Galicia terá este ano casi 4.000 unidades educativas privadas subvencionadas con cartos públicos, a cifra más alta da historia
A Coruña.- Galicia vai arrincar o curso escolar 2021-2022 coa cifra máis alta de unidades educativas concertadas da súa historia. En total, a Xunta prevé transferir ás empresas privadas que xestionan centros educativos de ensinanzas non universitarios máis de 276,4 millóns de euros. É dicir, vinte veces máis do que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo destina a bolsas, incluídas as universitarias.
O pasado 20 de agosto, o Diario Oficial de Galicia publicou a listaxe coas modificacións do catálogo de aulas privadas subvencionadas con diñeiro público. Engádense 42 unidades de infantil, primaria, secundaria e formación profesional e desaparecen 26, o que sigifica un saldo positivo de dezaséis novas aulas concertadas.
En total xa son case 4.000. Desde que Feijóo preside a Xunta, o número de concertos creceu en 140, desde as 3.836 aulas do curso 2009-2010 ás 3.976 do que está a piques de empezar, segundo datos da Consellería de Educación que dirixe Román Rodríguez.
«A educación pública ten ido perdendo peso ano a ano nos orzamentos da Xunta desde que Feijóo é presidente», asegura Xesús Bermello, secrertario federal de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG).
A Consellería de Educación non facilita os datos dos cartos que transfire cada ano ao ensino privado. Luzes-Público solicitounos dúas veces nas últimas semanas, pero ata o de agora non houbo resposta. De feito, Bermello explica que tampouco os sindicatos puideron obtelos pola vía oficial na mesa sectorial de educación. Trátase de información de carácter público que a Xunta está obrigada a facilitar, pero non o fai.
«É a súa maneira de complicar as cousas. Temos que reclamar eses datos polos mecanismos da Lei de Transparencia, e en ocasións, nin sequera así nolos dan. Nunha ducia de ocasións tivemos que recorrer á Valedora do Pobo para poder acceder a eles», explica o voceiro da CIG.
Pese ao escurantismo da Consellería de Educación, os datos de gasto en educación das comunidades autónomas están en mans do Ministerio de Educación, que si os proporciona. E indican que as transferencias de fondos públicos ao ensino privado en Galicia aumentou case un 18% con Feijóo. Desde os 239 millóns do último curso no que a Xunta estivo gobernada pola coalición do PSOE e o BNG ata os 276,4 millóns do curso pasado. Nese período, o investimento total nos ensinos non universitarios creceu en pouco máis de 18 millóns de euros. É dicir menos dun 1% en doce anos.
Os anuarios do Ministerio tamén indican que o investimento da Xunta en bolsas e axudas aos estudantes, incluídas as universitarias, foron de 15,4 millóns de euros no curso 2019-2020, o último do que existen datos. No 2008, antes de que Feijóo chegase ao Goberno, eran case 35 millóns. Un 57% máis.
Esas cifras resultan aínda máis reveladoras se se lles aplica a actualización derivada do crecemento do índice de prezos ao consumo e a depreciación do valor do diñeiro. En valores constantes, que ao contrario dos valores correntes si teñen en conta esa evolución dos prezos, resulta que o investimento da Xunta na educación non universitaria caeu en 268 millóns de euros mentres que o gasto en concertos con colexios privados sumaron case 10 millóns de euros máis.
É dicir, que mentres o investimento total da Xunta na educación pública non universitaria caeu un 14% desde que Feijóo é presidente, as subvencións á privada creceron un 9,64%. E aos datos de finanación engádense os que reflicten o progresivo desmantelamento do sistema: a Xunta pechou un de cada dez colexios públicos desde o ano 2009, cando Feijóo gañou as eleccións. E acaba de anunciar o peche doutros dous e a desaparición de 127 aulas de centros dependentes do Executivo autonómico. Súmense os recortes de profesorado (os sindicatos calculan que no curso 2021-2022 perderanse ao redor de 150 docentes) e non resultará difícil entender que profesores, alumnos e familias denuncien a progresiva perda de calidade do ensino público de Galicia.
«É unha estratexia similar á que están a usar na sanidade», explica Xesús Bermello. «Cando recortas e rebaixas a calidade dos servizos, a xente busca refuxio na iniciativa privada», explica.
O secretario de Ensino da CIG recoñece que Galicia non é a comunidade autónoma española con máis ensino concertado. Ocuparía o quinto lugar tras Madrid, Euskadi, Andalucía e Cataluña. Pero Bermello advirte de que iso se debe á dispersón da poboación na comunidade e que na Galicia rural o ensino «non é negocio» nin para as empresas que xestionan colexios nin para a Igrexa, titular de boa parte deles a través das súas ordes. «En cidades como Vigo, Santiago e A Coruña si é negocio, e é aí onde a Xunta apoia os centros privados subvencionándoos, mentres deixa esmorecer os colexios públicos».
No 2014, Feijóo devolveu o financiamento aos colexios privados que segregan aos seus alumnos por sexos, e a maioría, titularidade da Iglesia, están nesas cidades.
Galicia en Común, a marca galega de Unidas Podemos, tamén denunciou a estratexia da Xunta de apostar polo ensino concertado en detrimento de a pública, e criticou que Feijóo estea a deixar de lado «as necesidades das familias que queren que o modelo educativo sexa igualitario e de calidade». «Non hai que recortar, senón investir máis nos colexios públicos”», asegura o secretario xeral de Podemos Galicia e deputado de Galicia en Común no Congreso Antón Gómez Reino.
Luzes-Público tamén tratou de obter da Consellería de Román Rodríguez unha valoración sobre as críticas dos sindicatos e da oposición, pero á hora de peche desta información non obtivera resposta.