Ano 2020. Hai catro anos que oficialmente rematou a crisis económica en Europa, que goza da súa etapa de crecemento máis continuado dende hai décadas malia ás feridas da Gran Recesión, aínda moi presentes nas nosas sociedades.
Hai oito anos que Francia, España e Italia lles dixeron «nein» a Alemaña e torceron a man da chanceler Angela Merkel forzándoa a crear a Unión Bancaria. Hai un lustro que o terceiro pilar dese proxecto económico dentro da eurozona segue bloqueado como vinganza por parte de Berlín e dos seus socios.
Ano 2020. Bruxelas agarda que o parón vivido pola economía o ano pasado por mor das guerras comerciais creadas polo presidente dos Estados Unidos se esvaeza e, de novo, o crecemento do continente gañase forza. Ata que chega o coronavirus e as feridas volven abrirse.
Alemaña e os Países Baixos contra España, Portugal e Italia con Francia exercendo de contrapeso. De novo, os dous bloques enfrontados durante a Gran Recesión loitando polo rumbo que tomar na UE. Grecia, completamente derrotada dende o 2015, non comparece.
Levarán días escoitando e lendo sobre este choque no seo da UE, agora polos coronabonos, o instrumento económico colectivo co que paliar as graves consecuencias que os confinamentos prolongados pola pandemia deixarán nas nosas sociedades. E aínda que xa serán expertos na materia, cómpre poñer en contexto a profundidade dos erros e das carencias que converten a eurozona nunha arquitectura moi feble. E como o bloqueo político de agora vén de lonxe e só é o derradeiro síntoma da decrepitude existencial da UE.
Ano 2012. A crise subprime dos Estados Unidos mudou en Europa nunha crise económica, hoxe coñecida como a Gran Recesión, que levou por diante catro países (Grecia, Irlanda, Chipre e Portugal). A chegada dese verán será o punto de máxima tensión, coas famosas primas de risco polas nubes, España está piques de caer e será entón cando o presidente do BCE, Mario Draghi, salve o euro con tres palabras: «whatever it takes», o que faga falla. Unha sentenza digna do Melgacho de Mareas Vivas.
Nunca antes na historia recente as diferenzas económicas entre Grecia e Alemaña ou Portugal e os Países Baixos foran tan grandes. Pero agora xa é tarde, e desmontar todo o sistema institucional da UE xeraría unha crise de proporcións sistémicas
O entón ministro de Economía, Luis de Guindos, vese obrigado a pedir ata 100.000 millóns de euros aos socios europeos para rescatar os bancos, principalmente Bankia, Caixa Catalunya, Caja de Ahorros del Mediterráneo e NovaCaixaGalicia, o «frankestein» creado polo presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo.
Neses días o inimigo público do sur era o responsable da economía alemá, Wolfgang Schauble, brazo executor das políticas de austeridade de Angela Merkel. Foi nese intre cando os daquela presidentes de Francia e España, Francois Hollande e Mariano Rajoy, xunto ao primeiro ministro italiano, Mario Monti, forzaron a creación da Unión Bancaria.
Esta nova política comunitaria viña axeitadamente a emendar varios pecados orixinais da eurozona. Porque crear un mesmo espazo monetario sen os mesmos impostos, custes laborais e salarios ou sen unha supervisión bancaria común foi, é, unha tolemia deses materialistas anos 90. Unha tolemia denunciada por moitos economistas que orixinaría profundos desequilibrios que só abrollaron coa crise.
Nunca antes na historia recente as diferenzas económicas entre Grecia e Alemaña ou Portugal e os Países Baixos foran tan grandes. Pero agora xa é tarde, e desmontar todo o sistema institucional da UE xeraría unha crise de proporcións sistémicas.
Pensen en todo isto cando escoiten aos neerlandeses falar dos cartos que o sur de Europa gasta en alcol e mulleres, ou cando logo dunha década de crise se nos diga que non aforramos o suficiente para axudar os máis necesitados ante esta pandemia. E que por iso non hai coronabonos. Non lle boten a culpa a eles, bótenlla aos pais (non hai nais, neste caso) fundadores do Euro, e bótenlla tamén aos políticos que nos 70, 80 ou 90 decidiron que un proxecto certamente económico pero que mudaba cara político non debía seguir ese camiño.
Cómpre darlle unha reviravolta á UE. O problema non son os coronabonos, nin a existencia ou non dun tesouro comunitario ou dun mecanismo de distribución de refuxiados entre países. O problema é unha arquitectura que permite paraísos fiscais como o irlandés ou luxemburgués, o problema é unha institución como o Consello Europeo onde un só país pode bloquear calquera política de todos. O problema é que están a recortar o diñeiro para o noso campo, xa entregado ás grandes empresas e praguicidas, e ante confinamentos corremos á tenda a mercar comida como tolos. O problema é que os líderes máis capaces de calquera ideoloxía colocan no seu lugar a mandaríns manipulables, como a actual presidenta da Comisión Europea ou antes a Durão Barroso, para gobernar un barco máis grande que os nacionais.
O problema é que somos vellos para a carreira global e, quizais, como toda historia, o noso tempo xa se esgotou. E esta sensación de decadencia e derrota de Europa seguen sen querer vela en Bruxelas. Cómpre espertar porque os problemas non son os coronabonos.