nos que se rendeu homenaxe de Estado por primeira vez a Manuel Azaña e Antonio Machado en Montauban e Colliure, e aos exiliados e exiliadas en Francia, México, Alxeria, Moscova… e actos en diferentes cidades españolas e estranxeiras onde houbo colonias do exilio. As asociacións do exilio recibiron moi ben esta conmemoración que se está facendo en 2019.

Ves aínda posible nos próximos anos un xuízo ao franquismo como o que tratou de iniciar Garzón ou como o que se dá coa querela arxentina? Para iso será importante a reforma da Ley de Memoria Histórica de 2007 que debería basearse nas recomendacións de informes como o do relator de Nacións Unidas, Pablo de Greiff en 2014, atendendo á corrección das súas insuficiencias, aos avances das normativas autonómicas e a un liderado por parte do Estado das políticas públicas de memoria.

Que opinión che merece a «censura» que o sistema mediático e institucional español exerceu sobre diversas investigacións académicas ou xornalísticas? A mellor política contra o esquecemento é o deber de memoria que debe ter o Estado Democrático e toda a cidadanía.

É inevitable que calquera avance nas políticas estatais de memoria cuestione a lexitimidade do franquismo e tamén a lexitimidade da monarquía. Cres que as políticas de memoria deberían atender tamén á monarquía, ao seu papel durante e despois do franquismo? As políticas públicas de memoria deben de ter como centro das súas preocupacións ás vítimas e aos seus familiares, o coñecemento da verdade do que lles pasou, a xustiza, a reparación de todas elas e crear entre a cidadanía as garantías de non repetición. Desde esa perspectiva pódese avanzar na democracia. A memoria histórica non é unha cuestión do pasado, é futuro para a nosa democracia e os seus valores.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail