O BNG insta ao Senado a que esixa a dimisión de Baltar

A senadora do BNG, Carme da Silva, ven de presentar unha inciativa na Cámara Alta que reclama á súa Comisión de Comunidades Autonómas que esixa a dimisión do senador popular Manuel Baltar, condenado polo Tribunal Supremo por un delito contra a seguridade viaria por conducir o seu coche oficial a máis de 204 quilómetros por hora.

Segundo informa o Bloque nun comunicado, Silva considera que «esa conduta delituosa é de enorme gravidade e indica unha total irresponsabilidade ao poñer en risco a seguridade viaria doutras persoas, ademais de ser absolutamente censurable nun cargo público».

Baltar foi nomeado senador por designación autonómica en 2023 tras pactar con Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo a súa renuncia ás presidencias da Deputación de Ourense e do PP nesa provincia. Iso permitiulle adquirir a condición de aforado e atrasar o seu xuízo polo penal tras ser detectado por un radar de Tráfico a 215 km/h.

O pasado luns, a sala do penal do Tribunal Supremo condenouno a 1.800 euros de multa e un ano de retirada de carné ao considerar probado que, contando coa marxe legal de erro do cinemómetro, circulaba a polo menos 204 km/h nunha vía coa velocidade limitada a 120 km/h.

Na súa iniciativa, a senadora nacionalista reclama que a Comisión de Comunidades Autónomas do Senado pronúnciese sobre o caso, condene a actuación de Baltar e esixa a entrega da súa acta «pola súa conduta irresponsable, delituosa e falta da exemplaridade que debe presidir o desempeño dun cargo público diante un tema de gran sensibilidade social».

Silva tamén acusa á dirección do PP de Galicia e da executiva estatal do partido de aplicar «unha política de ocultación» sobre o caso e de poñerse «de perfil» tras o fallo do Supremo.

Nin Alberto Núñez Feijóo nin Alfonso Rueda reclamaron a Baltar que abandone o Senado, e o partido eludiu informar sobre se lle abriu expediente sancionador, tal e como establecen os seus estatutos cando un cargo orgánico ou de representación é procesado por un delito e resulta condenado en sentenza firme.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail