A esquerda tenta transformar a súa maioría social nunha maioría parlamentaria

A Coruña.-  Nas municipais do pasado 23 de maio a suma de votos de PP e Vox superou en máis de 2,3 millóns de sufraxios á de PSOE e Unidas Podemos.

No pouco tempo que deu Pedro Sánchez para analizalos antes de convocar eleccións, aqueles resultados léronse como un fin de ciclo polo que representaban de catástrofe para a esquerda.

En Galicia, un país malentendido desde hai decenios no resto do Estado como estruturalmente conservador –ou «xeolóxicamente de dereitas», como chegou a definilo Manuel Fraga-, sucedeu xustamente ao revés.

Entre BNG e PSOE, sen contar nin a Podemos, nin EU nin os restos das Mareas, sumaron o 23M 115.000 sufraxios máis que o PP. Case un 20%.

Menos de dous meses despois, e aínda que en menor medida, sucedeu algo parecido nas xerais do 23J. A pesar da caída do PSOE e do espazo da esquerda alternativa fráxilmente aglutinada ao redor de Sumar, o nacionalismo e a progresía acadaron en Galicia case 31.000 votos máis que a dereita e a ultradereita. Un 4%.

Posibilidade de cambio

Cando a candidata do BNG, Ana Pontón, e o do PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, celebraron o pasado xoves o adianto electoral reafirmando que en Galicia hai posibilidades de arrebatarle a maioría absoluta ao PP, non expresaron unha boutade, senón unha realidade: os últimos procesos demostran que hai unha pinza social oposta ou que polo menos non apoia o proxecto de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda.

Claro que converter esa maioría social en maioría parlamentaria é outra cousa. E aí é onde a esquerda xoga sobre un escenario moi incómodo que retroalimenta as súas contradicións.

O Parlamento de Galicia ten 75 escanos e á Xunta accédese con 38. O PP ten 42, o BNG, 19, e o PSOE, 14.

Alfonso Rueda, o pasado 19 de decembro en Lugo / Foto: PP

O Bloque, con 13 das súas deputadas 19 asentadas nas provincias atlánticas, quedou o 23J en terceira posición por detrás de Sumar. Pero na formación nacionalista lembran que as xerais se moveron nun contexto de extrema polarización que elevou os discursos dos partidos estatais sobre os relatos como o seu, centrados na defensa dos intereses de Galicia.

«Nas autonómicas vótase en clave galega»

«O escenario agora é ao revés. Nas autonómicas vótase en clave galega, o electorado sábeo e o Bloque e Ana son a formación e a candidata que máis se parecen ao país», sosteñen fontes da formación.

Destacan que o perfil transversal da súa portavoz nacional pode atrapar votos a dereita e esquerda: na contorna do PP galeguista, entre a socialdemocracia do PSdeG e no espazo á esquerda deste que lidera Yolanda Díaz e que aínda non consolidou o seu proxecto.

Tanto o Estado maior do BNG como a tropa que fai campaña desde as redes sociais replican desde hai semanas a mesma mensaxe: que o mellor para segurar un Goberno de progreso na comunidade é concentrar o voto na súa formación. Por que existe o risco, aseguran, de que se perdan miles de sufraxios de esquerda se Sumar non entra na Cámara.

O BNG chama a concentrar en Ana Pontón o voto de cambio

«O cambio en Galicia pode depender de 50.000 votos», asegura unha fonte de Anova, a formación de Xosé Manuel Beiras que acaba de rexeitar o ofrecemento de Yolanda Díaz para que o seu portavoz nacional, Martiño Noriega, encabece a candidatura de Sumar.

Nas últimas autonómicas, coa marca Galicia en común e con Antón Gómez Reino -Podemos- como aspirante, sustentado pola vicepresidenta segunda e o seu equipo e con Noriega de número tres pola Coruña, obtivo xustamente 51.360 votos.

Multiplicar ou dividir

A contorna de Díaz invalida o argumento de que a súa presenza pode dividir máis que multplicar, lembrando que Sumar obtivo o 23J case 176.000 sufraxios e dous escanos pola Coruña e Pontevedra. Claro que entón se aparentaba unidade con Podemos e EU, que foron quen asumiron, polo menos en Galicia, o soporte loxístico e organizativo de toda a campaña.

Agora non só é que o consenso aínda non se conseguiu, senón que a rutpura do grupo parlamentario en Madrid freou en seco as conversacións a tres bandas en Galicia. Facer unha campaña sen estruturas partidistas que a sosteñan antóllase moi complicado.

José Ramón Gómez Besteiro, segundo pola dereita, nun acto de campaña o pasado venres / Foto: PSdeG

Únese a iso que nin Sumar nin os que se supoñen os seus aliados naturais designaron candidato ou candidata á Xunta, nin dan data para facelo.

«Será pronto», afirma Paulo Carlos López, portavoz do movemento en Galicia. É un bo perfil pola súa mocidade e preparación, pero non logrou illarse de todo ese ruído, o reloxo corre na súa contra e estánllo a poñer moi difícil para non aparecer como recurso de última hora tras a negativa de Noriega e doutras figuras como a exconselleira do BNG Teresa Táboas.

O coordinador xeral de Podemos Galicia, Borja San Ramón asegura que o seu partido está disposto a reiniciar as negociacións, pero non, advertíu, «se ao que vén Yolanda Díaz a Galicia é a restar e a dividir».

Sumar en Lugo e Ourense

Quen si expuxo que Sumar non se presente en Lugo e Ourense, as provincias onde esa formación ten menos posibilidades e onde o PP obtivo nas xerais os mellores resultados de todo o Estado, é o PSOE. Aínda que non o fixo directamente senón a través de filtracións, que fontes tanto da contorna de Díaz en Galicia como do candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, negan rotundamente.

O certo é que o exdelegado do Goberno en Galicia e deputado no Congreso é de Lugo -presidiu tamén a Deputación Provincial-, e este venres anunciou que se presentaba pola súa provincia tras barallar facelo pola Coruña.

Farao por Lugo porque é consciente de que as provincias interiores onde a repartición do voto á esquerda nelas son claves para decidir a Xunta, sabendo dos resultados das autonómicas de 2020 e as xerais de 2023.

O PSOE quedou o 23J a 5.200 votos do seu segundo escano por Ourense mentres Sumar non obtiña ningún con case 10.000

Nas últimas autonómicas, a esquerda alternativa non tivo escano por Lugo cos seus 3.715 votos, cando ao PSOE lle faltaronl menos de 1.300 para roubarlle un ao PP nesa provincia. Nas pasadas xerais, Sumar non obtivo deputado por Ourense con máis de 9.800 votos, cando os socialistas necesitaban 5.200 para alcanzalo, tamén, á conta do PP.

Jácome e Baltar

Tamén teme a Ourense o Partido Popular, onde o alcalde da capital provincial, Gonzalo Pérez Jácome, que ten posibilidades de pelexar por un ou por mesmo dous escanos dos oito que se xogan na provincia e que hoxe son do PP, se se repetisen na provincia os resultados das municipais.

Jácome quere e pode aproveitar a caída de Manuel Baltar e a previsible descomposición da rede clientelar coa que o PP cimentou as súas vitorias electorais na provincia e que el está a empezar a montar para elevar a autonómico o seu proxecto local.

Jácome, á dereita, o pasado xoves con Armando Ojea (d) e Jorge Pumar (c) / Foto: M. G.

Luzes-Público non puido Esta por confirmar a veracidade das informacións dalgunhas fontes da provncia que aseguran que Xosé Luis Baltar, pai e antecesor do expresidente e hoxe senador procesado polo Supremo, e muñidor desa vella rede de intereses, estea a pedir o voto para Jácome nos municipios de Ourense onde hai alcaldes do PP que aínda lle son afíns.

O que si puido constatar este diario é que o líder de Democracia Ourensana mantén boas relacións coa contorna da súa outrora inimigo, que nin sequera oculta. Jácome e o seu candidato, Armando Ojea, reuníronse o pasado mércores nunha céntrica cafetería ourensá con Jorge Pumar, un exdiputado provincial e concelleiro vinculado desde hai lustros ao círculo máis íntimo dos Baltar.

A Feijóo e a Rueda preocúpalles Jácome non só porque lles vai a roubar votos, senón porque se ademais acaba tendo nas súas mans a chave da Xunta, resultaría un exemplo penoso para o resto do Estado ao verse obrigados a pactar con el. «A ver como xustifican entón o argumento de que Pedro Sánchez está disposto a todo por manterse no poder», destaca outra fonte socialista.

Vox e o candidato «blandito»

Jácome é un quebradeiro de cabeza, como tamén o é Vox, que a pesar da súa irrelevancia en Galicia pode roubarlle ao PP ao votante que ve ao sucesor de Feijóo como un político demasiado «blandito».

A Rueda non lle van a sobrar os votos, e Vox, que obtivo máis de 77.000 sufraxios o pasado xullo en Galicia, mantén na comunidade un chan electoral próximo ao 5%. Nese límite está a barreira mínima legal para acceder ao Parlamento de Galicia, aínda que é difícil obter un escano nel con menos do 8% dos sufraxios.

É dicir, que a formación de Abascal podería roubarlle ao PP unha cantidade de electores insuficiente para obter representación, pero sobrada para minguar a súa en favor, paradoxalmente, da esquerda.

Sería «facer o idiota», en palabras do ferrolán Miguel Tellado, portavoz do grupo popular no Congreso e factótum do sector duro da contorna de Feijóo. Sábeo por experiencia propia. El obtivo a súa acta de deputado encabezando ao lista da Coruña, onde nas autonómicas do 2020 o PP obtivo outro dos escanos crave na última maioría absoluta de Feijóo por menos de 13.000 votos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail