Alá foi 2020. Non era sen tempo

O pensamento único é que 2020, un ano de cifra tan redonda, foi malo como nin os vellos acordan, que se di nestes casos (por moito que 1936 e seguintes tampouco é que foran excelentes). Este que agonía foi o ano de consolidación de www.luzes.gal, ou niso concordan os números e as nosas amizades. De todo o que publicamos, unha peza diaria de media, escollemos unha por mes para mirar cara atrás sen ira, mais tampouco con nostalxia. Simplemente para reler cousas que nos gustaron a todos, e volverse indignar, sorrir, ou simplemente lembrar que cousas pasan neste mundo.

E en 2021 sigan estando atentos a esta pantalla.

Xaneiro

O que arde, o xemido de orfandade do rural

A reportaxe de Valeria Pereiras sobre a estrea, en Navia de Suarna, onde todo empezou, de O que arde, a película que fixeron xuntos os veciños e Oliver Laxe.

 

Febreiro

Os ollos da miña nai

Unha das mostras da mellor literatura galega deste século. O bosque de cromosomas familiares que Olga Novo visita de cando en vez para regalarlle o que recolle á xente que le luzes.gal

 

Marzo

Carmiña e o coronavirus

Alba Tomé conta a chegada do coronavirus, os seus usos e os seus costumes, a súa aldea.

 

Abril

Carta aberta dun médico de familia ao presidente Feijóo

Cando aínda non era do dominio público –caso de que agora o sexa– e espeluznante situación das residencias, un médico de familia dun centro de saúde, Adolfo Telmo Pérez, cantoulle claro a Alberto Núñez Feijóo as consecuencias sanitarias de abandonar os vellos e deixar facer negocio con eles.

 

Maio

Un sistema universitario galego virtual?

O ensino universitario non presencial é unha oportunidade? Para que? Para a modernización? ¿Ou para afondar na privatización e nas desigualdades? O exreitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, intervén nun debate no que tamén polemizaron o ministro Manuel Castells e o filósofo Nuccio Ordine.

 

Xuño

Ética e valores na sanidade

Menos hospitalcentrismo e un sistema con máis primaria, máis medicina preventiva, máis formación en bioética e coidados paliativos e con maior independencia das empresas farmacéuticas (que crean doenzas e milleiros de pacientes/consumidores). A opinión de Alexo López Álvarez, un médico anestesiólogo.

 

Xullo

Non, non había partido

Analistas? Daslle unha patada a unha pedra e saen dez. Pero Luís Pardo é agudo e ameno mesmo analizando, como neste caso, un drama e con moviola.

 

Agosto

Anarquismo e nacionalismo? Anarquismo e nacionalismo

Un ensaio de dous dos máis habituais e incisivos estudosos do anarquismo galego, Dionisio Pereira e Eliseo Fernández, comentado por outra mente perspicaz, a de David Rodríguez, O Funambulista.

 

Setembro

A miña desfranquización

As cartas berlinesas dunha nena coruñesa, Mara Mahía. Desta vez, un caso máis de menos mal que saímos como saímos, tendo en conta que pasamos o que pasamos.

 

Outubro

Galicia, monárquica e republicana a partes iguais

O resultado da enquisa que o CIS non quere facer, e que 16 medios independentes, entre eles LUZES, acometeron mediante un crowfunding acadado en 48 horas. A maiores desta peza, e en data tan sinalada como o 12 de outubro, demos análises, entre outros de Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Carolina Bescansa e Víctor Sampedro.

 

Novembro

Carta aberta ao presidente da Xunta

Non moito tempo despois deste cordial saúdo, en público e con aplausos, as relacións entre os dous protagonistas, o político Alberto Núñez Feijóo e o xornalista Anxo Lugilde fóronse arrefriando ata a conxelación. Lugilde conta a carta descuberta –e noutra previa– por que pasou o que pasou e rematou co periodista no exili0, en máis dun aspecto.

 

Decembro

O derradeiro Freire

Entre as moitas cousas que levou este ano, están os coches de liña Freire, nos que varias xeracións de lugueses foron a estudar a Compostela, entre outros destinos e viaxes. Marta Veiga Izaguirre fai un percorrido sentimental por aquelas rutas do Freire e por todos os ómnibus que foron o sistema circulatorio do corpo de Galicia.

 

Non podemos pechar este balance sen contar canto botamos de menos aos nosos que, seguindo a estela do querido Pablo Orosa a finais de 2019, nos deixaron este ano: Esteban Yáñez Snob e hai nada, Lino Braxe. Seguides con nós.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail