A entidade fundada polo banqueiro venezolano sobre a polémica fusión das antigas caixas de aforro é unha das principais posuidoras de débeda pública da comunidade, xestiona o 40% do aforro dos galegos e mantén unha fluída relación co Executivo autonómico, que a autorizou a crear unha universidade privada e se asociou con ela para tramitar os proxectos que optan aos fondos de reestruturacion da UE.
O home máis rico de Venezuela e o home máis rico de España viven na mesma cidade de Galicia, a comunidade máis pobre do norte de España. Resulta paradoxal, pero non hai constancia algunha de que Amancio Ortega (Busdongo, León, 1936) e Juan Carlos Escotet (Madrid, 1953) se teñan cruzado polas rúas da Coruña, nin moito menos que teñan por costume frecuentarse ou alternar xuntos nos restaurantes caros nin nas salas nobres dos clubs financeiros da cidade. Pero a coincidiencia ben vale para armar o arranque dun texto xornalístico que pretende explicar a enorme relevancia que o segundo está a ter no desenvolvemento económico da comunidade, como soporte financeiro do seu tecido empresarial e das súas institucións, especialmente da Xunta.
Escotet é presidente de Banesco, a maior entidade financeira privada de Venezuela, e tamén de Abanca, o maior banco de Galicia. E xa era unha personalidade chave na historia recente daquel país cando no ano 2012 adquiriu o pequeno Banco Etcheverría, o máis antigo de España, ata a súa desaparición en 2014 e desde a súa fundación en 1717 en Betanzos, a trinta quilómetros da Coruña. A aterraxe de Escotet entendeuse entón como unha necesidade empresarial, pero tamén persoal, de estender as súas operacións cara ao país de orixe dos seus proxenitores. A súa nai, asturiana, e o seu pai, leonés, emigraron a América como tantos miles de galegos na España de mediados do século XX.
Case setenta anos despois, se un teclea «Escotet» no buscador de notas de prensa da web da Xunta, atopa que o apelido do banqueiro venezolano ten tantas ou máis entradas que algúns conselleiros de Feijóo. «O presidente da Xunta reúnese co presidente de Banesco»; «Abanca destina tres millóns de euros á Fundación Deporte Galego»; «Fundación Semana Verde e Abanca colaborarán para impulsar a actividade do recinto feiral»; «Feijóo acorda con Abanca un procedemento para garantir que as familias non queden sen casa por razóns económicas»; «Cultura e Educación ofrecen no Gaiás a mostra dos incunables de Abanca, un tesouro de talla internacional»…
Cando Escotet comprou o Etcheverría en 2012, a oportunidade daquela adquisición parecía deseñada especialmente para el, porque Venezuela atopábase entón en plena consolidación do chavismo, que consideraba inimigo a calquera banqueiro que non se declarase expresamente amigo do réxime, e con España inmersa nunha profunda crise que a obrigaba a reestruturar aos tombos o seu sistema financeiro. As dúas grandes caixas de aforro de Galicia –Caixanova, con sede en Vigo, e Caixa Galicia, na Coruña–, xa fixeran bluf! atrapadas pola burbulla inmobiliaria, e o intento da Xunta de Alberto Núñez Feijóo por mantelas controladas, fusionándoas como NovaCaixaGalicia (NCG) baixo a marca comercial Novagalicia Banco, tíñase revelado como un absoluto desastre. Entre avais e inxeccións de capital sumaron entre 8.000 e 9.500 millóns de euros de fondos públicos, cifras que bailan dependendo da cor da fonte á que se acuda.
A Xunta demorou sete anos en facer pública a documentación relativa á fusión, baseada nunha suposta auditoría de KPMG que presuntamente a avalaba. O Goberno galego entregou eses documentos obligada por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e tras agardar a que pasaran as eleccións galegas. Ao final, desvelouse que a tal auditoría non era senón un mero e escueto informe de diagnóstivo polo que o Executivo de Feijóo pagara un millón de euros
O caso é que nesas chegou Escotet, comprou o Etcheverría para, a través desa entidade, facerse con NCG. Ofreceu por ela 1.003 millóns en poxa pública, e apenas un exercicio despois logrou máis de 1.100 millóns de beneficios consolidados antes de impostos. As fontes dunha cor aseguran que Rajoy e Feijóo regaláronlle un negocio redondo e saneado con fondos públicos, e que el nin sequera tivo que pagar un euro pola compra, xa que puido financiala coas ganancias que obtivo case ao instante. As da outra cor, en cambio, subliñan que o que o Estado saneou foron os activos tóxicos industriais e inmobiliarios das antigas caixas, e non o seu negocio bancario convencional. É dicir, os préstamos e depósitos de banca minorista, que sería o que Escotet comprou. A súa oferta duplicou á do seu inmediato seguidor na poxa, cuxos detalles, a pesar de que foi secreta, transcenderon co tempo: nin Caixabank nin o consorcio de fondos de investimento estranxeiros comandados por Guggenheim e JC Flowers poxaron por encima dos 500 millóns de euros. En canto aos beneficios que Abanca obtivo ininterrompidamente desde a súa privatización, quen defenden a lexitimidade da operación atribúenos a unha xestión solvente –a cociente de morosidade dos préstamos de Abanca, por exemplo, está entre as máis baixas de España– e baseada na mesma rede comercial das antigas caixas.
«A fusión foi un escándalo e un negocio ruinoso, porque acabou supoñendo que regalamos a Escotet o 40% dos aforros dos galegos», explica Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova e deputado no Parlamento de Galicia durante as dúas pasadas lexislaturas. O seu testemuño é relevante porque se fixo un experto no tema a base de investigalo. De feito, a Xunta demorou sete anos en facer pública a documentación relativa á fusión, baseada nunha suposta auditoría de KPMG que presuntamente a avalaba. O Goberno galego entregou eses documentos obligada por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e tras agardar a que pasaran as eleccións galegas. Ao final, desvelouse que a tal auditoría non era senón un mero e escueto informe de diagnóstivo polo que o Executivo de Feijóo pagara un millón de euros, e que nin aparecía no informe final de autorización que asinaba a entón conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás.
En opinión de Sánchez, existe un vínculo entre aquela venda e as relacións que Abanca e o seu presidente manteñen agora coa Xunta e o seu. E pon tres exemplos recentes: o PP acaba de aprobar en solitario no Parlamento a autorización da Universidade Abanca, contra o criterio da oposición e das tres universidades públicas galegas, cuxos reitores temen que lles fará «competencia desleal». Ademais, Feijóo acaba de pactar con Abanca a xestión dos fondos de reconstrución da Unión Europea, que se tramitarán en Galicia a través dunha sociedade mixta creada con 5 millóns de euros de capital dos que a entidade achega un 38% e a Xunta, outro 40%. Finalmente, o banco entrou no capital do Real Club Deportivo, todo un emblema social no país, asumindo a súa enorme débeda e poñendo á súa cabeza a Antonio Couceiro, exconselleiro de Industia do PP. Couceiro tamén é conselleiro de Greenalia, unha industria eólica en cuxo consello de administración sentan Beatriz Mato, quen tamén foi conselleira en todos os gobernos de Feijóo, salvo no actual, e José María Castellano, exvicepresidente de Inditex e expresidente de NCG. «Está a construírse un cártel de intereses que a través desas portas xiratorias manexa o sistema financeiro, os fondos europeos, a industria eólica…», afirma Sánchez.
O PP acaba de aprobar en solitario no Parlamento a autorización da Universidade Abanca, contra o criterio da oposición e das tres universidades públicas galegas. Ademais, Feijóo acaba de pactar con Abanca a xestión dos fondos de reconstrución da UE, que se tramitarán en Galicia a través dunha sociedade mixta creada con 5 millóns de euros de capital dos que a entidade achega un 38% e a Xunta, outro 40%
En Abanca, con todo, negan a maior: «Mantemos relacións fluídas con todas as administracións dos territorios nos que estamos presentes». Da súa versión dedúcese que non existe relación algunha entre o nacemento de Abanca e a política actual de colaboración coa Xunta. Sobre os fondos Next Generation, subliñan que o Executivo autonómico ofreceu a todas as entidades con presenza en Galicia participar na súa xestión, e que ningunha acudiu a esa chamada. E engaden que Abanca non decidirá sobre que cantidades e a que empresas se asignan as axudas, senón que o seu papel limitarase a prestarlles apoio técnico e loxístico para que deseñen proxectos capaces de optar a elas. En canto á presenza de Couceiro na Presidencia do Dépor –outrora Súper, hoxe bregándose na Segunda B–, réstanlle importancia, tendo en conta que o exconselleiro leva lustros afastado da política.
Sexa como for, o certo é que Juan Carlos Escotet atopou en Galicia un hábitat persoal e empresarial moito máis confortable para el e a súa familia –está casado e ten catro fillos e oito netos– que o que lle ofrecía o seu país. En Venezuela tivo que aguantar desde as bravuconadas públicas de Hugo Chávez (non perdan o vídeo no que o comandante o ameaza pola tele con privatizar Banesco en xaneiro do 2012) ata a detención en maio do 2018, e por orde do Goberno de Maduro, de once membros da cúpula directiva do banco, acusados de cargos que logo se revelaron inventados ou, canto menos, fundados en feitos terxiversados. É innegable que Escotet respondeu entón con arrestos, como demostra outro vídeo no que o anuncia que axiña colle un voo de regreso ao seu país para solidarizarse cos seus directivos, a pesar do risco de que o deteñan. Ninguén interesado na súa figura debería tampouco deixar de velo.
Quen coñecen a Escotet pola súa etapa en Galicia non adoitan destacar que se fixo a si mesmo nun país ben complicado, nin que compaxinou o seu traballo de mensaxeiro nun banco cos seus estudos de Economía, que acabou terminando en Miami volvendo de alí cun cum laude. Máis ben sinálano como alguén con capacidade para liderar equipos de traballo, cauto nos negocios e, no persoal, desexoso de que non se conten mentiras sobre el e sobre todo, de pasar desapercibido. Quizá por iso guste de pasar varios días á semana en Oporto, onde pode gozar de certo anonimato. Caixanova posuía nesa cidade un palacete onde situou a sede da súa filial lusa. Abanca vendeuno, e cando Escotet viaxa agora alí adoita quedar nun hotel.
Galicia permitiu ao banqueiro venezolano desenvolver con tranquilidade un proxecto empresarial en expansión –Abanca adquiriu nos últimos anos a rede española da Caixa Geral de Depósitos portuguesa e a filial lusa de Deutsche Bank, e foi unha seria aspirante a facerse con Liberbank– para o que resulta prioritario manter un vínculo cordial co Goberno de Galicia –é unha das principais posuidoras da súa débeda pública e xestiona ao redor do 40% dos depósitos, aforros, préstamos e hipotecas do país–. Aínda que as persoas que tratan con Escotet tamén adoitan destacar que esa habilidade para as relacións co ecosistema político que o rodea non é unha pose nin unha estratexia, senón que vai no seu carácter. En Venezuela acusárono alternativamente de ser chavista e antichavista. E alí só recibía ameazas, todo o contrario do que lle sucede na Galicia de Feijóo.