Racismo na cola do supermercado

O asasinato de George Floyd a mans da policía de Minneapolis así coma o maior impacto mortal da Covid-19 nas minorías dos EUA devolven a problemática do racismo neste país a un primeiro plano. Un problema que se adoita asumir dende a maioría dos sectores coma indiscutible, mais, nalgúns casos, con matices: non é quizais a poboación negra —polo seu extracto social, cultura, costumes, ou por vai ti saber que— mais proclive a entrar en enfrontamentos ca policía? Ou o estilo de vida dos propios negros e latinos o que os fai mais vulnerables fronte á Covid-19?

Manifestantes contidos pola Policía Militar en Washington. Foto Rosa Pineda
Asalto a unha dependencia da policía de Mineápolis

Antes de responder, imos coller un pequeno desvío para falar dalgo que non parece tan relacionado: as diferenzas entre dúas cadeas de supermercados dos Estados Unidos. Comparándoas, poderíanse resumir moitas das desigualdades dun país que que, como xa se sabe, ten moitas e moi grandes.

A primeira destas cadeas é Whole Foods, que adoita situar as súas tendas en barrios afluentes ou de moda. A clientela pasa a buscar as súas doses de quinoa orgánica, leite de améndoa e salsa kimchi, e garda certo patrón común: son guapos, con boa pinta, ca pel bronceada e sen pel colgando do tríceps. Os sorrisos son tan completos que algún ata parece levar un dente de máis.

A maioría está en forma e non ten problema en mostralo. Parecen chegar ao súper tras unha clase de bikhram yoga de etiqueta. Zapatillas das boas, mallas que resaltan cus firmes, camisetas sen mangas que mostran ombreiros definidos.

Os empregados poderían selo, tamén, dunha tenda de libros de Brooklyn. Non hai bolsas de plástico. Nin malas contestacións nin intolerancia. O mundo é feliz en Whole Foods, onde no fai falta que chova para ver o arco da vella.

Hai bicicletas fixies encadeadas na porta.

Para facer a compra do día a día, claro, necesítase cobrar bastante máis do mínimo salarial.

A maioría dos clientes, claro, son brancos.

Walmart vén a ser algo así coma o contrario. Non están nos centros das cidades nin nos barrios de moda, senón na suburbia norteamericana, nas zonas rurais, preto dos barrios pobres. O pan é gomoso coma unha nube de azucre e as opcións de pratos veganos substitúense por unha afamada cadea de bocadillos. Destaca a ampla gama, iso si, de polo frito.

Tamén cambia o aspecto da clientela. Hai máis palidez, sombras escuras baixo os ollos de non chegar a fin de mes, de ter dous traballos a tempo completo, de deber miles de dólares polo préstamo universitario. Dentaduras menos relucentes salvo polos dentes de ouro.

Abunda un produto raro de ver no Whole Foods: os carriños eléctricos con asento incorporado, creados para que a xente con problemas de mobilidade ou obesidade —que é moita en Walmart— poida recorrer o supermercado sen problemas.

Os traballadores non son tan cool. Regalan todas as bolsas de plástico que che apeteza levar. Nalgúns casos, hai anciáns traballando, botando unha man no caixeiro. As xubilacións, que xa se sabe, non son moita cousa.

Nos aparcamentos de Walmart non hai moitas bicis fixie. Moito máis doado é atoparse un coche, ou dous ou tres, con alguén durmindo dentro, pasando a noite. Fano, obviamente, porque non teñen un teito e porque o supermercado abre as 24 horas.

O Walmart é barato, o único que moitos se poden permitir.

A clientela xa non é tan branca. A maioría son negros en Nova Orleáns. Latinos en torno a Bakersfield, California. Nativos en Albuquerque, xunto á Navajo Nation. Brancos nas zonas rurais de Kentucky ou West Virginia.

En moitas ocasións, estes proceden de comunidades con condicións socioeconómicas moito máis precarias que os clientes de Whole Foods. Barrios ou pobos con índices de violencia superiores á media do país. Sen opcións de comida saudable. Con escolas públicas menos cualificadas, e infraestruturas e servizos públicos deficientes. Con graves problemas de enfermidades mentais ou físicas. Menos traballos e peor pagados. Un contexto xeral que, sumado ao racismo policial e xudicial, fai que 1 de cada 3 nenos negros nacido a partir de 2001 poida pasar pola cárcere fronte a 1 de cada 17 dos nenos brancos, tal e como explica Diego E. Barros en CTXT. Ou que a porcentaxe de afroamericanos mortos sexa o dobre do que supoñen no total da poboación.

Coche queimado en Mineápolis
Pintada coa derradeira frase, en inglés e castelán, que dixo George Floyd. Foto Daniel Arauz

Por iso, volvendo ao tema principal, atenuar o racismo policial ou o impacto da Covid-19 nas minorías escudándose no contexto, nas condicións e na forma na que viven non pode ser máis surrealista. Porque aí, precisamente, está unha das bases do racismo estadounidense: na desigualdade estrutural e económica que leva décadas confinando a comunidades negras –e nativas, latinas e incluso brancas– en ghetos, zonas rurais ou existencias nas que a pobreza é o estilo de vida inherente e inevitable.

Sería demente responsabilizar a un cliente de Walmart pola súa mala dieta e a súa diabetes, pola súa depresión, ou pola contractura de pescozo que lle provocou durmir no coche durante unha semana; por non contribuír na loita fronte ao uso de plástico.

Para facelo, habería que ter ben pouca empatía e obviar que ninguén fai vida no aparcamento do Walmart por gusto. E isto, con todo, é o que se lle di en ocasións á comunidade negra dos Estados Unidos, aos latinos, aos nativos e a coñecida coma white trash: se a policía vos pega tiros ou vos estrangula, se morredes máis e máis novos, amigo, é porque vós o andabades a buscar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail