Feijóo: transferencias cero

Se non mudan moito as cousas, Alberto Núñez Feijóo pasará á historia da autonomía como o único presidente da Xunta de Galicia que non pechou non seus mandatos traspaso ningún de competencias. E outrosí, trinta e cinco anos despois daquelas primeiras quince competencias transferidas no mes de xullo de 1982 polo Goberno de UCD, Mariano Rajoy será tamén o primeiro presidente dun Gobierno de España que nos seus mandatos non transferiu nin unha soa competencia nova a Galicia. Unha coincidencia de ambos os dous líderes populares galegos que non semella fortuíta.

E o caso da actitude displicente de Feijóo e Rajoy coa ampliación do autogoberno galego, máis alá da expresión da súa escasa autoestima e pouca consideración cos afáns dos seus compatriotas, ten hoxe moita máis miga política do que aparenta. Abonda con lembrar que desde 2008, cando o Goberno de Zapatero transferiu ao presidido por Touriño o Parque das Illas Atlánticas, Galicia xa non asumiu competencia ningunha máis. Como abonda consultar na rede para comprobar como Feijóo desque accedeu á presidencia da Xunta de Galicia abandonou de raíz o discurso que mantiña como xefe da oposición, cando criticaba as «transferenciñas» negociadas polo bipartito e consensuaba en 2009 co PSdeG-PSOE e BNG a reclamación do famoso e histórico paquete das setenta competencias pendentes.

Displicencia inicial co proceso transferencial transformada en 2015 en negativa rotunda a continualo, cando Pedro Puy, presentado como a cara máis razoable e galeguista do PPdeG, acuñou o discurso de que o pulo do autogoberno galego radicaba no mantemento da solvencia da comunidade, máis que na dotación de novas transferencias. Doutrina dende entón nunca cuestionada, seguida ao pé da letra polo presidente Feijóo, que situaba as políticas de consolidación fiscal (o eufemismo utilizado polos administrativistas para referirse aos recortes de políticas sociais, educativas e culturais) como eixo da acción do seu Goberno, ao tempo que remataba coa posibilidade de reforzar as institucións de autogoberno e acadar un novo teito competencial para a autonomía galega.

Xaora, para sermos precisos, durante a campaña electoral das eleccións galegas do 25 de setembro de 2016, Feijóo expresou nalgunha intervención que a mellora da situación financeira permitiría abrir a axenda de traspasos pendentes, lembrando así o paquete das setenta competencias, entre as que citaba as da AP-9, as da Inspección de Traballo, as de ordenación do litoral, inspección e vixilancia pesqueira, como a posibilidade de volver a falar da de tráfico e seguridade viaria, aínda que deixaba no esquecemento moitas outras do paquete consensuado en 2009 no Parlamento como as competencias sobre museos, bibliotecas e arquivos, ou as bolsas de estudo por citar algunhas das significativas.

No entanto, mergullados na actual crise de Estado provocada polo «problema catalán», Feijóo volveu achantar a reclamación transferencial de Galicia aducindo que a impedía a «excepcionalidade que vive hoxe o Estado as autonomías». Un argumento ad hoc que expresa o compromiso de Feijóo de non crearlle outro problema a Rajoy, mesmo a pesar de que o Parlamento (co voto dos populares) acordase o pasado mes de marzo solicitar a transferencia da Autoestrada do Atlántico, fulcral para un desenvolvemento sostible e equilibrado do país. Unha actitude do presidente dos Peares que, para o noso escarnio, coincide coas transferencias que o propio gabinete de Rajoy negociou con sete comunidades como Andalucía, Canarias, Comunitat Valenciana, Madrid, as dúas Castelas ou Baleares. O que serve para elas non serve para Galicia?

Xaora, Feijóo coa súa teimosa política de transferencias cero preséntase nos medios capitalinos como o modelo dun xestor responsable dun novo Estado das autonomías. E non falamos aquí nin da súa negativa a considerar a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia nin o baixísimo nivel de produción lexislativa dos seus gobernos, outras expresións da súa intención de rebaixar a autonomía galega. Utilizando semellante estratexia conformista, imaxinamos a que aspira Feijóo?

(Seguín as informacións de David Lombao en praza.gal para documentar este texto, profesional a quen expreso gratitude e recoñecemento.)

bretemas@gmail.com

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail