O moderador do debate electoral da TVG declara este mércores como investigado por acoso laboral

A Coruña.- A xuíza de Instrución Número 1 de Santiago tomará este mércores declaración aos oito directivos e directivos da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) investigados por un delito de acoso moral e contra os dereitos laborais dunha xornalista da Radio Galega (RG), que durante cinco anos denunciou abusos e humillacións por parte dos seus superiores.

Entre os investigados están o director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, ao mando dos medios públicos autonómicos desde que Alberto Núñez Feijóo o nomeara para o cargo hai case 15 anos, e Alejandro López Carballeira, subdirector de Informativos. Este último foi designado para moderar, xunto a outra xornalista, o debate electoral do próximo luns entre os candidatos á presidencia de Xunta nas eleccións autonómicas do 18F.

López Carballeira está citado no xulgado ás nove da mañá deste mércores xunto a Xosé Pereira Fariña, director da área de Innovación e Negocio da CRTVG; e Tania Fernández Lombao, xefa de Xestión Operativa de Programas da Radio Galega.

A xuíza, Ana López-Suevos, citou a semana que vén a Vitalina Cuña Palencia, que era coordinadora de Persoal da RG cando sucederon os feitos; a Paula Veloso Pereira, exjefa de Xestión de Persoal, e a Susana Fernández Veiguela, exdirectora de Recursos Humanos. O 22 de febreiro están convocados Manuel Casas Macías, director de Saúde Laboral da CRTVG, e o propio Sánchez Izquierdo.

Demanda perdida nos xulgados do Social

Os feitos remóntanse a 2018, cando Feijóo aínda presidía a Xunta. A traballadora, que se atopa agora de baixa e que leva máis de tres décadas vinculada á compañía pública, perdeu un xuízo nun xulgado do Social, nunha sentenza ratificada despois polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Alegaba que a dirección cambiáraa de posto de traballo, horarios e funcións por unha decisión sexista e discriminatoria. Desde entón, asegura ter sufrido unha campaña de acoso e fustrigación persoal e de descrédito profesional.

Segundo relata na súa querela, tras aquela denuncia e despois de que fose rexeitada en primeira instancia, os seus xefes empezaron a crear ao redor dela un ambiente tóxico, agresivo e de ninguneo constante e crecente, deixaron de falar con ela e negáronlle reiteradamente as súas solicitudes de días de libranza e de vacacións, así como para volver ao seu antigo horario por necesidades de conciliación, dado que debía coidar do seu pai, de 94 anos.

Imaxe de arquivo dunha manifestación en defensa da independencia da CRTVG

Tamén a excluíron de case todas as gardas de festivos e do complemento salarial correspondente. O único festivo no que si a obrigaron a traballar foi o 1 de xaneiro de 2019.

Na folga feminista do 8M dese ano foi a única muller que non puido seguir os paros porque foi a única incluída nos servizos mínimos decretados pola Xunta para a CRTVG, na que traballan 800 persoas. Pouco despois, con todo, a dirección deixouna á marxe da cobertura da xornada electoral dos comicios locais e europeos dese ano, á que si foron convocados todas os seus compañeiros e compañeiras de redacción, incluídos locutores, bolseiros e redactores en prácticas.

Crise de ansiedade

Ese verán a traballadora sufriu unha crise de ansiedade que a levou a causar baixa por enfermidade, durante a que se decatou de que lle cambiaban de novo o horario sen avisala. Cando pediu axuda á comisión contra o acoso da empresa, esta rexeitou que existise, coa oposición sindical, sen escoitar a súa versión nin examinar as probas documentais que remitiu ao organismo que, por lei, estaba obrigado a amparala.

A dirección de Sánchez Izquierdo tamén lle negou acceso ao seu expediente e impediu que a acta das reunións da comisión reflectisen o voto particular dos delegados sindicais, que si advertiran a existencia de mobbing.

A denunciante foi a única muller incluída nos servizos mínimos da CRTVG pola folga feminista do 8M

A xornalista reincorporouse ao seu posto en 2020, e asegura que o acoso e o ninguneo continuaron xa que seguiu sufrindo desplantes, silencios e xestos despectivos por parte dos seus superiores, que a obrigaban a entrar a traballar ás 7.30 da mañá sen adxudicarlle tarefas ata varias horas despois.

Tampouco a convocaban ás reunións de actualidade co resto de compañeiras e compañeiros, e era habitual que as pezas que lle encargaban para a radio non fosen finalmente emitidas. Situárona nun posto de traballo xusto enfronte dun dos xefes aos que acusaba de acoso, pero cada vez que pediu que a cambiasen de sitio, mesmo cando a médica da empresa o recomendou expresamente á dirección, esta negouse a facelo.

Tres diagnósticos

A traballadora afectada ten presentado ao xulgado o informe diagnóstico dos tres médicos -da empresa, do Sergas e un privado- que consideraron que os trastornos psicolóxicos que padeceu e aínda padece están vinculados á situación á que foi sometida. De feito, a xuíza que segue o seu caso ordenou varias medidas para protexela e evitar a súa «victimización secundaria» durante a instrución da súa causa.

Entre elas, ofrecerlle que declarase mediante videoconferencia e acompañada por unha psicóloga da Oficina de Atención ás Vítimas, ou instar o Instituto de Medicina Legal de Galicia a que poña ao dispor do xulgado un equipo psicosocial que se encargue de avaliar se as secuelas psíquicas que sofre están relacionadas cos feitos que denunciou.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, con o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

Luzes-Público, que preferiu gardar o anonimato da traballadora para non agravar a súa victimización, dirixiuse ao equipo de Sánchez Izquierdo para preguntarlle como valora a imputación de oito directivos e directivas nun caso de acoso como o exposto, e especialmente o feito de que un deles vaia a moderar o debate electoral do próximo luns. A CRTVG non contestou a esta última pregunta, pero apelou á “presunción de inocencia” dos seus executivos e enviou o seguinte texto con rogo de publicación:

«Non son oito directivos. Hai directivos, traballadores e mesmo ex-traballadores. É un tema subiudice e por tanto a CRTVG o que achega son feitos. Os feitos din que sobre os temas agora denunciados xa existen dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia favorables á Corporación e aos seus directivos e traballadores. Sobre este tema houbo tamén dúas comisións internas de investigación (formadas por empresa e parte social) que concluíron que non existían indicios de condutas compatibles con supostos de acoso laboral»”.

«As acusacións non eran certas»

A dirección de Sánchez Izquierdo deféndese tamén lembrando que a xustiza«ven de desestimar integramente as catro denuncias interpostas por supostas represalias» por outros tanto traballadores e traballadoras. «Nos catro casos, dous xuíces diferentes, concluíron que non eran certas as acusacións vertidas contra a dirección da Corporación», di a CRTVG. Polo menos tres delas anunciaron que recorrerán eses fallos por vulneración dos seus dereitos fundamentais.

«Estes son os antecedentes obxectivos, contrastables e públicos do caso, é unha obviedad que como en calquera outro proceso debe primar a presunción de inocencia», conclúe a dirección.

O Comité Intercentros da CRTVG denuncia a represión contra as traballadoras que lle plantan cara á dirección

O Comité Intercentros da CRTVG denunciou o pasado martes nun comunicado a existencia de represión nos medios públicos contra as traballadoras que lle plantan cara á dirección ou se opoñen ás prácticas de manipulación informativa, tras coñecer que a empresa optara por indemnizar con diñeiro público, no canto de readmitir, ao xornalista David Fernández Vázquez, cuxo despedimento foi declarado improcedente o pasado novembro por un xulgado do Social de Santiago.

Fernández non aceptou a indemnización e asegura, segundo o comité, que vai recorrer a sentenza reclamando que o seu cesamento sexa declarado nulo, o que obrigaría á empresa para readmitirlle.

Centenares de sentenzas en contra

Durante o mandato de Sánchez Izquierdo ditáronse centenares de sentenzas contrarias á CRTVG por acoso, persecución de xornalistas por motivos ideolóxicos, discriminación por razón de xénero e vulneración de dereitos fundamentais e laborais.

Os traballadores levan case cinco anos reclamando cada semana cos venres negros que convoca o colectivo Defende a Galega a renovación do director xeral, en cumprimento dunha lei do ano 2011 que obriga a que sexa o Parlamento de Galicia quen o elixa por maioría cualificada.

Alfonso Rueda, nunha entrevista na TVG / CRTVG

A mesma norma establece a creación dun consello de informativos que desde hai trece anos debería velar pola pluralidade e neutralidade da CRTVG, á que, segundo o comité de empresa e a oposición galega, Sánchez Izquierdo encartou aos intereses electorais do PP, de Alberto Núñez Feijóo e de Alfonso Rueda.

No que vai de mes, o persoal da CRTVG celebrou dúas xornadas de protesta, unha nos seus centros de traballo en toda Galicia e outra fronte á sede da Xunta en Santiago, para denunciar a manipulación informativa durante a precampaña electoral para axustar a liña editorial dos medios públicos de Galicia á estratexia do candidato do PP.

Debate á medida de Alfonso Rueda

A CRTVG excluíu a Vox do debate electoral que moderará López Carballeira este luns, en coincidencia cos intereses do PP, que teme que o voto ultra poida custarlle algún escano vital para que Rueda manteña a maioría absoluta que lle legou Feijóo.

A radiotelevisión pública, con todo, si convocou a Podemos e a Sumar, coincidindo de novo coa estratexia de campaña do candidato popular, que tenta mostrar que a alternativa ao seu Goberno non son o BNG e o PSdeG, senón unha difusa esquerda multipartita.

O da Televisión de Galicia será o único debate no que participe Alfonso Rueda, que anunciou que non irá ao que organiza a Televisión Española, ao que si acudirán a aspirante nacionalista, Ana Pontón, e o socialista, José Ramón Gómez Besteiro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail