A CRTVG mantén un centenar de causas abertas por vulneración de dereitos laborais

A Coruña.- A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), que dirixe Alfonso Sánchez Izquierdo e que nos últimos dous anos e medio perdeu 40 casos por vulneración dos dereitos das súas traballadoras, mantén abertas na actualidade outro centenar de causas xudiciais por eses mesmos motivos.

Así o asegurou o propio Sánchez Izquierdo á xuíza de Instrución Número 1 de Santiago, Ana López-Suevos, que lle imputa, a el e a outros oito directivos da casa, un presunto delito de acoso laboral a unha xornalista á que supostamente someteron a unha campaña de fustrigación e descrédito persoal e profesional que lle provocou severos danos emocionais.

Na acta da súa declaración do pasado 22 de febreiro no xulgado, á que tivo acceso Luzes-Público, o director xeral, nomeado por Alberto Núñez Feijóo en 2009 e mantido ilegalmente por Alfonso Rueda no seu cargo a pesar de que debía ser renovado hai 13 anos, recoñece ademais que el é o máximo responsable da estratexia de despedimentos da empresa, moitos deles declarados improcedentes nos xulgados do Social. De feito, afirma que son a única tarefa relacionada coa xestión dos recursos humanos da compañía que o ocupa persoalmente:

«Ao pouco tempo de incorporarme eu ás tarefas de dirección da tele e a radio, decidín delegar por completo as facultades en materia laboral na dirección de recursos humanos […] O que non deleguei foi a facultade de despedir a alguén, iso si que non o deleguei».

Salario de 102.168 euros ao ano

Sánchez Izquierdo gaña un salario de 102.168 euros ao ano, e, a pesar do que declarou diante da xuíza, o pasado 4 de novembro enviou unha comunicación ao comité de empresa na que el mesmo lembra que a lei lle atribúe a competencia de «exercer a xefatura superior do persoal da corporación e desenvolver as directrices básicas do consello de administración en materia de persoal».

Moitos dos despedimentos efectuados durante o seu mandato foron declarados nulos ou improcedentes polos xulgados de primeira instancia e pola sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). No primeiro caso, os traballadores e traballadoras afectadas teñen dereito a reincorporarse ao seu posto, pero no segundo, a empresa pode indemnizalos e facer efectiva a súa baixa.

«Ao pouco tempo de incorporarme decidín delegar por completo as facultades en materia laboral  […] O que non deleguei foi a facultade de despedir a alguén, iso si que non o deleguei».

Dado que como imputado na comisión dun presunto delito, a Sánchez Izquierdo lle asiste o dereito a mentir nas súas declaracións diante a xuíz de instrución, Luzes-Público dirixiuse á CRTVG para saber se o contido dos seus testemuños se axusta á verdade. A empresa eludiu dar unha resposta alegando que, como sociedade, non foi «denunciada, demandada nin querellada» polos feitos polos que o xulgado investiga a nove dos membros da súa cúpula de mando.

A dirección tampouco quixo indicar cantos dos despedimentos ilegais decididos polo director xeral se consumaron con cargo ao orzamento público desde 2009, e que cantidade de diñeiro destinou a eles desde entón. Este diario puido contabilizar que só nos últimos dous anos e medio, as sentenzas en firme do TSXG contrarias á empresa elevaron esas indemnizacións a preto de 300.000 euros, aos que habería que sumar outros entre 20.000 e 30.000 euros polas condenas ao pago de costas xudiciais que carrexan.

Luzes-Público non obtivo resposta, pero puido contabilizar que só nos últimos dous anos e medio, as sentenzas en firme do TSXG contrarias á empresa elevaron esas indemnizacións a preto de 300.000 euros, aos que habería que sumar entre 20.000 e 30.000 euros máis polas condenas ao pago de costas xudiciais que carrexan. A CRTVG tampouco contestou á pregunta de canto vai destinar a indemnizacións por despedimentos improcedentes no futuro, en previsión de que poida perder algunha das aproximadamente cen causas abertas que, segundo o seu propio director, se tramitan nos xulgados e poderían derivar en novas baixas do persoal.

Outros oito imputados por acoso

Na súa declaración ante a xuíza de Instrución, Sánchez Izquierdo desvinculouse da suposta campaña de acoso contra a citada xornalista, pola que a xuíza imputou a oito directivas e exdirectivos da Corporación que, asegura, en ningún momento o informaron de tal: Xosé Pereira Fariña, director de innovación e negocio, Alejandro López Carballeira, subdirector de informativos; Tania Fernández Lombao, exxefa de programas; Paula Veloso Pereira, xefa de xestión de persoal; Susana Fernández Veiguela, exdirectora de recursos humanos; Manuel Casas Macía, xefe de seguridade e saúde laboral, e Vitalina Cuña Palencia, coordinadora de persoal da Radio Galega.

Durante os mandatos de Sánchez Izquierdo, os tribunais do Social fallaron centenares de veces contra a CRTVG, e os traballadores e traballadoras expuxeron, e gañaron en moitas ocasións, demandas e denuncias por vulneración de dereitos fundamentais; discriminación de xénero, subcontratacións ilegais e condicións laborais inadecuadas.

Feijóo e Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: TVG

O TSXG mesmo puxo en dúbida a legalidade da súa estrutura directiva, e aínda que a empresa o nega, as xuntas electorais tamén apercibiron a dirección en varias ocasións por faltar á debida neutralidade nas súas informacións. Tamén se produciron polémicas pola emisión de contidos sexistas, e acusacións da oposición, os sindicatos e o Colexio de Xornalistas de Galicia por manipulación a favor de Feijóo, Rueda e o PP.

Os traballadores da Corporación manteñen unha folga indefinida intermintente desde o pasado mes de outubro, e maniféstanse cada semana –os venres negros– en defensa dos seus dereitos e da súa profesionalidade.

Ao comezo deste mes, Rueda anunciou a tramitación parlamentaria dunha nova lei que lle permitirá ao Partido Popular elixir o director xeral da CRTVG só cos seus votos no Parlamento de Galicia e sen necesidade de pactalo coa oposición.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail