As universidades galegas rexeitan o plan da Xunta que propón docencia online despois da COVID-19

A Consellería de Educación expuxo un modelo mixto que inclúe clases presenciais e online, onde a supervisión recae nunha consultora privada. Ante as críticas do profesorado, sindicatos e plataformas, o Goberno galego tivo que retirar a proposta achacándoo a unha «confrontación» de varios colectivos.

A Consellería de Educación, encabezada por Carmen Pomar, presentara un plan de implantación de docencia mixta ás tres universidades galegas, coñecido como blended learning. Este modelo iniciaríase de maneira voluntaria o próximo curso e sería obrigatorio a partir do 2021-2022. O borrador do proxecto presentado pola Xunta foi desacreditado polo profesorado, sindicatos e plataformas pola «improvisación» e o «descoñecemento» do Goberno autonómico. Ante as presións, a Xunta tivo que retiralo, pero escudándose nunha «confrontación» por parte de «determinados colectivos».

O borrador do proxecto, ao que tivo acceso Luzes, elimina a figura tradicional do profesor. «O profesorado transfórmase de transmisor oral e directo de coñecemento en asesor, mentor e orientador». Este modelo, profundaría nos principios do Plan Bolonia, criticado desde o seu comezo polo sector universitario. Ademais, estaría apoiado pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), onde se inclúen entidades como BBVA, Endesa, Naturgy ou Fundación de Abanca, algo que choca de fronte coa autonomía universitaria e tamén, estaría supervisado por unha consultora externa, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

Entre as consecuencias deste programa de innovación para as administracións galegas, intégrase un recorte nos títulos presenciais, de forma que a partir do 2021 e 2022 o alumnado apenas acudiría ás clases xa que as materias impartiríanse de maneira online. Os exames non contarían máis dun 30% potenciando a avaliación continua, mesmo a Xunta expuña no borrador prescindir das probas: «deberá existir a posibilidade de aprobar cada materia» con «anterioridade ao exame final». A adaptación a este sistema online significa un investimento material en recursos dixitais e formación do persoal para que poida adaptarse a este modelo, un orzamento que non se reflicte no documento de Educación.

As plataformas tivérono claro polos antecedentes do Goberno autonómico. Os sindicatos entendérono como un «desmantelamento» da universidade pública, posto que Abanca implantará a primeira universidade privada na comunidade co apoio do Goberno de Feijóo, o que provocou que as manifestantes saísen ás rúas por outro intento máis de privatización por parte da Xunta. Segundo afirmou a Administración galega, nun primeiro momento os reitores das universidades «deron a súa conformidade» ao plan de innovación. Cren que o esforzo feito polos docentes despois de cancelar as clases pola COVID-19 podería «ser a base» para seguir avanzando cara a «a semipresencialidade» nalgunhas carreiras, sempre «de maneira voluntaria». Ademais, tamén lamentan que o estudantado «perda esta oportunidade».

O reitorado quixo desmarcarse deste futuro online para Galicia. Ao facerse pública a noticia, o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López, enviou un comunicado a todo o alumnado. No mesmo, notificaba que as melloras tecnolóxicas deben «potenciar» o ensino presencial pero que «non debe» cambiar a «vocación de presencialidade». Segundo López, fai cuestión dunha semana a Xunta informou do «Programa de Transformación á docencia Innovadora no Sistema Universitario de Galicia», o cal considera que non respecta a autonomía universitaria. «A USC é e será unha Universidade galega pública e presencial», apostilou no texto.

O rexeitamento non gustou ao Executivo autonómico, onde Educación lavouse as mans sobre as carencias do plan e sen realizar ningún tipo de autocrítica. Unha das faltas principais é que o modelo non alude aos problemas manifestados pola docencia online durante o estado de alarma, tanto para o profesorado como para o alumnado. Ademais, do país, Galicia é a comunidade con menor acceso a Internet e a penúltima na dispoñibilidade de banda ancha (ADSL, fibra óptica e similares) segundo datos do Ministerio de Cultura e Deporte, de forma que dificultaría aínda máis abordar a iniciativa da Xunta.

«O Goberno galego presenta que a segunda comunidade autónoma con peor acceso de banda ancha sexa a primeira en introducir un modelo semipresencial no que o acceso á rede é indispensable para seguir a docencia», comparte na súa web a Asamblea de Investigadoras de Compostela. Pola súa banda, sosteñen que é outro «agravio» ao sistema público universitario galego, sendo esta unha «reforma abusiva, inxusta e irreflexiva».

Pola súa banda, a Conferencia Intersindical Galega (CIGA) criticou que o documento é «todo un cúmulo de despropósitos» que «disfraza de pseudoinnovador» o que é un programa de «desmantelamento» feito con «nocturnidade e aleivosía» que «aproveita a situación de tensión e de anestesia social derivados do actual estado de alarma». A oposición celebrou esta marcha atrás do Goberno de Feijóo.

«O enorme clamor nas universidades públicas foi capaz de gañar unha nova batalla a Feijóo en defensa dos servizos públicos», manifestou o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero. «Desmantelar e privatizar, dous verbos que conxuga á perfección o PP», compartiu a portavoz do BNG, Ana Pontón. E o portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, publicou no seu Twitter que «a mobilización detén o primeiro paso do PP de Feijóo na procura de privatizar o sistema universitario público galego».


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail