O BNG esixe no Parlamento de Galicia unha auditoría externa dos contratos con Eulen dos gobernos de Feijóo

A formación de Ana Pontón reclama á Xunta todos os expedientes e considera «inescusable» que o aínda presidente galego dea explicacións sobre as adxudicacións á empresa que dirixe a súa irmá na comunidade

A Coruña.- O Bloque Nacionalista Galego (BNG) ven de presentar unha iniciativa no Parlamento de Galicia para reclamar auditoría xurídica, externa e independente sobre o procedemento e os criterios técnicos seguidos nos contratos públicos adxudicados ás empresas do Grupo Eulen desde que Alberto Núñez Feijóo preside a Xunta de Galicia.

As adxudicacións a Eulen, cuxa delegada territorial para o noroeste de España é Micaela Núñez Feijóo, irmá do presidente da Xunta, multiplicáronse desde entón. Luzes-Público veu publicando ademais que varios procedementos coinciden con cesamentos e nomeamentos a dedo de altos cargos nas institucións e consellerías que os promoven, que en moitos outros hai sospeitas de trato de favor a Eulen e noutros, indicios que apuntan a que manexaba información privilexiada sobre os seus competidores.

Ademais de pedir unha auditoría externa, a formación que dirixe Ana Pontón reclamou á Xunta toda «toda a información relativa aos expedientes de contratación que se lle adxudicasen á empresa desde o citado exercicio» do 2009, segundo informa o BNG nunha nota de prensa.

Feijóo, nunha rolda de prensa / Foto: Xunta

O portavoz nacionalista de Xustiza e Institucional, Iago Tabarés, lembra que, segundo as informacións de Público, «desde a chegada de Feijóo á presidencia do Executivo galego, o Grupo Eulen beneficiouse de 139 contratos da Xunta e entidades e fundacións dependentes por un importe superior aos 37 millóns de euros», é dicir máis de 2,86 millóns ao ano, cifra que triplica a obtida por Eulen no período 2005-2009 durante o Goberno bipartito do PSOE e o BNG, cando roldaba os 790.000 euros anuais.

Tabarés tamén advirte sobre o que define como «singularidades» nos distintos procedementos de contratación, incluída a non licitación por lotes en determinados contratos «evitando así a competencia doutras empresas», ou a adxudicación de servizos a Eulen a pesar de que a empresa «estaba a incorrer en perdas imprudentes ou non formulando a oferta económica máis vantaxosa».

O portavoz do BNG considera «necesario e urxente examinar a documentación relativa» a eses expedientes, máis aínda despois de que o PP vetase o mércores na Cámara de Galicia outra a proposta do BNG para que o Consello de Contas, a institución independente que fiscaliza á Administración autonómica, fixese un informe sobre contrátalas da Xunta con Eulen. «A transparencia na xestión dos recursos públicos fai inescusables as explicacións de Núñez Feijóo e do PP», concluíu o deputado nacionalista.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail