Emerxencia climática en Galicia

Xa non se pode falar de distopía. A ciencia leva anos advertindo da deriva autodestrutiva do ser humano, e os síntomas son cada vez máis evidentes. Construímos unha sociedade indesexable que nada ten de imaxinaria e que se manifesta en múltiples males desencadeados por episodios extremos relacionados co trato que levamos anos dispensando ao medio ambiente

 

Central térmica de Meirama. Foto: Pilar Ponte, CC-BY-SA

 

Galicia. Ano 2100. Unha nova seca prolongada mantén os encoros practicamente baleiros; a Xunta volve impoñer, sine die, restricións totais ao consumo de auga non esencial, cortes na subministración aos fogares de 12 horas ao día e restricións de consumo de 10 litros por habitante e día (trece veces menos do consumo medio en 2020). No horizonte, os montes –outrora dun verde exuberante– avístanse negrexados e pelados polos devastadores incendios que azoutaron o país durante as últimas décadas; os poucos bosques autóctonos que resistían fronte ao lume e a invasión do eucalipto desapareceron, e a masa forestal reduciuse máis dun 50% na última centuria; só o eucaliptus globulus e eucalyptus nitens progresan na Galicia rural, practicamente erma, abandonada. Na costa, portos pantasma acubillan barcos oxidados reconvertidos en casas okupas; da grandiosa flota pesqueira galega de máis de 5.000 barcos de principios do século XXI non queda apenas nin rastro, só un par de centos de naves saen ao mar á procura de peixe, pero traen máis plástico que pescado; e da industria marisqueira só se conservan despoxos e recordos. As rías quedaron asfixiadas polo quecemento do mar, a contaminación industrial, as cinzas dos incendios arrastradas por chuvias torrenciais a través dos ríos, a acidificación mariña e a chegada de especies exóticas e invasoras. Das dunas de Corrubedo, o castro de Baroña, A Lanzada, a praia de Carnota, Samil, Valdoviño e decenas de areais só quedan lembranzas rescatadas da memoria dos máis vellos, postais dixitais e documentos audiovisuais. E decenas de infraestruturas foron tamén arrasadas pola suba do nivel do mar nas cidades e vilas costeiras.

magen de un incendio en la Costa da Morte en 2016 / Foto: Xurxo Lobato

Os males multiplícanse. A sanidade pública crebou, incapaz de soportar o aumento de accidentes, doenzas, ingresos hospitalarios e mortes causados polas ondas de calor e frío, eventos meteorolóxicos extremos, inundacións e secas, o aumento da temperatura e da contaminación atmosféricas e de aeroalérxenos, o cambio na distribución de vectores de enfermidades infecciosas, ou a menor dispoñibilidade de auga e inseguridade alimentaria. E a poboación de Galicia duplicouse nas últimas seis décadas pola avalancha de migrantes climáticos, chegados principalmente desde o norte de África, o sur da península ibérica, a meseta e o Mediterráneo. Non hai recursos suficientes para atender a todos. A crise climática provocou unha ruína económica, unha catástrofe alimentaria, unha emerxencia sanitaria, unha hecatombe ecolóxica e unha fractura social de dimensións insoportables, pero prognosticadas pola comunidade científica.

Esta distopía ten base empírica. Durante décadas, os científicos alertaron dunha hecatombe climática se non se revertía a situación, se non reduciamos as emisións de gases de efecto invernadoiro e non mudabamos o noso estilo de vida, baseado no consumo masivo dos recursos naturais e a contaminación. Volvamos ao noso presente.

O 9 de agosto de 2021, fíxose público o sexto informe do Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC, polas súas siglas en inglés), elaborado por expertos de todo o mundo reunidos pola ONU. O documento é un último aviso á humanidade para frear a hecatombe climática. O consenso é pleno: este cambio climático é atribuíble á actividade humana e algúns efectos xa son irreversibles, pero aínda podemos reverter, evitar ou paliar outros. E xa non pode haber máis prórrogas.

Galicia, por suposto, non escapa desta emerxencia climática. O coñecemento sobre o impacto da crise climática en Galicia é amplo e abarca distintos campos de estudo. Aquí repasamos algunhas das achegas máis recentes.

Fuego en O Pindo desde el cementerio de Ézaro / Foto: Xurxo Lobato

Unha pregunta clave é como contribúe Galicia ao efecto invernadoiro e á crise climática. Como punto de partida para poñer en funcionamento medidas de mitigación e adaptación ao cambio climático é necesario un inventario de gases de efecto invernadoiro. En 2017, científicas da Universidade de Santiago de Compostela e do ELSA (Environmental Life Cycle and Sustainability Assessment) de Montpellier (Francia) presentaron un estudo detallado sobre a pegada de carbono de Galicia, no que por primeira vez se mediron as emisións directas e indirectas de todas as actividades de produción e consumo. Os datos deste estudo elevan a pegada total de carbono no país a 52,7 millóns de toneladas de CO2 equivalente ao ano: 17,8 millóns de toneladas por actividades de consumo e 34,9 millóns por actividades de produción.

O 88% da pegada de carbono das actividades de consumo en Galicia atribúese aos residentes (15,7 millóns de toneladas) e un 12%, ao consumo turístico (2,1 millóns). O principal contribuínte á pegada de carbono dos habitantes é a vivenda (31%), seguida polo consumo de alimentos (29%), transporte (17%), consumo de bens (12%) e servizos (11%). Pero o estudo tamén evidencia que a pegada de carbono dun turista por día é moito maior ca dun residente.

En canto á pegada de carbono da produción galega alcanza os 34,9 millóns de toneladas de CO2 equivalente ao ano e o seu principal contribuidor é a produción de electricidade (21%), seguida da de alimentos (19%).

Como dato «positivo», as emisións per cápita en Galicia son menores que en países como Estonia, Letonia, Lituania, Noruega, Xapón, Reino Unido, Estados Unidos, Australia ou Suíza.

Dieta atlántica contra o cambio climático

Desde hai tempo, os científicos están preocupados polo impacto ambiental que xeran os nosos hábitos alimentarios. Desde a fase de produción e almacenamento, ata a de xestión de residuos, pasando polo transporte ou o cociñado, os alimentos van deixando tras de si unha pegada hídrica e outra de carbono que impactan no medio ambiente. De feito, sábese que o sistema alimentario é un dos principais responsables das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Estudos demostraron que a dieta atlántica, propia de Galicia, é unha das mellores opcións, tanto para a nosa saúde como a medioambiental. Por exemplo, unha achega de investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Londres avala eses «beneficios ambientais e para a saúde humana». Nun traballo previo, investigadores da USC resaltaron que «as características da dieta atlántica, baseadas en promover o consumo de produtos locais, frescos e de tempada, a cociña caseira e os alimentos de baixo procesado tamén contribúen a unha baixa pegada de carbono». Neste sentido, din, pode considerarse unha dieta sostible, segundo as guías da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación).

Noutro traballo, estes investigadores alertaron de que os galegos estamos cada vez máis afastados da dieta atlántica e máis apegados ao sal, carne, doces e comidas procesadas e precociñadas, «con peor calidade ambiental e nutricional». Ao comparar os dous escenarios dietéticos, observaron que as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas son aproximadamente un 15% máis altas para a dieta galega actual que para a atlántica recomendada.

Foto: Xurxo Lobato

O cambio climático está causando a sexta extinción masiva de especies animais e vexetais no planeta (calcúlase que hai arredor dun millón en perigo de extinción). Neste contexto, en Galicia estase a investigar o impacto da crise climática nos ecosistemas.

Por exemplo, o quecemento do mar pode conducir á extinción dalgunhas macroalgas nas Rías Baixas, como a Himanthalia elongata (coñecida como correola, espaguete de mar ou cinta). Os mesmos investigadores prognostican impactos no mexillón que obrigarán a trasladar as bateas. Segundo as súas proxeccións, a finais deste século estes moluscos van estar sometidos a un estrés térmico que se traducirá nun crecemento máis lento e nunha menor produtividade.

Neste estudo científico, as proxeccións para o período 2080-2099 indican que os mexillóns van estar sometidos a condicións de estrés máis do 60% do tempo en máis do 50% dos polígonos. Preocupa especialmente a parte interna das rías, onde cren que se pode pasar dun 100% de tempo baixo condicións óptimas para o mexillón, actualmente, a un 20-40% a finais de século. E consideran que trasladar polígonos de bateas ás áreas externas das rías podería mitigar o impacto.

Precisamente sobre o mexillón, outra investigación apunta que o quecemento do mar aumentará a bioacumulación de metais nestes moluscos nas rías e, por tanto, a toxicidade para estes. As predicións son que o aumento da temperatura da auga causará unha bioacumulación máis alta nos mexillóns para metais como o chumbo, cadmio e cromo.

Investigadoras do Centro Oceanográfico de Vigo presentaron un estudo sobre a presenza de contaminantes nas Rías Baixas no que atoparon concentracións relativamente altas de chumbo na ría de Vigo e niveis altos de hidrocarburos nas de Arousa e Pontevedra, que poderían causar efectos biolóxicos adversos nalgunhas especies.

Noutro estudo, os científicos analizaron a mortaldade das ameixas babosa (Venerupis corrugata), xaponesa (Ruditapes philippinarum) e fina (Ruditapes decussatus) pola caída da salinidade causada por precipitacións extremas, con cálculos para o período 1990-2019 e para o futuro 2070-2099. «En xeral, as condicións futuras de mortaldade poden ser peores do que se observou historicamente, sendo máis intensas e cubrindo áreas máis grandes», advirten.

Neste escenario de mudanzas, tamén está en risco a explotación do percebe. Unha investigación identificou as áreas de Muxía e O Pindo como as «máis vulnerables» ao cambio climático desde un enfoque socioecolóxico.

O aumento da temperatura do océano e a introdución por vía humana estarían detrás da aparición de especies exóticas e invasoras nunca vistas en augas galegas. O proceso de tropicalización do Atlántico semella estar mudando a distribución dalgunhas especies.

Exemplares de especies inéditas aquí, como o mero dourado (Epinephelus costae) ou o peixe globo (Ephippion guttifer), foron identificados por biólogos nos últimos anos. Pero non son as únicas.

En 2016, déronse a coñecer os primeiros rexistros de cangrexo azul (Callinectes sapidus) en augas de Galicia. De procedencia americana, esta especie exótica invasora, considerada unha grave ameaza para as rías, é moi perigosa pola súa voracidade e agresividade, e podería poñer en perigo a subsistencia, entre outros moluscos, da Sepia officinalis, coñecida popularmente como choco, chopo ou xiba.

Os cangrexos azuis comprometen a supervivencia de bivalvos e poden entrar en «competencia feroz con outros crustáceos autóctonos como a nécora, o boi ou a centola, que poden verse parcial ou totalmente desprazados», segundo Juan E. Trigo, do Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), con sede en Ribeira. O GEMM ten identificado máis especies exóticas e invasoras de moluscos nas rías que supoñen unha grave ameaza para vieiras, zamburiñas, volandeiras, mexillóns ou ostras.

Sábese tamén que a chegada de peixes tropicais ameaza a fauna das rías cunha invasión de parasitos exóticos. Científicos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (Consejo Superior de Investigaciones Científicas, CSIC) atoparon nematodos nunca antes identificados aquí, en exemplares de dúas especies exóticas capturados en augas galegas: o peixe globo (Ephippion guttifer) e o roncador riscado (Parapristipoma octolineatum), típicos de augas africanas, máis cálidas. «Non podemos descartar que eses parásitos poidan atopar portadores adecuados entre as especies de peixes locais, converténdose en parasitos invasores», preveñen os investigadores.

Belesar, Portomarín, en 2001 / Foto: Gerd Eichmann (CC-BYA)

Secas prolongadas e menos precipitacións, pero torrenciais

Nos peores escenarios do cambio climático, os modelos científicos apuntan cara a un futuro inmediato con episodios de inundacións e secas cada vez máis recorrentes. Así o predí, por exemplo, un estudo de investigadoras das universidades de Vigo e Aveiro (Portugal).

Calcularon o comportamento das precipitacións en España para o período 2021-2050. Os resultados mostran que, «aínda que en conxunto poidamos ter menor cantidade de precipitacións, os cambios na súa distribución temporal poden provocar que no futuro, tal e como xa estamos a ver nas noticias, teñamos un maior número de episodios de choivas torrenciais xunto con períodos de seca que se repiten con máis frecuencia, o que nos levaría a estar alternando alertas de inundacións e secas de forma cada vez máis frecuente», precisa unha das autoras, Nieves Lorenzo.

Para Galicia agárdase unha diminución de precipitacións no verán e primavera, cun aumento de períodos secos. Á par, o territorio galego pode verse «afectado por un aumento de días con precipitacións intensas máis acusado en outono e inverno, o que provocaría un aumento das alertas por inundación», aporta a investigadora da UVigo.

Lorenzo liderou outro traballo no que se describe unha Península ibérica azoutada nas próximas décadas por ondas de calor cada vez máis extremas, cun aumento significativo xeral da súa intensidade, frecuencia, duración e extensión espacial.

De aquí ao ano 2050, calcúlase que a intensidade das ondas de calor podería duplicar a rexistrada entre os anos 1971-2000, cun aumento do 104% de media para todo o territorio peninsular. O peor escenario prevese para a zona centro, a franxa mediterránea e os Pireneos, onde a intensidade aumentaría até un 150%, mentres que Portugal, Galicia, a costa cantábrica e a parte suroccidental de Andalucía mostran, en xeral, incrementos menores (por baixo do 100%).

Unha cidade fresca como A Coruña podería pasar de 1,14 ondas de calor e 4,43 días de calor extrema ao ano (datos do período 1986–2005), a 2,14 episodios de calor extrema e 10,48 días ao ano, entre 2046 e 2065. Pero o peor chegaría a finais de século, con até tres ondas de calor en 15,62 días ao ano no período 2081–2100. Son datos doutro estudo climático realizado por científicos portugueses e coordinado polo Departamento de Física da Universidade de Aveiro.

Outro traballo prognostica que as temperaturas máximas nas principais urbes galegas poderían subir de 5 a 7 graos máis de aquí a finais de século, con máis días de calor extremo. «Nas primeiras décadas do século XXI, ningunha cidade supera o valor de 20 días con temperaturas extremas por ano e, porén, se nos fixamos na recta final do século, xa nos atopamos con valores de preto de 40 días por ano nalgunhas cidades», detállase.

Entre 1981 e 2018, as precipitacións en Galicia reducíronse notablemente, coa maior taxa de variación en toda España, segundo o informe «Evolución das precipitacións en España», con datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), publicado polo Observatorio da Sustentabilidade.

Pontevedra é a provincia onde máis caeu a taxa de precipitacións no Estado, e as catro provincias galegas sitúanse entre as seis que máis viron reducir as choivas nas últimas catro décadas.

Incendios máis devastadores

En outubro de 2017, Galicia converteuse nun inferno. Arredor de 62.000 hectáreas foron arrasadas por múltiples e estratéxicos incendios que se cobraron catro vidas. Tamén sabemos agora que a magnitude da catástrofe humana e económica puido ter sido moito maior: uns 80.000 edificios (vivendas e estruturas non residenciais) e máis de 87.000 persoas estiveron en risco, expostos aos lumes, segundo un estudo de investigadores das universidades de Santiago de Compostela, Zaragoza e York (Reino Unido).

Hai consenso en que a enorme vaga de incendios que asolou no outono de 2017 Portugal, Galicia e Asturias foi intencionada, pero tamén en que esas mans criminais contaron, e contan, co favor do cambio climático.

Aquel evento levou ao EU Science Hub —servizo de ciencia e coñecemento da Comisión Europea—, a emitir un comunicado no que alertaba de maiores e máis intensos lumes no futuro e das graves consecuencias que terán para a saúde pública pola contaminación do aire.

O informe anual dos incendios forestais do Centro Común de Investigación, máis coñecido como JRC (en inglés, Joint Research Centre) confirmaba unha tendencia cara a tempadas de lumes máis longas e intensas en Europa, con incendios que se sucederán ao longo de todo o ano e que serán máis catastróficos.

Datos do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS) suxiren que case todos os incendios forestais son provocados polo ser humano. Con todo, os científicos observan que as condicións cálidas e secas inducidas polo cambio climático están contribuíndo a provocar lumes cada vez máis severos
e frecuentes.

Impactos na saúde humana e medioambiental

O sur de Europa será unhas das áreas máis golpeadas no planeta polo aumento na intensidade e frecuencia das secas, supoñendo tamén unha ameaza para a
saúde humana.

Investigadores da Universidade de Vigo e do Instituto de Salud Carlos III (Madrid) fixeron o primeiro estudo diagnóstico de series temporais sobre o impacto das secas e ondas de calor na mortalidade diaria en Galicia por causas naturais, circulatorias e respiratorias. Segundo os achados, os períodos de seca tiveron maior influencia na mortalidade diaria nas provincias do interior, con Lugo liderando as porcentaxes de risco de mortalidade por causas naturais e circulatorias atribuíbles ás secas, mentres que Ourense se sitúa á cabeza nas respiratorias e na Coruña atopáronse asociacións entre secas e mortes por causa circulatoria. Pontevedra é a única na que non se atoparon asociacións significativas.

Este mesmo equipo profundou no problema a escala peninsular noutro traballo no que se observou que as áreas máis afectadas en termos de mortaldade diaria polas secas son as occidentais.

As secas tamén impactarán na biodiversidade. Por exemplo, un estudo liderado polo CSIC expón que os bosques autóctonos de Galicia teñen menor capacidade de recuperación tras episodios de secas que os de zonas do leste e sueste da península ibérica.

De igual xeito, os cada vez máis intensos e devastadores lumes terán un impacto negativo na biodiversidade, pero tamén nos cidadáns. Os expertos do EU Science Hub avisan no seu informe: «A medida que as tempadas de incendios se alonguen, inevitablemente crecerán os problemas potenciais para a saúde humana».

Científicos do Instituto de Salud Carlos III e do Centro de Investigaciones Energéticas, Medioambientales y Tecnológicas (CIEMAT) fixeron tamén un estudo pioneiro en España sobre o impacto da combustión de biomasa na mortalidade humana. Os resultados suxiren unha relación entre incendios forestais e un aumento de falecementos nas cidades, posiblemente relacionados coa advección de partículas en suspensión pola combustión de biomasa.

Follas de eucalipto

Polémico eucalipto

Algúns investigadores apuntan que o cambio climático aumentará o potencial invasor e a expansión do polémico eucalipto en Galicia. Por exemplo, recentemente publicouse un estudo sobre o estado actual do Eucalyptus globulus e o seu potencial invasor presente e futuro baixo o cambio climático no norte de España, onde cobre xa preto de 400.000 hectáreas en Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, isto é, o 18,22 % do terreo boscoso destas catro autonomías.

As estimacións son que as alteracións climáticas producirán «un aumento significativo do hábitat adecuado» para esta planta «nas áreas interiores de Galicia» e «unha leve redución nas outras tres comunidades autónomas».

A situación presente xa é problemática, pois «a superficie actualmente ocupada por eucaliptos no norte de España quintuplicouse nos últimos cincuenta anos», advirten estes investigadores, que destacan o caso da provincia da Coruña, a cal «sofre un desenvolvemento excesivo de plantacións, con máis do 44% da superficie arborada ocupada por eucaliptos».

Os prognósticos indican que o hábitat adecuado neto para o eucalipto nestas comunidades pode duplicarse cara ao ano 2070, no peor escenario de cambio climático. Das 830.885 hectáreas de superficie adecuada para a súa expansión que calculan, 587.448 están en Galicia.

Nos escenarios do cambio climático moderado e extremo, os resultados doutro estudo «non mostran cambios importantes para A Coruña, xa que case toda a provincia xa é adecuada para o Eucalyptus globulus». Pero si se agardan importantes aumentos da idoneidade para o eucalipto nas outras tres provincias, en distritos como Lugo-Sarria, Terra Chá, Ribeiro-Arenteiro, Miño-Arnoia, Deza-Tabeirós ou O Condado-Paradanta.

E científicos da  Universidade de Vigo e de Coimbra (Portugal) realizaron un traballo de investigación no que afirman que os lumes aumentan o risco de invasión do Eucalyptus globulus, poñendo en risco a vexetación nativa, especialmente os carballos, máis resistentes ao establecemento de plántulas de eucalipto en ausencia de incendios, pero que se mostran moi vulnerables á invasión eucaliptal tras un lume.

Aumento do nivel do mar

A organización científica Climate Central publicou en 2019 un estudo sobre o aumento do nivel do mar –causado pola contaminación de gases de efecto invernadoiro e o desxeo dos polos–, que deu como froito un mapa interactivo con proxeccións para 2050 sobre áreas costeiras con risco de ser anegadas polo mar en todo o mundo. En Galicia, baixo a auga poderían quedar as dunas de Corrubedo, o castro de Baroña, parte da Illa de Arousa, portos como o de Foz e Burela, ou o núcleo urbano da vila de Betanzos.

Máis zonas están ameazadas. Por exemplo, na Coruña, afectaría gravemente a zona portuaria e gran parte dos areais; en Vigo tamén están en risco o porto, a praia de Samil ou a illa de Toralla, pero tamén unha industria vital como a factoría de automoción Stellantis, que se vería ameazada pola crecida do mar pola desembocadura do río Lagares. Outra factoría, a naval de Navantia en Ferrol, tamén estaría en risco de ser anegada. Os ríos Miño e Lérez servirían de canles para inundar todo o que se atope nas súas ribeiras, incluída a planta de ENCE en Pontevedra. E entre as vilas, Cee ou Laxe tamén serían gravemente danadas.

Unha análise da vulnerabilidade ao aumento do nivel do mar de 724 praias en Galicia, mostrou que 76 areais están situados en «áreas con alto risco de inundación». A zona máis vulnerable sería a ría de Muros e Noia, onde «unha inundación dun metro podería alagar unha área de 104,3 quilómetros cadrados», afírmase no estudo, de investigadores das Universidades de Vigo, Linneo e Lund (Suecia), Canterbury (Nova Zelandia), Waterloo (Canadá) e do Western Norway Research Institute (Noruega).

Outro traballo da Universidade de Santiago sinala como zonas de alta vulnerabilidade aos temporais ou a posibles cambios ambientais, por exemplo, a praia de Rodas (illas Cíes), Corrubedo ou A Lanzada.

Parte do patrimonio arqueolóxico galego tamén podería desaparecer polas desfeitas e o abandono de xacementos bioarqueolóxicos na costa, e os efectos do cambio climático, poñendo en perigo depósitos milenarios, algúns dos cales xa foron destruídos.

Nun traballo, expertos sinalan como caso «máis dramático» o do illote Guidoiro Areoso, en Arousa, que documenta tumbas megalíticas e un asentamento da Idade de Bronce, e onde os depósitos de peixes se erosionan gradualmente. Só entre 2008 e 2014, perdeu un metro de area, aínda que se construíron barreiras para protexer os xacementos. Os científicos avisan de que «a perda destes depósitos significaría que unha das explotacións de moluscos máis antiga documentada no noroeste de Iberia, xunto coas primeiras evidencias de pesca na Idade de Bronce no norte ibérico, desaparecerían para sempre».

A Galicia poscovid

Cando superemos a pandemia da Covid-19, o mundo seguirá tendo o seu maior problema por resolver: a crise climática. As súas consecuencias xa empezan a ser catastróficas, global e localmente, e irán en aumento: máis secas, desertización, ondas de calor mortais, incendios máis virulentos e daniños para a saúde, fenómenos climatolóxicos cada vez máis extremos, inundacións polo aumento do nivel do mar, tropicalización dos mares, alteración e destrución de ecosistemas, extinción de especies, propagación de enfermidades, perda de terreos agrícolas, máis pobreza, desprazados climáticos… Os efectos son case innumerables e ninguén escapa deles. Galicia tampouco.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail