Este primeiro ano de vida das Womansplainers chega á súa fin e despedímolo cun directo de Twitch, que agora podedes escoitar tamén en Anchor, Spotify, iVox e o martes en Cuac FM, na compaña da poeta e cantante Lucía Aldao.
Preguntámonos, en primeiro lugar, que se considera aínda nos nosos días unha relación convencional e como mudou a percepción que temos dela desde os tempos en que o matrimonio canónico era a medida do normal. Cales son as familias convencionais nun país onde máis da metade das crianzas xa nacen fóra do matrimonio? Incluso as ficcións máis comerciais hai lustros que reflicten cada vez máis constelacións familiares, como parellas divorciadas, familias monoparentais, pais e nais LGBT+, parellas con fillos de anteriores relacións, etc.
A pandemia e os sucesivos confinamentos e peches perimetrais tiveron e seguen a ter un impacto contundente e posibelmente duradeiro na nosa maneira de relacionarnos, non só coas nosas parellas, senón tamén coas nosas familias e amizades. Comezan a ser as relacións “a distancia”, propias tradicionalmente no noso país das persoas emigradas, parte integral da vida dunha mocidade que xa non pode compartir decote festas e apertas?
Esa mesma mocidade experimenta máis que nunca na historia recente con novas formas de relacionamento: parellas abertas, relacións poliamorosas, anarquía relacional, swingers. Por que é tamén nesa propia mocidade onde xorden as reaccións máis virulentas contra estas alternativas á monogamia? É por iso que custa máis traballo saír dos armarios relacionais que dos da orientación sexual?
Por último, aproveitamos coma sempre para vos recomendar algunhas lecturas e filmes con relacións non convencionais que nos gustan ou nos inspiran.
Desexámosvos un 2022 cheo de relacións novas ou vellas, pero salvaxemente felices!
Na imaxe, no primeiro plano, Frau Diamanda e dentro do autobús, Lucía Aldao.