Un sistema universitario galego virtual?

A pandemia causada pola Covid-19 situou nun primeiro plano a importancia dos servizos públicos. O foco de atención estivo posto, por razóns obvias, na sanidade pública e na súa capacidade de resposta nesta situación extrema. Porén, outros servizos públicos víronse sometidos igualmente a situacións de estrés que os puxeron a proba logo de anos de recortes (a educación) e de medidas privatizadoras (as residencias xeriátricas).

O ensino telemático fixo aflorar as desigualdades socioeconómicas que o sistema de educación pública ten a obriga de paliar e que os centros educativos e o profesorado tratan de atender

O peche dos centros de ensino dun día para outro obrigou o profesorado de todos os niveis a adaptarse á docencia non presencial e a atender o estudantado a distancia. Nestas semanas, afloraron as desigualdades socioeconómicas que o sistema de educación pública ten a obriga de paliar, e que os centros educativos e o profesorado trataron de atender. En concreto, as universidades fixeron un grande esforzo, tamén económico, para apoiar o estudantado sen recursos suficientes, con programas específicos de axuda.

O optimismo que, ao principio da pandemia, nos fixo pensar que a partir de agora ninguén se opoñería a incrementar os investimentos en sanidade, educación, investigación e servizos sociais, pouco durou. Xa comezou a campaña mediática contra o público, como sempre disfrazada, agora de modernización, tecnoloxías e virtualidade, e centrada, máis unha vez, na universidade.

«Atérranme os eloxios que están a aparecer nestas semanas ao virtual e ao ensino telemático, entre eles, por desgraza, o[s do] ministro de Universidades, Manuel Castells», escribe Nuccio Ordine, profesor da Universidade de Calabria. «Non me refiro á situación de emerxencia: agora é inevitable adaptarse ao virtual para salvar o curso do desastre. Refírome ao coro de cantores do progreso, dos profesores xestores e das universidades telemáticas cuxa publicidade inunda desde marzo as televisións e os periódicos».

A proposta da Consellería de Educación era a conversión paulatina das universidades galegas ao ensino semipresencial permanente, algo para o que, por certo, a Xunta de Galicia non ten competencias

Neste contexto, a Consellería de Educación da Xunta de Galicia presentou o pasado día 6 de maio o borrador dun «Programa de transformación á docencia innovadora no sistema universitario de Galicia», en realidade, unha proposta de conversión paulatina das universidades galegas ao ensino semipresencial permanente, unha transformación para a que, por certo, a Xunta de Galicia non ten competencias. A proposta, inaceptable no fondo, era pouco presentable na forma. Un corta e pega de diversos documentos (nin se molestaron en darlle aparencia de unidade, escribíndoa toda en galego, ou en dotala dunha mínima pulcritude formal) na que a parte máis importante, correspondente á organización docente, foi encargada a unha consultoría.

Na miña opinión, o documento supuña un novo e brutal ataque á universidade pública que non podemos permitir. Despois da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior que as universidades tiveron que facer con financiamento negativo, isto é, con recortes de recursos e de persoal, esta proposta podería estar dirixida a conseguir unha nova redución de custos e a potenciar un modelo universitario máis desregularizado para favorecer a súa mercantilización. A implantación xeneralizada do ensino semipresencial na universidade pública, como primeiro paso cara ao virtual, favorecería a creación de universidades privadas, ao diminuír os requisitos para a súa implantación; o modelo virtual nunha universidade dirixida ao lucro permitiría incrementar os beneficios e diminuiría os custos de persoal, creando emprego unicamente docente e en condicións precarias.

A semipresencialización e a virtualización conducirían ao deterioro progresivo do labor investigador, á eliminación do papel da universidade pública como motor de cohesión social

Outro dos riscos de introducir estruturalmente a docencia semipresencial é a xerarquización das universidades públicas, promocionando un determinado número de universidades «excelentes», con docencia presencial e investigación, e deixando o resto como universidades semipresenciais unicamente docentes. A semipresencialización e a virtualización conducirían ao deterioro progresivo do labor investigador, á eliminación do papel da universidade pública como motor de cohesión social e desvincularían a universidade da atención ás necesidades do país.

Despois do rexeitamento das tres universidades galegas, das centrais sindicais e de diversos colectivos de persoal docente e investigador, o día 26 de maio a Xunta de Galicia anunciou que retiraba o borrador a través dunha nota de prensa na que despreza, máis unha vez, a comunidade universitaria, ao indicar que o fai «pola utilización para a confrontación que están a facer determinados colectivos da iniciativa da proposta». Descualificar as voces críticas é máis sinxelo que debater, escoitar os argumentos e analizar as contrapropostas.

Días despois da presentación do documento da Xunta, a prensa recollía declaracións como as de Antonio Abril, presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, que sinalaba que «a transformación non é só de software, senón das persoas. Hai que modernizar a Universidade española con mais valentía e grandeza de miras» (ABC 19/05/2020), ou as de Lluís Pastor, docente da UOC (Universidade Oberta de Catalunya), que dicía: «A fenda dixital incide nas xeracións (de profesores) máis veteranos». Ambos coincidían no ataque ao persoal universitario.

O profesorado universitario non é nin pode ser unicamente un xestor de ferramentas tecnolóxicas, e tampouco pode ser substituído por tecnoloxías supervisadas por persoal técnico

O cadro de persoal das universidades está avellentado como consecuencia das taxas de reposición negativas dos anos de recortes dos servizos públicos, que impediron unha necesaria renovación. Porén, nas universidades públicas presenciais o profesorado ten distintos roles ao longo da súa carreira académica: o senior é referente nas áreas de coñecemento e nos grupos de investigación, o máis novo é normalmente o que traballa nas fronteiras do coñecemento, polo que é imprescindible o relevo e a convivencia xeracional. O filósofo Hubert Dreyfus divide o proceso de aprendizaxe en seis etapas: novato/a, principiante, competente, experto/a, mestre/a e, por último, sabio/a. En todas as etapas é absolutamente necesario o «contacto persoal» para que o/a aprendiz asimile o ánimo, as ferramentas intelectuais, a sabedoría e a experiencia do/da mestre/a. Porque o profesorado universitario non é nin pode ser unicamente un xestor de ferramentas tecnolóxicas, e tampouco pode ser substituído por tecnoloxías supervisadas por persoal técnico.

Nas universidades públicas é onde se xera o coñecemento, onde se transfire á sociedade e onde se forman profesionais, entre eles o persoal sanitario que conseguiu salvar tantas vidas, a pesar dos defectos estruturais da sanidade, e todas estas tarefas son desenvolvidas principalmente polo persoal docente e investigador. Como noutros servizos públicos, a situación actual pode manterse un tempo mais non indefinidamente: é preciso incrementar os recursos e o profesorado. A disxuntiva non pode ser tecnoloxía ou profesorado.

No artigo (De)formación en liña: arredor das desvantaxes da educación virtual, Laureano Ralón, Marcelo Vieta e María Lucía Vásquez conclúen que a tecnoloxía na educación debe usarse como complemento ou como suplemento, non como norma. Se, pola contra, se intenta presentar o formato en liña como substituto da pedagoxía tradicional, o sistema educativo correrá varios riscos: primeiro, que a educación se volva altamente ineficaz e inaccesible; segundo, que se destrúa por completo a tradición oral e, en grande parte, a nosa cultura literaria; por último, que a educación se transforme en puro comercio e nunha escusa para recortar gastos.

As elites de Silicon Walley envían os fillos e as fillas a colexios onde se dá prioridade ás relacións humanas fronte á tecnoloxía

Nellie Bowles conta que en USA o uso de dispositivos electrónicos está diminuíndo nas familias ricas e aumentando nas pobres e de clase media. As elites de Silicon Walley envían os fillos e as fillas a colexios onde se dá prioridade ás relacións humanas fronte á tecnoloxía. Por iso, facemos nosa a pregunta de Nuccio Ordine: no futuro, a interacción humana será un luxo cada vez máis reservado ás familias ricas e o dixital e virtual quedará para formación da xente con menos recursos?

O modelo de universidade volve a estar en cuestión. Debemos ter claro que a universidade pública ou é presencial ou non é universidade. Como dicía o pedagogo brasileiro Paulo Freire, a educación non cambiará o mundo, mais pode que o estudantado que estamos a formar si o faga.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail