Viaxe pola Troitiño National Parkway

Mile 0: Mount Hope, West Virginia

A historia de Mount Hope, West Virginia, divídese entre os momentos nos que o seu nome foi unha premonición e nos que pasou a ser un chiste de mal gusto. Hoxe, o estado normal dun negocio nesta pequena localidade é o de pechado sen visos de volver abrir, o único colexio do concello, cal futbolista no seu ocaso, afronta o último curso no que permanecerá aberto e case todo –edificios, rúas, hoteis, moitas persoas e ata un día reputado estadio de football– mostra un aspecto desmellorado. E pese a todo, é unha decadencia sen dramatismo, coma se xa se acostumaran a convivir ca depresión. Coma se despois de tanto tempo en caída este fose o estado normal da alma. Hope o que é hope, en Mount Hope hai pouquiña.

Mount Hope

Foi a estas terras ás que chegou aló polos anos 20 José –posteriormente JoeTroitiño Gulías. Nacido na aldea de Pousada, en Soutelo de Montes, Joe acabaría por ser outro representante desa capacidade que ten a diáspora galega de aparecer de maneiras rocambolescas en lugares insospeitados.

E é que West Virginia e Mount Hope, aparte de corazón dos Apalaches xeográficos –o sistema de cordilleiras que cruza o leste de Norteamérica dende Canadá ate Georgia– son tamén centro dos Apalaches culturais, aquelas sociedades illadas durante tempo nas montañas, fundadas entre finais do século XVIII e comezos do XIX por colonos irlandeses e escoceses na súa maioría. Estes, que traían a costume de vivir en lugares en constante conflito, convertéronse en parte da forza bruta que necesitaban as colonias da costa para gañarlle terreo ás nacións indias. E así, afastados, desenrolaron a súa propia cultura durante anos.

Hoxe falar dos Troitiños en Mount Hope é facelo dunha das familias ricas da cidade. Unha que, de feito, vive na rúa que os locais coñecen coma a Rúa dos Millonarios

Non obstante, zonas desta nación de bluegrass, banjos, homes das fronteiras, guerras entre clans e en definitiva, todo ese mundo que deu orixe aos estereotipos do hillbilly estadounidense, abrironse ao mundo co descubrimento de carbón nas montañas do sur de West Virginia. Ca febre que isto provocou, entre finais do século XIX e principios do século XX comezaron a chegar inmigrantes polacos, checos, mexicanos, italianos e antigos escravos dos estados (máis) racistas do sur. Tamén, entre todos eles, ese tal José Troitiño que xa traía un bo historial de migracións con el: logo de entrar aos Estados Unidos xa por segunda vez dende Canadá, Joe acabou por atopar traballo na industria siderúrxica de Pittsburgh. Dende a cidade de Pennsylvania deu o seu seguinte salto pola xeografía americana para marchar cara ás minas de West Virginia, onde se extraía parte do carbón que mantiña a Pittsburgh na penumbra constante. Comezaba así a súa particular ruta, a ruta Troitiño.

 

Esta serie de eventos é o motivo para que hoxe falar dos Troitiños en Mount Hope sexa facelo dunha das familias ricas da cidade. Unha que, de feito, vive na rúa que os locais coñecen coma a Rúa dos Millonarios. Os «Tro-tih-nos», como lle chaman aquí, son unha familia prominente en Mount Hope grazas ao seu papel destacado na industria do carbón. E pese a todo, nesta vila non recordan a Joe. Aquí, o principal representante da familia foi Francisco –posteriormente FrankTroitiño Gulías, que chegou a Estados Unidos en 1941, reclamado polo seu irmán maior, que xa por daquela asentara a súa vida do outro lado do Atlántico.

«Meu pai e Joe repartiron o negocio nos anos 50; Frank quedou ca explotación das minas de West Virginia e Joe, pola súa parte, centrouse nos traballos de cantería e construción; acabou traballando moito en Washington, no Pentágono; tamén no Blue Ridge Parkway», conta Brenda Troitiño, filla do xa finado Frank e da súa segunda muller, de orixe italiana.

Brenda Troitiño

«A Joe foille moi ben», di Brenda, a única Troitiño que sobrevive na zona de Mount Hope. Unha Troitiño que, pese a todo, xa só fala inglés e que nunca pisou aínda Galiza. Segundo ela, para seguir a estela de Joe hai que cruzar os Apalaches dirección Washington DC, próximo obxectivo na persecución a ese tal Joe.

Mile 10: Thurmond, West Virginia

Antes de deixar West Virginia, paga a pena unha pequena visita a Thurmond, pobo escondido entre os canóns da New River Gorge. A uns 16 kilómetros de Mount Hope, Thurmond é en 2019 un poboado fantasma, unha representación magnífica do auxe e caída do carbón. A San Francisco desta particular febre, ca súa ampla carta de vicios na que gastar o diñeiro fresco das minas, Thurmond morreu da man do carbón, coma un namorado que xa non ten razón para vivir sen a súa compañía.

Thurmond

Dos case que 500 residentes de 1930 e os moitos que por aquí pasaban, agora quedan menos de dez, e ata o tren, ao redor do que se construíu todo en Thurmond, adoita pasar de largo os seis días da semana nos que atravesa o pobo. É o recordatorio diario dun amor que se esvaeceu.

Mile 139: Webbs Store, Warm Springs, Virginia

Quedarse estancado no tempo ten, ás veces, as súas cousas positivas. Ou iso debe pensar o dono da Webbs Store, unha pequena tenda e gasolineira da vella escola no medio do George Washington and Jefferson National Forest. A Webbs Store, a medio camiño entre Mount Hope e Washington DC, debe ser das poucas gasolineiras de todos os Estados Unidos nas que deixan encher o tanque do coche sen ter que pagar por adiantado. «Aquí aínda confiamos na xente», di o rexente, cun deses acentos da Apalachia que deben subtitular ata para os propios estadounidenses.

Fito e referencia para vostede na guía Troitiño, señor.

Mile 344: Capitolio, Washington DC

Conta o xornalista Colin Woodard no libro The Eleven Nations of North America que os mesmos colonos irlandeses e escoceses que poboaron as montañas dos Apalaches levaron consigo, amén da súa cultura guerreira e nómade, unha tendencia a rexeitar calquera poder que tentara sobrepoñerse ao individuo ou ás estruturas de clan. E de aí, deste trazo cultural, naceu segundo el parte desa desconfianza de moitos sectores da sociedade dos Estados Unidos ao poder federal.

O Capitolio. Washington D.C.

Porén, pouco diso se lle debeu pegar a Joe Troitiño, que tralo seu paso por West Virginia desenrolou gran parte da súa vida laboral da man dos contratos que lle outorgou o goberno federal de Washington DC. Fillo dunha terra de canteiros como Forcarei e tras deixar atrás o carbón, as empresas de traballos en pedra de Joe comezaron a dominar a zona que vai de Washingon DC ata Carolina do Norte. «O señor Troitiño foi a primeira referencia para os galegos da nosa zona que viñan aos Estados Unidos a traballar na pedra», explica Manuel Seara, nacido en Forcarei e xerente de Lorton Stone, LLC, empresa de cantería con sede en Springfield, Virginia, nos suburbios de Washington DC.

Ser de Forcarei na área de Washington DC é hoxe en día sinónimo de artesán da pedra

Responsable dos traballos na pedra do Capitolio, o Departamento de Xustiza, a Corte Suprema dos Estados Unidos, o Monumento a Washington ou varios memoriais na zona monumental de capital estadounidense, a actual Lorton Stone LLC foi creada no 1975 por Manuel Seara Espina, pai do actual xerente e que comezou na cantería en Washington DC coma empregado de Joe Troitiño. «Primeiro estivo traballando con el e logo para Ángel Roubín, outro exempregado do señor Troitiño; posteriormente, coma moitos, acabou montando a súa propia empresa», explica Manuel Seara fillo.

Así, Joe marcou o camiño que algúns dos seus veciños aínda continúan anos despois. Pese que xa choveu dende o paso de Joe Troitiño por Washington, igual que en Mount Hope o seu apelido se asocia ás minas e á prominencia, ser de Forcarei na área de Washington DC é hoxe en día sinónimo de artesán da pedra. Ambas conexións nacen dun home que, pese a todo, non rematou aquí as súas peripecias.

Blue Ridge Parkway

Mile 493: Blue Ridge Parkway, Carolina do Norte

«Who is this?», pregunta Erundina Cavadas dende a outra liña do teléfono, cun marcado acento de Soutelo de Montes. Filla do primeiro matrimonio de Frank Troitiño en Pousada, Erundina chegou fai 44 anos a Asheville, Carolina do Norte, a cidade onde xa residía seu tío Joe Troitiño. E cando a esta muller de 79 anos se lle pregunta pola historia da súa familia, humilde, comenta: «Pois mira, eu xa vou maiorciña e igual era mellor que falases co meu fillo, con Lino, que che poderá contar máis cousas ca min».

Tras estas palabras e media hora de contar as máis diferentes historias sobre a comunidade de Soutelo de Montes emigrada na área de Washington DC, Erundina, finalmente, colga. E entre os diferentes contos, destaca o do que probablemente foi o maior proxecto no que estivo involucrado Joe Troitiño no seu periplo polos EEUU: o da Blue Ridge Parkway, a carreteira de montaña que une Afton, uns 200 quilómetros ao sur de Washington, con Cherokee, xa preto de Tennessee. Unha obra de enxeñería que colle o nome dunha das seccións dos Apalaches e que foi unha idea da administración de Franklin D. Roosevelt para comunicar estas montañas ca última das súas serras de importancia: os Great Smokey Mountains.

No concello de Burnsville non foi ata 2010 que se retirou a lei seca que prohibía a venta de alcohol en calquera establecemento

Foi precisamente nos Smokeys onde comezou o colosal traballo de crear os túneles e viadutos que puidesen sortear todos os obstáculos naturais dos Apalaches. O traballo iniciárono case que artistas italianos da pedra, pero foron outros canteiros os que completaron o 75% do traballo de pedra que se levou a cabo na Blue Ridge Parkway ente 1935 e 1969, e case que a totalidade do que se fixo ata a súa finalización en 1987. O patrón destes canteiros era, obviamente, Joe Troitiño.

Blue Ridge Parkway

Hoxe, por esta sinuosa ruta que supera en tramos os 2.000 metros de altitude e na que os seus miradoiros son ás veces utilizados polos viaxantes como habitacións con vistas de luxo, xúntanse as amenidades para turistas cas tradicións atávicas dos primeiros europeos en chegar a estas terras. Así, en zonas coma a de Mount Mitchell, o punto máis alto dos Estados Unidos ao leste das Rocosas, os campos de golf e os retiros turísticos de yoga comparten concello con administracións certamente conservadoras, como a de Burnsville. Por poñer un exemplo, neste concello non foi ata 2010 que se retirou a lei seca que prohibía a venta de alcohol en calquera establecemento dende había décadas.

«We have some crazy laws here», comenta un home do condado, ca súa tenda de alimentación chea de bandeiras confederadas, explicando o porque de que non poida vender alcohol no seu establecemento. Ai, amigo, se só foran as leis.

Mile 893: Asheville, North Carolina

Xa no tramo final da Blue Ridge Parkway atópase a mencionada Asheville, a localidade de máis relevancia na rexión montañosa de North Carolina e o lugar onde finou Joe Troitiño a principios dos anos 90 tras máis medio século residindo alí. Na actualidade, o punto final desta guía é un lugar recoñecido polo seu carácter hippie, unha vibrante escena musical e uns espazos naturais que atraen miles de turistas cada ano.

En pleno agosto e ca música soando por todas partes nunha vila en ebulición, Erundina Cavadas está a punto de marchar cara a Galiza a pasar uns meses. É por iso que Lino, seu fillo, anda co tempo xusto: ao día seguinte ten que levar á súa nai ao aeroporto de Charlotte para que poida voar ao outro lado do Atlántico. Aínda así, este home que viviu a Transición na facultade de Medicina de Santiago e que sente certa morriña polos seus tempos no Seminario Menor de Compostela–máis ben polos viños e amigos daquela época–, ten tempo suficiente para repasar a historia de Asheville e da súa familia nun par de horas. A súa nai tiña razón, ten historias e historias que contar.

Blue Ridge Parkway

Como resumo, Lino, apaixonado da historia e profesor xubilado de español nas escolas públicas de Carolina do Norte, adoita dicirlle aos que non coñecen a vida Joe Troitiño que se pode falar de tres vagadas de orixe española nesta zona dos Estados Unidos. O explorador Hernando de Soto foi o primeiro europeo en chegar por estas latitudes aló polo 1540. Pola súa parte, o arquitecto valenciano Rafael Guastavino foi o segundo cando liderou a construción da basílica católica de Saint Lawrence en Asheville en 1905. O terceiro, di Lino, foi o seu tío avó, José Joe Troitiño.

Ca odisea, obra e milagres deste home de Soutelo de Montes, fans como son os estadounidenses de crear rutas de homenaxe ao máis diverso, podería facerse unha polas montañas das que un día se sacaba carbón a esgalla, un paso intermedio por Washington e o poder federal dos Estados Unidos, e un remate final polo Blue Ridge Parkway e as serras do leste dos Apalaches. Recorrendo a pegada do seu traballo recorreríase, tamén, parte da historia dos Estados Unidos. O nome quedaría bonito e todo: Trotiño National Parkway.

O único problema chegaría ca pronunciación. Habería que acostumarse a dicir Tro-tih-no, Tro-tih-no National Parkway.

Blue Ridge Parkway
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail