Histéricas feminazis

O Códex Cinema reabriu recentemente os antigos Cines Yelmo de Lugo. Meus pais levábannos alí cando eramos pequenas cada domingo. Certo é que a carteleira mudou moito e para ben. O proxecto de reapertura achega, agora, cinema de autor e ofrece unha alternativa ao monopolio da industria de Hollywood que domina, con honrosas excepcións, a grande pantalla no noso país e no mundo.

A pasada semana Códex estreaba Feminazi da guionista e xornalista galega Diana López Varela. Un filme que, con retranca, fala do feminismo mal entendido, dos prexuízos e o descoñecemento que evidencian aquelas persoas que critican e cuestionan este movemento político.

López Varela aprópiase do insulto para deconstruír a mentalidade de quen insulta.

Do movemento feminista e das mulleres feministas ténse dito de todo. Chámannos feas, malfolladas, feminazis, pesadas, ridículas, esaxeradas, paranoicas e o xa clásico concepto freudiano, histéricas.

«Eu non son feminista, creo na igualdade». «Eu non son nin feminista nin machista», escoitamos decotío a quen está máis perdido que un polvo nun garaxe.

Pero, que é iso que tanta urticaria provoca, sobre todo en determinado sectores da sociedade?

Que é ser feminista?

Angela Davis, muller negra e comunista; nome forte do black feminism, explicouno de maneira ben sinxela. O feminismo é a idea radical de que as mulleres somos persoas. E como persoas temos dereitos. Dereitos inherentes á nosa natureza humana. Dereitos que ao longo da historia nos foron (e aínda son en moitos casos) negados.

Angela Davis. (AP Photo/Sal Veder). 1971.

A ti, muller, que non te defines como feminista. A ti, que equiparas machismo e feminismo. A ti, que nos chamas feminazis.

Se eres muller e podes votar, agradécello ao movemento feminista.

Se fuches á escola e á Universidade, agradécello ao movemento feminista. A primeira muller que asistiu a aulas na Universidade foi Concepción Arenal e fíxoo como oínte disfrazada de home.

Se podes tomar anticonceptivos e exercer os teus dereitos sexuais e reprodutivos, entre eles o dereito ao aborto, agradécello ao movemento feminista.

Se podemos usar pantalóns; se é ilegal que o noso xefe nos presione para manter relacións sexuais con el, se é denunciable padecer acoso sexual e por razón de sexo; se é ilegal que un home, o noso marido, por exemplo, nos pegue; se podemos rexistrar ao noso nome calquera propiedade ou temos dereito ao noso propio salario mesmo estando casadas, se podemos, en definitiva, vernos como persoas adultas e non como menores de idade que precisan ser tuteladas por un home: é grazas ao movemento feminista.

Haberá quen pense que todos estes dereitos e moitos máis, son algo normal resultado das mudanzas producidas ao longo da historia, ao progreso, á modernidade.

Mais a historia non é unha señora que vai agasallando dereitos coma se fose o Apalpador.

Os dereitos son conquistas que imos arrincando cada día a base de moito esforzo, loita, constancia e organización. E isto é extensíbel  á clase ou a nación.

Ás feministas insúltannos porque o feminismo incomoda. E resulta incómodo porque cuestiona os valores sociais e culturais que sosteñen a sociedade mesma. Porque é aínda hoxe un movemento político profundamente transformador que cuestiona non só os roles de xénero senón tamén o sistema económico, mediático e os poderes do estado.

Mais o feminismo é un movemento político que loita, nada máis (nin nada menos) que por extender os dereitos e liberdades ao conxunto da poboación. A todas as persoas, independentemente de que sexan mulleres ou homes.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail