«Dato mata relato»: a resposta social sitúa a Altri como o debate máis relevante en Galicia en 25 anos

A Coruña.– A resposta social á celulosa que a multinacional portuguesa Altri pretende construír en Palas de Rei logrou posicionar o debate sobre a macrofábrica como o principal asunto político de interese na comunidade. E no PP de Alfonso Rueda preocupa o calado desa contestación, só comparable ás mobilizacións de Nunca Máis pola xestión da catástrofe do Prestige a principios de século ou ás que deron lugar ao movemento das mareas dez anos despois.

Quen se opoñen a Altri lograron eclipsar os intentos de Rueda de desviar a atención e vender en positivo outros obxectivos da súa acción política á fronte da Xunta. Nin sequera o dominio do PP sobre os medios de comunicación públicos e sobre a prensa escrita afín, á que a Administración autonómica unta todos os anos con axudas millonarias a dedo, está a permitirlles a Altri e ao Goberno galego gañar a batalla do relato.

Hai dous domingos, unha semana despois de que o Executivo galego aprobara a declaración de impacto ambiental da planta, os locutores da radio pública, co seu xefe de deportes á fronte, autocensuráronse groseiramente para non ter que explicar en directo que era o que coreaban os 21.000 espectadores que asistiron no estadio de Riazor da Coruña ao partido do Dépor: «Altri non!».

A noite anterior, os asistentes ao concerto que deu o grupo valenciano La Raíz no recinto máis grande da cidade para ese tipo de eventos interromperon o concerto con idéntico cántico. Poucas horas antes, ese sábado, centenares de barcos pesqueiros e de recreo e miles de persoas manifestábanse baixo a mesma consigna na Pobra do Caramiñal, na vertente norte da ría de Arousa. O Telexornal da Televisión de Galicia dedicou máis tempo a glosar as loas á celulosa en boca dos portavoces da empresa, a Xunta e o PP, que a contar a manifestación máis importante da historia da vila –50.000 persoas nun pobo de 9.000 habitantes–, a cuxos organizadores nin sequera deu voz.

Ninguneo da prensa que recibe axudas da Xunta

Como sucedeu con protestas anteriores á da Pobra, a prensa afín a Rueda tamén fixo malabares para minimizar a información sobre a concentración e ningunear os seus convocantes. La Voz de Galicia, o diario coruñés que se beneficia de máis da metade das axudas da Xunta á prensa afín ao PP, relegouna ás súas páxinas de economía cunha chamada breve e sen foto en portada. El Correo Gallego, Faro de Vigo e La Opinión da Coruña, do grupo Prensa Ibérica, o segundo máis beneficiado polo diñeiro que reparte Rueda aos medios que o apoian, dérona con titulillos e fotos menores en primeira e en páxina par, mentres dedicaban dúas planas a unha entrevista na que a conselleira de Economía defendía o proxecto. El Progreso de Lugo, o máis lido da provincia onde Altri quere instalarse e cuxa editora é a terceira con máis axudas da Xunta, despachouna cun breve en portada e catro columnas interiores.

«Temos todo en contra, pero a nosa base é que estamos seguras do que dicimos», sostén Zeltia Laya, portavoz de Ulloa Viva, a organización cívica que xunto á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (Pedra) agrupou as asociacións veciñais e ecoloxistas contrarias a Altri. Conseguiron converter a oposición á celulosa nunha causa de país, e cando se lle pregunta a Laya polo éxito da súa estratexia comunicativa, responde: «A nosa lexitimidade fundaméntase en que somos persoas deste territorio que loitamos polos nosos proxectos de vida. E non esqueza que ademais somos mulleres: mariscadoras, agricultoras, gandeiras, nais… Somos mulleres, é dicir, que temos pouco tempo e moito traballo por facer, pero sabemos como organizarnos con eficacia».

Rueda e Feijóo celebrando os resultados electorais do 18F ao día seguinte dos comicios / Foto: PP

Altri desembarcou en Galicia en 2022, con Alberto Núñez Feijóo aínda na Xunta. Mentiu sobre as súas intencións e asegurou que proxectaba unha fábrica verde de fibras téxtiles ecolóxicas. O Parlamento de Galicia apoiou por unanimidade a moción de apoio proposta polo PP, pero en marzo de 2024, cando o Goberno de Rueda sacou a exposición pública o proxecto apenas un mes despois das autonómicas do 18F, destapouse o engano: Altri producirá máis dun 80% de celulosa convencional e menos dun 20% de lyocell, fabricado a partir da mesma pasta de madeira, e ocupará terreos protexidos xunto a unha zona de Rede Natura. Detraerá cada ano preto de 17.000 millóns de litros de auga do río Ulla e devolverá 11.000 millóns de litros contaminados, que chegarán aos bancos marisqueiros da ría de Arousa; emitirá gases tóxicos que provocarán choiva aceda e máis de 60.000 toneladas anuais de CO2, e devorará 1,2 millóns de árbores ao ano.

Para facilitar a tramitación administrativa do seu proxecto en Santiago, Madrid e Bruxelas, Altri aliouse con Acento, a consultora internacional dos exministros José Blanco (PSOE) e Alfonso Alonso (PP). E, para branquealo, asociouse con Greenalia, a compañía de enerxías renovables propiedade do empresario coruñés Manuel García Pardo, que creceu da man das licenzas de parques eólicos que lle foron entregando os gobernos de Feijóo. No seu consello de administración sentan exaltos cargos deses mesmos executivos, así como dos sectores económicos máis próximos á oligarquía financeira e industrial da Coruña.

«Todo está a decidirse no 15004»

«Todo está a decidirse no 15004», asegura un alto funcionario da Xunta, coñecedor dos expedientes de Altri e que pide a Luzes-Público gardar o seu anonimato. Con 15004 está a referirse ao código postal do céntrico distrito residencial coruñés no que viven boa parte desas elites, incluído Feijóo cando regresa a Galicia desde Madrid as fins de semana e se aloxa na vivenda da súa parella.

Para o PP non é fácil vender na Galicia interior ese relato deseñado polas elites urbanitas en favor de Altri. Moito menos en Lugo, a provincia con 67 municipios rurais na que Rueda obtivo maior porcentaxe de votos –53,4%, fronte ao 50% de Ourense, o 46,7% da Coruña e o 44% de Pontevedra– nas últimas autonómicas. Alí, os mandos intermedios locais xa advirten o desgusto da militancia: «Pasáronnos un decálogo para responder ao debate sobre a celulosa, pero a verdade é que eu prefiro evitar o tema cando me preguntan, porque é indefendible», sostén un portavoz do partido nun deses concellos. Tamén pide que non se dea o seu nome.

«Somos mulleres, é dicir, temos pouco tempo e moito traballo por facer, pero sabemos como organizarnos con eficacia»

O relatorio que debullan os responsables da Xunta e o PP cando se lles pregunta sobre Altri parécese moito ao da campaña de greenwashing que a empresa puxo en marcha hai meses da man de Acento e de Greenalia. O seu plan incluía eliminar a súa marca do debate e substituíla polas de Greenfiber e Proxecto Gama. Pero é o nome de Altri o que xa se identifica en Galicia e fóra dela coa contaminación invasiva e a explotación insostible de recursos naturais que se asocian á industria da celulosa, das máis contaminantes. A compañía portuguesa e o seu dono, José Soares de Pina, tamén perderon esa guerra. Tanto, que Inditex, á que Altri tentou vincular á fábrica de Palas insinuando que podería ser o seu mellor cliente para venderlle fibras téxtiles celulósicas, apresurouse a desmentir categoricamente esa posibilidade.

Pola súa banda, Rueda trata agora, case á desesperada, de poñer a pelota no tellado do Goberno central, ao que corresponde dar o visto e prace para que a fábrica opte aos 250 millóns de axudas europeas que Soares da Pina pretende obter. Pero o certo é que o futuro do proxecto depende da Xunta, que debe aínda aprobar a súa declaración ambiental integrada e confirmar a súa consideración de proxecto estratéxico. As organizacións contrarias saben que é só cuestión de tempo, e xa se preparan para a batalla administrativa e xudicial que se aveciña, segundo confirma Zeltia Laya.

A Xunta oculta documentos

Tamén a oposición, onde o BNG, que capitalizou a batalla política contra a fábrica en contraste coa dubitativa postura inicial do PSOE, anunciou que denunciará nos tribunais a ocultación dos 36 informes técnicos nos que Rueda di basear o seu apoio a Altri. A formación de Ana Pontón tamén reclama a documentación relativa ao acordo da multinacional coa sociedade mercantil Impulsa Galicia, cuxo accionista maioritario é a Xunta co 45% do capital.

O acordo asinouse en 2021, meses antes de que Altri e Feijóo enganaran ao Parlamento de Galicia con aquel suposto proxecto verde, e o Goberno de Rueda esconde agora o seu contido porque os seus outros accionistas son Abanca (38%), Reganosa (12%) e Naturgy (5%), esta a través de Sogama, outra das empresas mixtas da Xunta. Abanca é a entidade do banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet e ten preto de dous millóns de clientes en Galicia entre particulares e empresas, a inmensa maioría, pemes. Reganosa é propiedade de Roberto Tojeiro, dono á súa vez de Gadisa, a maior cadea de supermercados e hipermercados da comunidade. Naturgy, propietaria da antiga Unión Fenosa, subministra gas e electricidade a preto de 1,5 millóns de clientes en Galicia.

Imaxe dunga manifestación contra Altri en Palas / Foto: Plataforma Ulloa Viva

A ningunha desas tres sociedades lles convén que a sociedade galega as vincule a Altri e que a mobilización social acabe desprezando as súas marcas a berros nos partidos de fútbol, os concertos de reggae e hiphop e as manifestacións por terra e mar. Diso vai a batalla do relato sobre Altri: de se é un proxecto inocuo ambientalmente e beneficioso para toda Galicia, como sosteñen a empresa e a Xunta, ou, pola contra, unha industria de enclave depredadora de recursos naturais, culturais e paisaxísticos que só beneficiará un puñado de empresarios adiñeirados e influentes á conta da destrución do patrimonio ecolóxico do país e das miles de familias que viven da agricultura e a gandería tradicionais, do turismo sostible e da pesca e o marisqueo artesanais.

Aí, as mulleres e homes da Ulloa Viva e da Pedra, a quen Altri uniu nun activismo de inesperada eficacia comunicativa, din contar cunha gran vantaxe pese ao ecosistema mediático que teñen en contra. Subliñan que os seus discursos non se deseñan nos despachos de San Caetano nin no 15004 da Coruña, senón a pé de río, de granxa, de praia. E que para resultar convincentes non precisan de máis argumentos que a verdade. Explícao cunha soa frase a xornalista galega que proporcionou a Luzes-Público o leit motiv do titular desta peza: «Dato mata relato».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail