Un clásico de barra de bar é criticar a programación da tele. Non hai programa ou serie que se libre, xa que, como todo o mundo sabe, somos un país de fieis espectadores dos documentais de La 2. Cando apareceron os audímetros en España, en 1993, as audiencias deixaron de depender das respostas de enquisas ao chou. Seleccionaron unha mostra representativa de fogares e instalaron en cada vivenda un aparello vinculado ao mando a distancia para saber en cada momento quen da casa prendía o televisor e que canle sintonizaba. Neste novo panel de medición, os datos de Luar ou de La máquina de la verdad eran de escándalo, mentres que os documentais de La 2 non conseguían levantar a curva de audiencia do eixo da gráfica.
Hoxe, o panorama de consumo mudou drasticamente. Nesta contorna dixital, con plataformas, tele á carta e televisores conectados a Internet, resulta sorprendente que as audiencias se midan polo mesmo sistema que hai 31 anos. Todas as plataformas coñecen os datos, saben canta xente conecta con elas ou que canle ven. Detectan ata as conexións piratas, polo que é moi cuestionable que o sistema non poida proporcionar medicións máis acordes á perspectiva actual. O rexistro de audiencia é unha ficción ben armada sobre un negocio multimillonario no que, por consenso de todas as canles convencionais e anunciantes, aceptan como oficiais os datos facilitados por un monopolio: a empresa Kantar Media. Ben podería ser a trama dun episodio de Black Mirror.
En España hai 5.920 audímetros que deciden os intereses televisivos de 46,6 millóns de persoas. Unhas 14.000 teñen o poder de levar unha canle ao éxito ou de afundir unha cadea, un programa, un colaborador e mesmo toda unha estratexia publicitaria. En Galicia, Kantar Media sementou 430 aparellos que sentencian os investimentos, os temas a tratar ou os presentadores. Esa empresa que subministra os datos tamén se encarga de seleccionar a mostra de fogares nos que —de xeito anónimo, un segredo para evitar extorsións— instalan os medidores. Aceptar as normas ten a súa compensación. Nada de cartos: cada día que prendes a tele acumulas puntos para trocar por produtos dun catálogo bianual (un centrifugador plástico de verduras, unha toalla para a cara ou, o que máis puntos custa, un chintófono que eles chaman «hornito eléctrico»). É o mesmo sistema de puntos ao que xogan os supermercados.
As goteiras do sistema de audimetría pingan por todos lados, comezando pola representatividade social que o panel fai das audiencias atendendo ao status económico. É difícil crer que unha familia con poder adquisitivo folgado admita, a cambio dun termo, o control e a carallada que supón premer as teclas do mando cada vez que alguén senta o cu no sofá ou se ergue del. Por non falar das familias de grandes fortunas. Cústame visualizar a Amancio Ortega pensando se lle farán máis avío, entre todas as alfaias do catálogo, os panos de limpeza ou a táboa de cociña. Cheira a que o mando emisor dos datos, na aparencia tan preciso, fai unha partilla máis xenerosa con certo tipo de fogares que con outros.
Hai tempo, un amigo tiña un audímetro na casa, onde convivían tres xeracións. A cada un dos membros correspondíalle unha tecla de cor distinta no mando segundo a idade. Ninguén da empresa instaladora se preocupou por saber que un deles traballaba na televisión e que, por iso, alí só vían unha única canle. Tanto daba se estaban todos fóra: sabían o importante que era ter sempre a tele acesa para sumarlle audiencia á canle en cuestión. O xogo co audímetro era cotián: se unha semana a curva reflectía que a xente nova non vía o programa no que colaboraba o meu amigo, calquera da casa premía o botón do máis novo. Estatisticamente, igual que hai fogares respectuosos, algúns divírtense burlando o medidor, e outros, coma o do meu amigo, e non será caso único, defenden o traballo dun familiar.
Ás veces creo que ninguén mente sobre as súas preferencias como espectador, pero cun sistema de medición de audiencias obsoleto e trampulleiro non queda reflectido que, efectivamente, todos somos fieis seguidores dos documentais de La 2.