O BNG denuncia que o PP se alía coa ultradereita en Bruxelas para vetar os opositores a Altri

A Coruña– A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia a alianza do PP coa extrema dereita europea para vetar na Eurocámara as plataformas que se opoñen á fábrica de celulosa que a empresa portuguesa Altri quere instalar en Palas de Rei.

Nun comunicado difundido este luns, Miranda critica tamén as presións que está a exercer o Partido Popular para que a compañía poida optar aos 250 millóns de fondos comunitarios cos que pretende financiar o seu proxecto.

«Que intereses ten o PP para querer que en Galicia se instale unha macrocelulosa que vai destruír o medio ambiente e miles de empregos? É un escándalo», afirma Miranda, quen avoga porque o diñeiro do que Altri quere beneficiarse sirva «para a protección» ambiental de Galicia e o saneamento das súas rías, «non para destruílas».

Segundo a eurodeputada, o proxecto, «que vulnerará ata 14 directivas europeas», provocará a contaminación das augas do río Ulla e do encoro de Portodemouros, polución ambiental, destrución de hábitats singulares e perda de biodiversidade polo impulso dunha maior eucaliptización de Galicia, ademais de poñer en risco tres especies de flora en perigo de extinción. «Tamén afectará negativamente a actividade agraria e gandeira da zona, á actividade pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e ao turismo sostible ao redor do Camiño de Santiago», engade.

«Por que o PP se empeña en enganar a cidadanía?»

«Por que o PP se empeña en enganar a cidadanía e vender como positivo un proxecto altamente destrutivo para Galicia? Que intereses ocultan? Por que se empeñan en non escoitar as miles de persoas que se manifestan contra este proxecto?», critica a eurodeputada do BNG, quen denuncia que o PP se aliou varias ocasións coa extrema dereita para vetar que os colectivos contrarios á instalación da macrocelulosa poidan comparecer na Comisión de Peticións da Eurocámara para explicar a súa postura.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail