Fálame

Fálame é un proxecto colaborativo que invita a todo o mundo a falar e crear en galego.

Nel, colaboran creadoras e creadores recoñecidos a nivel internacional e fano en galego. Cada unha das e dos participantes crea un visual coa frase «Eu son a túa lingua. Ti es a miña fala», que despois se publica en falame.gal e @falame.gal.

O galego é unha lingua universal, contemporánea e que non coñece fronteiras. Fálame é un exemplo diso. Naceu en Nova York dunha conversa entre Pablo Honey e Tino Barreiro, dous creativos galegos que vivimos e traballamos na cidade estadounidense. Cando lles explicamos ás creadoras e creadores a iniciativa e que a temática é sobre a nosa lingua, o proxecto aínda resulta de maior interese. Algúns nunca tiveran a oportunidade de crear en galego, e hainos que mesmo nunca escoitaran a nosa lingua. Todas as persoas participantes, sen excepción, os creadores e creadoras acaban namorados do galego.

Fálame non é un unha campaña, nin un proxecto patrocinado nin nada que se lle pareza. Esta iniciativa é independente e quere seguilo sendo. A única vocación é ser unha escusa para xerar en galego e propoñer a nosa lingua como unha ferramenta creativa e de comunicación ao nivel de calquera outra. A mellor promoción que pode ter unha lingua son os seus falantes, e cantas máis iniciativas existan que o fomenten mellor saúde terá a nosa cultura.

O proxecto arrancaba o pasado domingo día 17 de maio, pero non ten fin. A idea é que vaia evolucionando e mutando noutro tipo de expresións en base ás persoas que colaboren nel. As posibilidades de Fálame son tan abertas como as da lingua.

As persoas que queiran facer propostas poden facelo enviando un correo a ola@falame.gal.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail