Os despidos de Alcoa na comarca de A Mariña deixan a medio milleiro de familias á súa sorte

O despedimento colectivo de 534 traballadores pode desembocar no peche total da planta de aluminio. O persoal leva anos en pé de guerra e o seu impacto económico representa o 30% do PIB da provincia de Lugo.

As dificultades de Alcoa en San Cibrao (Lugo) comezaron moito antes da COVID-19. A multinacional anunciou este xoves nun comunicado de prensa un despedimento colectivo que afectaría a 534 empregados, o que pode supoñer un peche total da planta de aluminio. Alcoa é a empresa que máis postos de traballo xera en Lugo e a súa actividade representa o 30% do PIB da provincia. Na Mariña Lucense, unha mancomunidade, as familias viven da fábrica e os traballadores reivindican desde hai anos a aprobación do Estatuto Electrointensivo.

O complexo industrial de San Cibrao está conformado por unha planta de alúmina, que de momento é rendible e non lle afecta esta decisión, e outra de aluminio, onde traballan 1143 empregados en total, segundo datos da propia empresa. Ademais, xera 700 postos a través de empresas auxiliares. Ao ser a compañía que máis traballo crea na provincia as consecuencias poden ser moi duras e recaerán directamente na poboación lucense.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

O presidente do Grupo Alcoa en España, Álvaro Dorado, dirixiuse aos traballadores neste contexto límite. A compañía iniciou un período de consultas co persoal ante a situación «insostible» pero a directiva asegura que non tomará ningunha decisión ata dentro de tres semanas, para «explicar a situación da planta, os retos que enfronta e discutir as opcións e medidas». Foi a produción externa e o mercado internacional os causantes de que a produción do aluminio non sexa competitiva. Ademais, os elevados custos da enerxía e o baixo prezo do aluminio primario provocaron perdas que se prevé que continúen. En 2018 a compañía xa contemplou pechar o ano con números vermellos con perdas de ata 20 millóns.

A historia repítese

O ano pasado, Alcoa tomou a decisión de pechar completamente as plantas da Coruña e de Avilés (Asturias) e baseáronse nas mesmas razóns. En outubro de 2018, a entidade anunciou que deixaban de producir. As causas, as mesmas que a fábrica de San Cibrao: altos custos da electricidade e o baixo prezo do aluminio primario. Con todo, Alcoa conseguiu vender as fábricas. Primeiro a Parter Capital, un fondo suízo en 2019, que en abril de este mesmo ano foi vendida ao Grupo Risco. Coa intervención do Ministerio de Industria as plantas puideron continuar a súa actividade sen graves consecuencias para os empregados xa que mantiveron os mesmos postos.

Desta maneira, no caso de que a compañía decida terminar coa produción en Lugo, distaría moito do final que lograron as plantas da Coruña e de Avilés. A tensión no persoal xa desembocou en varias protestas este xoves e venres: «Alcoa non se pecha». Reclaman a aprobación do Estatuto do Consumidor Electrointensivo, medidas para abaratar o custo eléctrico e eludir deslocalizacións. Os traballadores xa demostraron a súa preocupación desde hai semanas cando a multinacional adoptou a decisión de apagar cubas, o que supoñería reducir a metade a produción e prescindir de traballadores.

 A política local pide sacar adiante o estatuto

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense e alcalde socialista de Foz, Francisco Cajoto, convocou de forma urxente este venres a todos os alcaldes da comarca para abordar a situación da planta de San Cibrao. O alcalde popular de Cervo, Alfonso Villares, sostivo que é o Goberno Central o que ten a solución para Alcoa se aproba o Estatuto. Pola súa banda Cajoto defendeu a aprobación do decreto, pero tamén reprochou a responsabilidade á Xunta ao ter as competencias en industria.

Desde Madrid, a Ministra de Industria, Reyes Maroto, manifestou este xoves na Sexta que Alcoa recibiu «moitas axudas públicas» e que ha de ser «corresponsable» coa crise do coronavirus que azouta ao país. «Coñecemos os problemas estruturais que ten Alcoa» engadiu, «o contexto actual de importante caída da demanda de aluminio primario fai que a empresa tome decisións».

As posicións dos partidos autonómicos enmárcanse nun escenario similar. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, urxiu «máxima implicación ao Goberno de España» pero lembrou a Feijóo que «non é un mero observador» e que «traballe nas solucións». Pola súa banda, a Xunta sinalou co dedo ao Goberno de Pedro Sánchez. O Conselleiro de Industria, Francisco Conde, sostén que foi a  «inacción do Goberno» a que provocou a crise porque do Executivo depende «un prezo eléctrico» con forza. A semana pasada, o comité da empresa e a Xunta pediron ó  Goberno medidas para lograr prezos competitivos, pero segundo os traballadores, non obtiveron resposta.

En canto ás forzas políticas parlamentarias, a oposición bota en cara o artigo 30 ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que radica que unha das competencias exclusivas da Administración galega é a industria. O portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, sostén que «é imprescindible manter o emprego en San Cibrao» e que «todas as administracións teñen que traballar conxuntamente». Desde En Marea propoñen que o Estado, co apoio da Unión Europea, garanta a «supervivencia da produción de aluminio primario» en España. Pola súa banda, a portavoz do BNG, Ana Pontón, propuxo a «nacionalización» de Alcoa, a posta en marcha da tarifa eléctrica galega e unha «comparecencia inmediata de Feijóo no Parlamento», da que de momento non hai noticias.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail