Debe Sumar saír do goberno?

Nos últimos tempos vaise abrindo un espazo crítico que pide que Sumar deixe o goberno de coalición. Existen boas razóns para quedar nel ata o final da lexislatura. Razóns que se resumen no «conseguir cousas para a xente» ou no máis ambicioso aínda «gobernar para a xente». Deseguido imos visitar algúns dos argumentos en contra, o primeiro dos cales pasa por converter a afirmación nunha pregunta: está o goberno coa xente? Ou, máis modestamente, está o goberno a «conseguir cousas»? Imos con este último interrogante, xa ben entendendo que a primeira pregunta queda contestada pola segunda.

O goberno de coalición que subscribiron Unidas Podemos e o PSOE no 2019 foi un fito na historia da democracia: por vez primeira desde 1978 formábase un goberno de coalición no executivo central. Foi preciso para isto que se repetisen as eleccións de 2019. A xenealoxía do primeiro goberno é importante, pois non foi o que se esperaba desde o primeiro Podemos. E, porén, encaixaba ben coas necesidades da familia Iglesias.

En 2019, Sánchez confirmaba o acerto táctico da moción de censura. Iglesias, pola contra, baixaba de 71 escanos en 2016 a 42 escanos nas primeiras eleccións de 2019, e 7 escanos máis nas eleccións seguintes. De 71 a 22 escanos foi o balance dos abusos de autoridade e erros de estratexia perpetrados desde a Secretaría Xeral de Podemos. Con semellante balance tivo que forzar a repetición e intentar salvar o que quedaba como primeiro vicepresidente dunha coalición inédita. A razón de fondo non era de estratexia xeral, senón de supervivencia da dirección, que cando menos podía compensar as contas do parlamento coas dos cargos ministeriais.

Pero Podemos seguía perdendo votos e militantes. Iglesias tentou unha nova xogada que tamén lle saíu mal: invocar o ideoloxema da «unidade da esquerda» para gañarlle o pulso a Mónica García. Perdeu, dimitiu e marchou facer o que sempre quixo ser: tertuliano. Toda esta xogada tivo un impacto negativo para as esquerdas. No momento de maior cota de poder atopábanse sen proxecto. Mesmo a súa sucesión foi un desastre democrático, practicando o que en México chaman un «dedazo», algo que se viña a engadir a todas as malas prácticas anteriores (retirar as garantías das primarias, impoñer a súa parella, votar o chalet, etc.). Que lonxe do mandato do 15M!

E así foi que Yolanda Díaz chegou á vicepresidencia segunda. No momento inicial houbo alivio e mesmo un pequeno relanzamento. A figura de Yolanda semellaba que ía ser capaz de invocar o egregor democrático e volver á senda do 15M. Non foi o caso. Isto aínda supuxo máis perda de votos en 2023 (4 escanos menos, agora 31). Pese a isto, a diagnose foi optimista, en tanto que Sánchez salvara o goberno e podían permanecer nel. Outra vez un erro. Nunca se recoñeceu que Sánchez, e non Díaz, gañara as eleccións de 2023. Cumpría facer unha reflexión a fondo e desde fóra do goberno, pero non había tal exterior porque non había una sólida organización de partido. O reparto entre varios partidiños, cada un co seu ministerio, pagaba a pena para que ninguén, que non fora o excluído Podemos, abrise a boca.

Así, berreando, marchou Podemos para o Grupo Mixto, cun lastre histórico enorme que nunca recoñecerán e coa declaración confesa de non ter altura de partido de Estado. Pero a parte que máis perdía o norte era a que quedaba no goberno. Díaz caeu en popularidade e asumiu que deixaría o liderado. O resto dos ministerios, todo o contentos que estaban co reparto, non acusaban recibo da derrota que desde aquela –e mesmo antes– predín as enquisas. O peor aínda está por vir.

Nas recentes eleccións estremeñas, primeiras dun novo ciclo disposto por e para o PP, a coalición IU-Podemos logrou medrar 3 escanos dos 10 que perdeu o PSOE. O PP gañou 1 e Vox 6. Nada que non levasen vaticinando as enquisas desde o 23-X, sempre atentas a incluír na cociña unha importante caída da participación (algo, por certo, que fixo que fallaran o 23-X).

Porén, Sumar non foi quen de plantarse logo dos escándalos socialistas de corrupción e abuso sexual. E por plantarse enténdese asumir a última xogada: marchar do goberno. Tampouco logo da derrota electoral. Consente pois a estratexia de Sánchez: a eventual coalición de PP/Vox no goberno central é peor e, chegado o momento, a esquerda vaise mobilizar. Un erro táctico que xa sabemos que non funcionou e que liga o resultado das estremeñas ao futuro de Sánchez.

Así as cousas, non semella que 2026 veña cargado de esperanzas para a esquerda. Os nacionalismos non abondan territorialmente para artellar unha alternativa (o de Rufián é puro electoralismo). Perante estas circunstancias é preciso reactivar o egregor de 2011. Só así se evitará o final desta crónica da morte anunciada. Abonda con pensar no acerto táctico de Vox respecto ao PP elección a elección, gañando novos votantes, esixindo medidas, marcando axenda, conseguindo que o PP xa estea entregado á súa causa. Que non daría a esquerda por ter unha forza así!

E, con todo, aí seguen aferrados aos cargos no esmorecente recunchiño esquerdo, sen capacidade de impor tres medidas básicas ao PSOE (vivenda, renda por fillo, transporte de balde) e asumindo que, de non aceptalas, marchan do goberno. Sánchez non pode arriscarse a convocar eleccións. Un ano, ano e medio, aínda permitiría a Sumar devir a forza que saíu do 15M. Será capaz?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail