O pasado 18 de xullo, en Luzes.gal publicamos a seguinte noticia:
Feijóo abunda nas súas mentiras: o director da TVG que el nomeou non era o candidato do PSOE
Nela afirmábase que baixo o mandato do actual director da CRTVG acumuláronse as sentenzas por vulneración dos dereitos laborais e houbo condenas por favorecer ao PP nas campañas electorais. En base ao Dereito de Rectificación regulado na Lei Orgánica 2/1984, de 26 de marzo, invocado pola CRTVG mediante un mail remitido polo seu departamento de prensa, insertamos a seguinte nota:
«A CRTVG, durante o mandato do señor Sánchez Izquierdo, afrontou centos de xuízos orixinados en administracións anteriores debido á cesión ilegal de traballadores. A xerencia actual regularizou o 100% do persoal. As denuncias, nin sequera as sentenzas desfavorables por vulneración de dereitos fundamentais, representan menos do 0,5% da litixiosidade total da Corporación. É falso que durante a xestión actual a ‘Xunta Electoral condenase en numerosas ocasións á CRTVG por favorecer ilegalmente ao PP durante as campañas electorais´. Ao contrario, foi en etapas previas a esta dirección xeral cando a CRTVG foi condenada numerosas ocasións pola Xunta Electoral por violación da ‘neutralidade informativa’ nas campañas electorais».