Almoina, o galego que «traizoou» a Trujillo

En 1954 un documental do NO-DO ofrecía en todos os cines de España as imaxes do encontro de dous xeneralísimos. O 2 de xuño dese ano, un mércores, foi declarado festivo parcialmente pola chegada de Rafael Leónidas Trujillo a Vigo, a bordo do flamante transatlántico Antilles; o dirixente era agasallado en Castrelos cun almorzo ofrecido polo Concello, despois dun percorrido en coche coa capota baixada pola cidade acompañado do alcalde. En Madrid, na Estación do Norte, á que chegaría nun tren especial ao día seguinte, esperábao Franco con todo o Goberno.

«Los dos Generalísimos se abrazaron efusivamente», recollía o NO-DO. Trujillo, co seu bicorne emplumado de xeneral de opereta cómica con banda cruzada, apertaba a un ferrolán de uniforme gris nunha España en branco e negro. O insular celebraba o vinte e cinco aniversario do seu reinado. Asistiría a exercicios militares, a unha corrida de touros e visitaría o Valle de los Caídos.

Os dous xenerais eran os campións do anticomunismo, un en Europa e o outro en América. El Progreso, so o titular «Trujillo o la perpetuación de lo hispánico», propoñía na portada do 3 de xuño que os españois debían recoñecer no líder da República Dominicana «ese viril ejemplar de la raza que tanto entra en nuestras concepciones y gustos».

Trujillo e Franco, na visita do primeiro a España en 1954.

En 1976, en La Vanguardia, Albert Manent, apenas dous meses despois da morte de Franco, mencionaba nun artigo, baixo o epígrafe «Exilios», a tres republicanos asasinados por orde do caribeño: «tres emigrados, víctimas del implacable trujillismo: el profesor vasco Jesús de Galíndez, raptado en Nueva York y desaparecido para siempre, autor de un libro insuperable, La era de Trujillo; Alfredo Pereña, yerno de Samuel Gili Gaya, desaparecido en un cambio de avión en Ciudad Trujillo y el atropello y asesinato en México de José Almoina».

Galíndez, profesor na Universidade de Columbia desaparecía na illa caribeña en marzo de 1956. Trujillo non lle perdoou que lera, precisamente o 27 de febreiro – Día da Independencia da República–, a súa documentada tese doutoral sobre o goberno do  ditador nesa universidade norteamericana. Catro anos máis tarde matarían a Almoina, practicamente polo mesmo motivo.

En 1977, Ánxel Fole, secretario provincial do Partido Galeguista en 1935, «un antifascista visceral» (como o definiu Sánchez Pombo), exiliado trala sublevación do 36 nas terras do Incio, Quiroga e O Courel, lembraba á súa vez en «Cartafolio de Lugo» –a sección que inaugurara en El Progreso cando nacía a II República– a biografía do seu veciño, recuperando os feitos de xeito extemporáneo un 24 de xullo de 1977, dezasete anos despois: «El lucense José Almoina Mateos es asesinado en la capital de Méjico por un comando trujillista». O autor dos contos de lobos da montaña lucense compensaba o silencio de El Progreso en maio de 1960 e poñía de manifesto que a ditadura era unha paréntese de cadea e inquisición, unha damnatio memoriae da que había que recuperar o que se puidera. Fole compartira cidade e ano de nacemento (Lugo, 1903), carreira inacabada de Filosofía e Letras (Fole en Valladolid, Almoina en Compostela) e exilios (un interno, outro exterior).

En Galicia, en 1960, o vespertino La Noche (Santiago de Compostela, 25 de maio) publicaba o pasamento do escritor José Almoina, sen precisar a causa, quitándolle así todo o sentido á noticia, destacando a súa faceta de profesor en Santo Domingo e México, e as súas publicacións sobre Rubén Darío, Goya e a biblioteca erasmista de Diego Méndez, así como as colaboracións na prensa galega. Cremos que é o único xornal galego que recolle o pasamento, inda que como unha nova cultural e ocultando que o lucense é vítima do terrorismo de Estado.

O pasado 4 de maio transcorreron sesenta anos do atentado contra Almoina Mateos, fillo dun médico militar, pioneiro, segundo escribía Fole, en usar un aparello de raios X en Lugo. José Almoina pai, compostelán de nacemento, que falece cando Pepe só contaba con once anos, fora un activista cultural máis alá da súa profesión: presidiu o Círculo das Artes de L­ugo entre 1909 e 1911 e formou parte de Real Academia Galega.

Trujillo e Somoza en 1952.

José Almoina cursou o bacharelato en Lugo e trasladouse logo a Santiago, onde se formou na Facultade de Filosofía e Letras, estudos que ao parecer non rematou e que alternou cos de Maxisterio. Realizou oposicións a Correos, obtendo praza. Iniciado na masonería en 1928 co nome simbólico de Desexo pertenceu a loxas de Lugo e de Vigo. Ingresou na Agrupación Socialista de Benavente o 1 de setembro de 1931 e en Zamora recoñéceselle hoxe o seu papel potenciando a filiación socialista nesa provincia. Foi candidato do PSOE por esa demarcación nas eleccións xerais de 1933 sen resultar elixido, pero si foi compromisario para a elección de presidente da República en 1936 por ese mesmo partido, no mesmo proceso no que Carvalho Calero sairía electo polo Partido Galeguista, e xa cando a dereita conservadora (monárquicos e CEDA) escolleran a vía de armar milicias para apoiar un golpe militar como única vía para chegar ao poder. Os votos de Carvalho e Almoina serían para Azaña, presidente da República ata finais de febreiro de 1939, uns días despois de que Gran Bretaña e Francia recoñeceran o Goberno de Franco.

Almoina foi unha vítima da violencia política que fuxía da represión franquista como milleiros de republicanos (dous mil galegos?), que procuraban en América unha vida libre de persecucións ideolóxicas. Á muller, a soriana Pilar Fidalgo, embarazada, detéñena como refén comezado o Movimiento Nacional, así denominado polos propios sublevados como se dun fenómeno físico se tratara, cando do que se trataba era dunha revolución fascista. Tras sete meses nun cárcere de Zamora, Pilar é liberada grazas a un intercambio de presos que xestiona o propio Almoina.

A etapa republicana desaparece en 1939, caendo os últimos territorios do leste e con Madrid aínda resistente. En febreiro dese ano cae Catalunya e centos de miles de peninsulares atravesan a fronteira con Francia. Argelès-sur-Mer, unha fermosa praia do Rosellón, será o primeiro campo que se abra para acollelos. Por el acabarían pasando douscentos mil refuxiados en dous anos. Os primeiros en chegar quedaban abraiados ao comprobar que alí só había area, arames de espiño e violentos xendarmes. Os refuxiados tiveron que gorecerse en buratos cavados coas mans, antes de levantar cabanas improvisadas. Tras Argèles viñeron Saint Cyprien e Le Barcarès, no departamento dos Perineos Orientais. Diante do formidable amontoamento humano abríronse máis campos no interior ou afastados da fronteira: Bram, Agde, Rivesaltes, Septfonds, Gurs… e campos de castigo e represión como Vernet d’Ariege e o castelo de Collioure. Informes do Goberno galo ofrecían o 9 de marzo a cifra oficial de 440 mil refuxiados: 170 mil mulleres, nenos e anciáns, 220 mil soldados ou milicianos e cincuenta mil inválidos e feridos. Antes de finalizar 1939, regresarían a España algo máis da metade, polo que 200 mil persoas constituirían o exilio español residente en Francia cando comeza a II Guerra Mundial. Uns 35 mil republicanos sairían a outros países, principalmente a América, norte de África, Gran Bretaña e a URSS. México aceptou 7500 refuxiados entre 1939 e 1940 e uns vinte mil máis en anos posteriores.

Refuxiados españois en Argeles. Foto: Robert Capa.

O primeiro éxodo republicano asentouse en expedicións marítimas transatlánticas organizadas inicialmente desde Francia polo SERE (Servizo de Evacuación de Republicanos Españois), controlado por Negrín coa axuda dos galegos Méndez Aspe e Bibiano F. Osorio-Tafall, e logo pola JARE (Xunta de Auxilio a Republicanos Españois), desde México, dominada por Indalecio Prieto. As tres grandes expedicións do SERE foron as dos buques Sinaia, Ipanema e Mexique, no verán de 1939, e supuxeron o traslado de preto de seis mil exiliados españois a México, onde máis de trescentos son galegos. O traxecto do Sinaia foi posible polo apoio financeiro da National Joint Committee for Spanish Relief, unha oenegué británica para axuda ás vítimas da guerra civil española. Á parte de México, o SERE organizou expedicións a outros países como a famosísima do Winnipeg, promovida por Pablo Neruda, cónsul de Chile en París. Neste buque viaxaron ao país andino media decena de galegos, entre eles os Pita Armada, de Cariño. Á República Dominicana tamén chegaron barcos con refuxiados. Non había ningunha afinidade ideolóxica co ditador Trujillo, pero este aproveitou a necesidade de encontrar axiña países de acollida; uns 2800 republicanos traerían o Flandre, o De La Salle e o Saint Domingue, polo que o primeiro destino despois de Francia para Almoina foi a República Dominicana. O 7 de novembro de 1939 arribaban a Santo Domingo 250 refuxiados, entre eles Almoina, con 37 anos, que na illa sería secretario do Generalísimo, profesor da Escola Diplomática, da Escola Nacional de Belas Artes e da Facultade de Filosofía. Trujillo quería facer unha política de dobre branqueamento cos españois: contrapesar o número de habitantes de raza negra da illa e tapar ante a opinión pública mundial as súas matanzas represivas, entre elas a recente de milleiros de haitianos.

Imaxe da zona norte da praia de Argèles, o lugar onde se ubicou o campamento de refuxiados.

A este país chegarían galegos procurando asilo político como o exdeputado sadense Suárez Picallo, o médico e deputado por Lugo Fernández Mato, o pintor surrealista Granell, militante en Galicia do POUM trotskista, o escultor Vázquez Díaz, coñecido como «Compostela», ou o biólogo José Mª Mosqueira, que chegou de Corme en 1937 cun contrato para mellorar as artes de pesca. Os republicanos formaron a elite intelectual de La Española ata que o control dun poder obsesionado co perigo comunista fíxose insoportable e a maioría marchou a México e Venezuela.

Foi en México onde se creou unha gran colectividade exiliada de Galiza, a máis importante do éxodo galego xunto coa arxentina, non só cuantitativamente xa que contaba ademais coa presenza de intelectuais como o musicólogo Bal y Gay, o cineasta Carlos Velo, os profesores Ángeles Tobío, Carlos Tobío e Pedro Martul, e políticos importantes no artellamento do estado republicano como o exministro de Facenda Méndez Aspe, natural de Pontón, ou o exalcalde pontevedrés Osorio-Tafall, mestres como Luís Soto, dirixentes socialistas como Marcial Fernández e Alfonso Quintana, Longueira e Patiño, os galeguistas Delgado Gurriarán e Elixio Rodríguez e artistas como o pintor Arturo Souto… Almoina chega a este México aliado da República co visado de asilado en 1947 e aquí vivirá ata que é atropelado por un automóbil, do que se baixaran dous sicarios de Miami para rematalo con disparos. Faleceu ao día seguinte nun hospital da cidade. En 1949 aparecera Una satrapía en el Caribe. Historia puntual de la mala vida del déspota Rafael Leónidas Trujillo, impreso en México e asinado co pseudónimo Gregorio Bustamante, unha denuncia da ditadura de Trujillo e que este atribuíu axiña ao seu antigo secretario, a pesar de que que na obra se introducía o despiste «…ese miserable gallego Almoina», que evidentemente non funcionou.

Jose Almoina.

«Dedico este libro crudo, amargo, brutal, a todos los que por su condición de demócratas, presencian con repugnancia invencible, el espectáculo de la más sangrienta, sórdida y feroz tiranía…». Con esta dedicatoria encetaba Almoina Mateos Una satrapía, un libro que significou unha condena a morte. Dado o carácter despótico do réxime dominicano e da personalidade vingativa do seu máximo dirixente, dono de vidas, facendas, vontades e conciencias, non é de estrañar que Rafael Leónidas Trujillo, neto ilexítimo dun policía español destinado en Cuba, perseguira ata a morte ao autor: «Chapita, el raterillo Chapita, ha conseguido que la vida moral de la República se convierta en una sentina de abyecciones. Todo está allí relajado, prostituído, desquiciado. (…) La corrupción del régimen trujillero ejerce sobre la vida dominicana su acción destructora y puede decirse que ha infectado ya todos sus tejidos».

Calculou o lucense que estaría a salvo detrás do pseudónimo e do truco de autoinsultarse en terceira persoa, ou quizabes que a súa humilde persoa non fora nunca obxecto de preocupación do tirano. Mais non calculou a súa maldade e morrería asasinado por dous sicarios anticastristas un ano antes que o sátrapa. O organizador do atentado debeu ser o dominicano Johnny Abbes García, sen máis oficio que o de asasino e torturador asalariado de Trujillo. O Servizo de Investigación Militar que el dirixía foi unha poderosa organización que aterrorizaba a poboación con crimes e torturas, tendo en nómina a milleiros, desde limpabotas a altos funcionarios, militares, médicos, periodistas, fotógrafos e avogados. Dispoñía de varios centros de torturas, o máis terrorífico a cadea da estrada La Cuarenta, en Las Flores, ao norte de Santo Domingo.

Escribe Bernard Diederich que unha tempestade comeza a formarse no Caribe en 1958, co triunfo da revolución cubana. Cando Fulgencio Batista foxe da Habana o 1 de xaneiro de 1959, sendo acollido en Ciudad Trujillo, dous importantes espías dominicanos (un deles Abbes) escapan por pouco de caer nas mans de Fidel Castro. Abbes adquirira a súa pericia de axente en México, onde se viu envolto en varios crimes contra exiliados dominicanos. A crueldade e o sadismo do dominicano son lendarios. Por ordes súas foron torturados e asasinados moitos disidentes, encarcerados polos servizos de intelixencia dominicanos, principalmente os membros do Movemento Clandestino 14 de Xuño, apreixados en xaneiro de 1960. O grupo opositor recibira armas do presidente Betancourt, de Venezuela, e o mesmo Betancourt sería obxecto dun atentado falido organizado por Abbes, quen, desde 1958, nos derradeiros tres anos da ditadura, foi a persoa que máis influíu sobre Trujillo e o que mellor harmonizou cos seus perversos sentimentos. Pero o relato de Almoina sobre o trujillismo é dunha etapa anterior, ata a posguerra da II GM. Nas primeiras páxinas do libro que lle costa a vida, describe a herdanza paterna de Trujillo como a dun ladrón de gando enriquecido co roubo, despois a represión cruel e indiscriminada de toda oposición, destacando os sucesos de xuño de 1947, cando un avión pousou na auga preto de Luperón, en Puerto Plata, na primeira invasión armada en contra da ditadura de Trujillo. «Sólo en esta región, que es la más rica del país, pasan ya de 400 los asesinados y continúan los encarcelamientos y las torturas. La represión se ha extendido a todo el país y los campos de concentración y de trabajo y las cárceles están llenos de víctimas».

Rafael Leónidas Trujillo Molina, nado en San Cristóbal o 24 de outubro de 1891, foi asasinado na capital co seu nome o 30 de maio de 1961, e foi enterrado no exilio: en Mingorrubio, El Pardo, no mesmo cemiterio que Franco . O ferrolán serviu como un imán para outros ditadores, atraéndoos a España vivos ou mortos: Fulgencio Batista (Cuba), Ante Pavelic (xenocida en Croacia), o xeneral Pérez Jiménez (Venezuela), e os dous trujillos: Rafael e Ramfis, o breve sucesor na tiranía dominicana, que morre en Madrid en 1969, tras accidentarse co seu automóbil deportivo de fillo rico. Con Franco serían seis os chibos que converten a capital española na que ten hoxe o maior número de sepulturas de ditadores no mundo.

En decembro de 1961 fíxose popular en Santo Domingo o merengue «Mataron al chivo», do que Mario Vargas Llosa obtivo un título:

El pueblo celebra,
con gran entusiasmo,
la Fiesta del Chivo
el treinta de mayo.
Vamos a reír,
vamos a bailar,
vamos a gozar.
El treinta de mayo,
día de la Libertad.

O tirano, adestrado de mozo polos marines dos EUA, personaxe temido de La fiesta del Chivo, subornador de políticos e periodistas en México, Colombia, Cuba… perseguía os disidentes alá onde foran, vingativo e sempre coidadoso de evitar que os fuxidos lle crearan unha mala imaxe no exterior. O mesmo escritor peruano menciona o odio de Trujillo a Almoina cando escribe estas literarias palabras do ditador reconvindo á súa muller: «Olvidas que esas pendejadas no las escribistes tú, que no sabes escribir tu nombre sin faltas gramaticales, sino el gallego traidor de José Almoina, pagado por mí», facendo referencia ao seu traballo de educador intrafamiliar. Apenas hai dúas mencións a Almoina no libro de Vargas Llosa, ningunha no de Bernard Diederich; pero é evidente que Vargas leu, no seu proceso de documentación, o libro maldito de José, o que o levou á morte. Nas referencias ao lucense, o peruano escribe os vocábulos «gallego» xunto aos de «traidor» e «pérfido». Tamén coñecía o texto de Diederich (Trujillo, la muerte del dictador), o xornalista neocelandés da revista Time destinado en Haití, que chegou a acusar o escritor peruano de plaxio. As tres obras debuxan a descrición dun tirano esperpéntico, arbitrario e corruptor de toda unha sociedade, porque o corrupto mantén un sistema corrupto no que os cidadáns, desprovistos de dereitos, son súbditos rendidos ao sentido práctico da vida: sobrevivir e medrar aceptando os baremos arbitrarios da adulación, da ausencia de crítica e da insolidariedade. Os que atentan con éxito contra o Chevrolet Belair azul pálido do chibo, son fillos do réxime, con postos concedidos polo ditador, pois todo na illa depende del e ninguén medra sen o seu consentimento. Ofendidos polo tirano, buscan máis a vinganza que un réxime democrático, apoiados polo Goberno norteamericano presidido por John F. Kennedy desde xaneiro de 1961, que seguía os plans do seu predecesor de eliminar do «lago norteamericano» (o Mar Caribe) tanto a Castro como a Trujillo.

Segundo o historiador dominicano Moya Pons, José Almoina Mateos, sen ser dominicano, tivo a firmeza moral de denunciar os crimes de Trujillo, desprezando os beneficios materiais que podería ter, o que poucos insulares fixeron en realidade.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail