Reformas con nocturnidade e moita aleivosía

Despois duns meses de traballo acelerado tentando cubrir o imprescindible para salvar o curso, a comunidade universitaria foi sorprendida a pasada semana coa proposta por parte da Xunta de Galicia dun programa de transformación da docencia universitaria de presencial a online, continúe ou non a necesidade sanitaria. Unha proposta realizada dun xeito falto de todo rigor, apelando a unha suposta urxencia e cun propósito bastante dubidoso, que boa parte da comunidade universitaria interpreta como un novo ataque para desvalorizar a universidade pública.

Campus de noite. Foto Peter Griffin

O documento borrador presentado dá bastante pena, un corta e pega feito con bastante desleixo para proceder de onde procede. Nel recoñécese que non hai tempo e pídese que se acometa semellante axuste estrutural a toda présa, recoñecendo incluso que non hai antecedentes de semellante transformación. Todo xenial.

Hoxe sábese ben na formación universitaria hai un interesante nicho de negocio, como proba o feito de que as entidades de capital risco invistan nel.

As persoas responsables da proposta deberon pensar que estaban no que agora chaman «ventá de oportunidade» da Covid. Así, pareceulles unha idea excelente aproveitar este momento no que estamos cada quen na súa casa, resolvendo como se pode a papeleta de formar e avaliar online, pendentes do correo electrónico con novas instrucións… e xa que a máquina está en marcha poñerlle o turbo a esa transformación, presentándoa como algo fabuloso. Iso si, saltándose todo o proceso imprescindible de reflexión e participación que permitiría facer unha boa diagnose, definir obxectivos razoables e trazar un camiño co consenso necesario. Parece que lles pareceu mellor non dar esa marxe, porque talvez o propósito non é facer as cousas ben para que o resultado sexa bo; a xulgar polo inferido do documento, o propósito parece ser o de seguir desmantelando a Universidade Pública, facer que perda prestixio e desprazala para ofrecer ese lugar á iniciativa privada.

Os grupos sociais mellor situados pulan por ter nichos educativos  exclusivos, aos que só podan acceder uns poucos pagando cantidades de diñeiro prohibitivas.

Hoxe sábese ben que aí hai un interesante nicho de negocio, como proba o feito de que as entidades de capital risco invistan nel. Coa extensión das políticas neoliberais a universidade converteuse nun potente negocio, complexo e competitivo, que require investimentos continuos e de gran escala. Por outro lado, os grupos sociais mellor situados pulan por ter nichos educativos «prestixiosos» e exclusivos, aos que só podan acceder uns poucos previo pago de cantidades de diñeiro que son prohibitivas para a maioría. Unha estratexia básica de peche social. Basta con facer que esas institucións educativas privadas teñan esa imaxe prestixiosa para que a roda continúe en marcha. Polo medio sementouse a mensaxe de que a sociedade non está en condicións de manter unha institución ineficiente atendendo a criterios económicos do capitalismo neoliberal, tal como é a actual Universidade Pública, á que levan unhas décadas accedendo as clases medias e incluso unha pequena parte das baixas. A mesma mensaxe que se fixo respecto da sanidade pública, outro piar fundamental do Estado de Benestar do que agora co Covid vimos as consecuencias. Un ataque moi potente a cargo de axentes ben coordinados e cos altofalantes mediáticos precisos. Semellante «despilfarro» non se pode soster. Asistimos a unha reconversión económica da Universidade Pública disfrazada de revolución pedagóxico tecnolóxica.

Se o interese empresarial non está contrapesado corremos o risco dunha universidade a un sistema subsidiario das grandes corporacións e dos intereses privados

Pero é moita a cidadanía que pensa que toda a actividade universitaria debe guiarse polo interese público, dentro do cal tamén está o interese empresarial, pero convenientemente contrapesado, porque de non ser así corremos o risco de abocar a universidade a un sistema subsidiario das grandes corporacións e dos intereses privados, deturpando unha das razóns fundamentais da existencia da Universidade: ser unha institución independente e democrática que busque a verdade e a xustiza; pero, será verdade iso de que vivimos un tempo no que a política é nada máis que a sombra proxectada no conxunto da sociedade pola gran empresa?

O primeiro bocado importante que se lle deu nas últimas décadas foi facer depender a asignación de diñeiro público aos proxectos de investigación da previa obtención de algunha fonte de financiación externa, nomeadamente privada, e o segundo foi a constante, e xa duradeira no tempo, precarización do persoal docente e investigador (PDI), coa conseguinte presenza dun modelo de control disciplinario que estende o modelo da empresa privada ao ámbito educativo.

A etapa universitaria é unha forma de vida, nela aprendemos cousas que non teremos oportunidade de aprender de ningunha outra forma e para iso temos que ter contacto real, non virtual

É importante que existan universidades cuxa estratexia de docencia sexa online, na súa totalidade ou en parte. Seguro que iso contribúe tamén a democratizar o acceso a máis poboación e serve ao obxectivo de aprender durante toda a vida. Pero converter toda a oferta universitaria pública en semipresencial, non é nin necesario nin bo. Se serve a algún obxectivo é o de abaratar custos en profesorado. A etapa universitaria é unha forma de vida, nela aprendemos cousas que non teremos oportunidade de aprender de ningunha outra forma e para iso temos que ter contacto real, non virtual. A presencialidade non vai de concentrar o tempo como se fose «caldo de cubito».

O encargo do proxecto en cuestión (retirado o día 26 de maio despois da mobilización en contra) seica llo fixo a Xunta de Galicia á Fundación Empresa Universidade (FEUGA) e a unha consultora externa. Non se oculta que o obxectivo consiste en liquidar os títulos presenciais, algo que xa estaba na axenda, e que no contexto Covid apareceu como unha estupenda oportunidade para lle dar pista libre. Así, a proposta formulaba que no curso 2021-2022 a maioría dos graos fosen semipresenciais, impartíndose toda a docencia teórica online. Xa de xeito inmediato, en setembro de 2020, pretendía obrigar a que moitas titulacións fixeran ensaios para ese cambio, alterando a organización dos cuadrimestres, concentrando a docencia, coartando as vías de avaliación posíbeis e suprimindo a docencia presencial teórica. Resulta curioso pensar que levamos varios anos de traballo en memorias, informes e toda unha burocracia que supostamente era garantía da calidade e da mellora dos plans docentes que tiñan que ser avaliados por axencias ou instancias varias. En fin, que pasa agora? Que podemos cambiar todo en tres meses?

Este proceso tráenos á memoria o acontecido coa implantación do modelo Bolonia a propósito do discurso ese das oportunidades. Naquel momento, máis alá da necesidade sempre recoñecida de mellora da institución universitaria, colouse a implantación dun modelo de ensino superior trazado polas demandas do neoliberalismo. Aforro de custes para un modelo de Estado en constante decrecemento. De xeito especial, serviu para aforrar custes en profesorado, precarizado até límites descoñecidos, e subindo as taxas, nalgúns casos multiplicáronse por cinco ou incluso máis. Esa universidade máis cara e precarizada, cun número de alumnos por aula que non decreceu, non parecía ser o que se prometeu co soño de Bolonia. Así, quen desexe «distinguirse» con algo mellor (sexa iso certo ou o pareza) pagará, se pode facelo, porque titularse nunha universidade ben situada nos ránkings abre portas que doutro xeito permanecerían pechadas, porque son as que non poden abrir os grupos sociais peor situados. A promesa da universidade estatal como unha certa garantía de igualdade queda tocada: xaque mate. Mira por onde no 2019 en Galicia iniciouse o proceso para a creación dunha universidade privada. Agora cómpre aproveitar a circunstancia para alimentala.

Tamén o «modelo Bolonia», a conta da mellora, trouxo rebaixas salariais para o profesorado e suba de taxas para o alumnado.

A promesa de mobilidade social e de progreso fixo augas hai un tempo. Actualmente temos unha sociedade cada vez máis desigual como consecuencia da xestión regresiva da crise financeira. A desigualdade educativa, derivada da desigualdade social, é moi grave porque bloquea a mobilidade social na que se fundamenta a lexitimidade dos sistema educativo. Os datos indican que hai situacións de extrema carencia e de gran desigualdade que ten como consecuencia déficits ou inexistencia de equipamentos tecnolóxicos, baixa calidade dos mesmos, conexións lentas e prezos elevados, por non falar dos espazos nas vivendas. Así que neste momento hai empresas que ven tamén un interesante negocio nesta transformación apresurada.

Galiza conta cun sistema universitario (SUG) que ofrece diversidade de titulacións, con sete campus especializados, leva anos adaptándose ás necesidades da nosa sociedade, xerando coñecemento e transferencia, investigando en ciencia básica e aplicada e traballando para mellorar o país tanto no plano económico como no cultural. Asemade, procura a colaboración con empresas que participan na docencia especializada e na elaboración e realización de proxectos de investigación. É dicir, con todos os problemas e deficiencias que se poidan obxectar, o SUG tenta contribuír a un proxecto de sociedade onde estea por enriba o interese público, innovando, si, pero tamén co propósito de diminuír as desigualdades. Esta é unha prioridade que non convén esquecer pois nese desafío esta a clave. Defender o público beneficia ao conxunto da sociedade e non só a uns poucos, e beneficiando o conxunto garántese un benestar progresivo positivo para toda a sociedade.

As universidades galegas teñen na docencia presencial a súa base esencial e razón de ser, como vehículo para a formación científica, humana e cidadá do seu alumnado, que non podemos considerar tan só como recipientes que hai que encher dos coñecementos idóneos para aprender unha profesión e gañarse a vida. O espazo universitario é o lugar privilexiado para completar unha formación que pretenda impulsar o pensamento autónomo, o espírito crítico e a creatividade. Cremos que a interacción coas demais persoas que compoñen esa comunidade é algo necesario para dialogar e recoñecérmonos na experiencia vital de estarmos xuntos, de compartir o afán de aprender. Este contacto e as relacións no seo da comunidade universitaria son parte esencial do proceso de aprendizaxe e un dos trazos máis potentes do xeito de ser da institución.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail