Contra o peche da escola de Baamonde.
O sindicalismo no ensino ten un algo romántico daquelas misións que a Igrexa enviaba camiño de ultramar: un esgrevio sendeiro de redención, penitencia e incluso crime e castigo, onde bater unha e outra vez coas limitacións da propia condición humana, condenada a repetir os seus erros e ceder ás súas debilidades ata a fin dos tempos.
O que máis chama a atención neste traballo é o poder de invocar e case máxico que teñen as palabras dos nosos gobernantes, como construtoras dunha realidade paralela, que parece ser a única que conta. Escoiteilles dicir hai uns días nunha reunión a dous responsábeis da Consellería que «la Consellería no cierra ningún centro». E tiven que volver sobre as miñas notas onde, fregando nos ollos, lin claramente, case na incredulidade, que a Consellería, malia que no cierra ningún centro, pechou dende a chegada de Feijóo 112 escolas de todo o país, fundamentalmente centros pertencentes ao rural. Son contas que calquera pode facer consultando o catálogo anual de centros, e revisando os anexos ao final do DOG onde se encontran os centros eliminados para o vindeiro curso; nalgúns anos, figura incluso que eses nomes corresponden a centros que pechan, noutros nin se sabe.
É dicir, o mundo non aparece como é. Aparécenos do xeito no que as palabras nolo mostran. Así que celebremos entón que la Consellería no cierra ningún centro.
Porén, polo Nadal, cando soubemos das intencións do alcalde de Begonte –aparente promotor da iniciativa– de pechar a escola da de Baamonde, non soubemos que pensar porque la Consellería no cierra ningún centro. Namentres nos aclarabamos, fomos por se acaso á parroquia de Baamonde o sábado 26 de decembro e o 3 de febreiro, á concentración convocada pola súa comunidade educativa, en protesta contra o peche da súa escola. As crianzas, a rapazada, nais e pais, a xente maior de cada casa, alí as estaban todas. As meniñas e meniños fixeran un par de ataúdes con cartóns vellos, simbolizando a escola pública e o rural, unha das avoas sorría satisfeita: «quedouvos mui ben, logo parece o meu!».
Todas elas estaban alí porque senten que o peche da súa escola é algo negativo para a vila, e entenderon imprescindíbel manifestar publicamente o seu desacordo e protexer o que é de todas, da comunidade. Así que percorremos a estrada nacional, parando antes de chegar ás inmediacións da escola, na rotonda da vila, entoando cánticos e proclamas que puidesen aquecer un pouco o noso espírito nun día tan frío. As manifestacións no noso país –agás que as convoque a Igrexa ou linguas maioritarias que se senten discriminadas– teñen un algo de celebración da derrota. Niso non hai quen nos gañe! As galegas e os galegos sentímonos ás veces coma na Champions League das que nunca gañan.
Uns metros máis arriba da rotonda de Baamonde está o tanatorio a man dereita, en dirección á autovía. O tanatorio de momento non pecha e, se o fixese, a Xunta debería aproveitar a súa aparencia estética de gasolineira, segundo o verso de Alberto Pimenta: «coidar os mortos e enterrar os vivos». O fuel que move o mundo!
Achegáronse dous axentes da garda civil que lle pediron a parte da concorrencia que deixase pasar uns coches que non podían circular por mor dun atranco momentáneo. Fantástico! A cidadanía pode manifestarse namentres que non interrompa o normal tránsito da circulación, non vaia ser que ademais de ir manifestármonos contra o peche da escola de Baamonde, acabemos probando tamén o tanatorio.
Seica o alcalde de Begonte, quere abrir nas instalacións onde agora se ubica a escola, unha escola de música. Sabemos da boa intención que con toda seguridade acompaña esta iniciativa del, pois a música é un elemento fundamental para a educación das persoas, o desenvolvemento das súas capacidades e unha fonte inesgotábel de aprendizaxes e satisfaccións que promove nas crianzas un crecemento pleno e harmónico. Pero gustándonos a música, a canción non nos acaba de convencer, aínda que o retrouso ten o seu aquel: la Consellería no cierra ningún centro.
No rural, a escola pública xoga un papel aínda máis transcendental: é o almeiro que pode e debe contribuír a combater o progresivo abandono das vilas e aldeas galegas do rural
E dito isto, é igual de certo que a escola pública é con frecuencia o elemento central que artella a nosa vida en sociedade e garante o futuro da cidadanía, contribuíndo á cohesión da mesma, reaxustando os desequilibrios e favorecendo a inclusión, a xustiza social e a igualdade de oportunidades, especialmente para aquelas/es que máis o precisan.
Ademais, a escola pública, no rural, xoga un papel aínda máis transcendental: é –por usar unha expresión de Manuel Rivas–, o almeiro que pode e debe contribuír a combater o progresivo abandono das vilas e aldeas galegas do rural, o envellecemento da súa poboación e evitar a extinción dun xeito de vida que é un dos trazos distintivos de boa parte da sociedade e a cidadanía galega.
Sabemos tamén que, en todo caso, a decisión de abrir ou pechar unha escola pública é algo que non lle corresponde a Alcaldía ningunha, pois esa competencia é atribución da Consellería de Educación, e sabemos o que nos dixeron: la Consellería no cierra ningún centro.
Cambiar de parecer non é signo ningún de debilidade, é algo propio das persoas intelixentes que son quen de recoñecer os camiños errados ou pouco convenientes. Esta virtude, como político, é fundamental: a intuición e a capacidade de escoitar a cidadanía e rectificar é un trazo da política con maiúsculas, independentemente do ámbito en que esta teña lugar. Pero, a 29 de xaneiro, a música que soa é esta: o pleno do Concello aprobou a proposta de peche da escola de Baamonde e enviáronlle a letra da canción á delegación da Consellería de Educación en Lugo, onde se avanzará no «proceso de desafectación do centro» (por certo, que gráfica e cruenta pode ser a lingua).
A29 de xaneiro, a música que soa é esta: o pleno do Concello aprobou a proposta de peche da escola de Baamonde e enviáronlle a letra da canción á delegación da Consellería de Educación en Lugo, onde se avanzará no «proceso de desafectación do centro»
É incríbel o que un pode aprender escoitando: escoiteille ao Conselleiro de Educación nunha reunión que estaba orgulloso dos equipos directivos dos centros –ao respecto do comezo do curso escolar–; e ilustrou o seu contento cunha imaxe ben gráfica: «traballaron coma auténticos cabalos». Xaora, o cabalo reúne, ademais das calidades dialécticas que Cunqueiro lle confire a Lionfante na Vida e fugas de Fanto Fantini –co seu discurso no Senado de Venecia–, virtudes consontes ao ideal de obediencia do amo: nobreza, forza, mansedume e lealdade.
Pero iso non oculta tampouco o enorme exercicio de responsabilidade que familias, profesorado e alumnado levan facendo todos estes meses, nun contexto de desleixo por parte do goberno de Feijóo para co ensino público. La Consellería no cierra ningún centro. Sería bo que llelo fosen explicar á cidadanía de Baamonde que está a piques de ver como queda sen escola. Non se pode entender, a este paso imos ter que manifestarnos contra a realidade: «abaixo a realidade! La Consellería no cierra ningún centro!».
Lois Pérez é mestre do ensino público.