Remata 2024 con malas novas políticas. E non, non é que os éxitos electorais europeos das dereitas marcarán en 2025 o relanzamento duns tempos terríbeis. Peor que isto aínda, se cabe, é que perante a onda emerxente da dereita necroliberal as xentes correntes ficamos desarmadas. A «esquerda de clausura» está de volta como único marco mental nas redes e rúas; unha esquerda temerosa de mudar o propio marco, e porén autosatisfeita coa súa cuotiña de poder esmorecente.
Nunca foi maior nen mais devastador o desarme intelectual dos movementos de liberación. Logo dun breve mais esperanzador lustro de experimentación democrática entre 2011 e 2016 (prorrogado despois un lustro máis nas institucións do réxime), o certo é que 2025 chega coa esquerda de clausura ben enchida. O último ano non puido ser electoralmente máis indicativo. Os datos lembran máis ao periodo 1982- 2010 que á posterior crise de réxime.
A situación hoxe é mesmo pior. A comezos da década pasada o que estaba por acontecer no inmediato non pasaba das ideas inxenuas, inmaculadas e utópicas de catro radicais. Ideas portadoras, embora, de toda a potencia dun porvir. Hoxe, os vectores ideolóxicos daqueles comezos do milenio fican esmagados baixo as ruinas da súa errada efectuación; patrimonializados por unha esquerda que nunca acreditou na súa potencia política. Se nos inicios dos anos dez tiñamos cando menos unha utopía dispoñíbel, hoxe nen iso.
Non hai marxe para optimismo no marco mental da esquerda de clausura. O panorama actual é desolador: perante a peor dereita en décadas só queda a mesma esquerda falida do último medio século; a esquerda da derrota histórica do movemento obreiro, cos seus cadros burocráticos, partidos e sindicatos. Unha esquerda que foi incapaz de chegar a un par de ducias de escanos cando, porén, baixo supostos diametralmente opostos aos seus, ficou demostrado que era posíbel chegar a setenta nunha soa convocatoria electoral. Unha esquerda compracente co réxime do 78 ao que xa nin ousa sinalar ou que, por momentos, atende mesmo con fervor.
Ás portas de 2025 ben se pode dicir que a esquerda de clausura triunfou coma horizonte mental ata o último curruncho do campo político. O avance de Trump e das máis diversas extremas dereitas, de feito, é a mellor evidencia do que estamos a sinalar. Sen o completo triunfo da esquerda sobre os movementos de liberación non sería posíbel o avance da súa contraparte funcional nas institucións do 78: a dereita. E qué dereita! Non estamos a falar dunha dereita calquera, embora da dereita máis desacomplexada da historia recente; unha dereita que non atopa resistencia ningunha para seguir afondando na recuperación do seu programa ideolóxico máis ambicioso.
Ao cabo, desde as súas orixes no moderno parlamentarismo burgués, esquerda e dereita sempre operaron coma vasos comunicantes e complementarios; funcionais entre sí como base de turnismos máis ou menos democráticos. A esquerda foi nos oitenta o lugar de clausura e abandono das esperanzas de décadas precedentes. Alí foi onde o neoliberalismo xubilou aos cadros dirixentes do derrotado movemento obreiro, namentras procedía a lexitimar a reconversión industrial grazas ás políticas de concertación.
Que hoxe se esté a celebrar por horizonte de liberación rebaixar media horiña diaria ao traballo protexido (reapropiación á baixa da idea da semana de catro días de Más País) á vez que se contan por millóns as horas extra non remuneradas do precariado; que se aplaudan as cifras de emprego nun país onde os salários son miserábeis e os prezos da vivenda, suministros e bolsa da compra están fora de control, é todo un síntoma do triunfo do marco cultural da esquerda de clausura. Malmenorismo apontan algúns críticos con razón.
O triunfo mental actual é tal, que no que alguén aponta que se ten que superar a metáfora espacial esquerda-dereita, saltan de inmediato os corifeos de turno a invocar as acusacións de traición. E porén, o único certo e demostrado é que, entre 2011 e 2016, foi a destrucción deste mesmo marco mental o que fixo posíbel a reapertura dun horizonte constituinte. Do 15M ao primeiro Podemos foi a superación do marco mental de clausura xa imposto na Transición o que encheu de esperanzas as persoas que eran obxecto das mais variadas formas de opresión.
Ser de esquerda, dicíamos nos días do 15M, é de dereitas. E así seguirá a ser, de non recuperarmos o horizonte dunha democracia absoluta, desbordante; quen de sinalar o réxime polo seu xusto, esmorecente e limitante valor coma garante dos dereitos e libertades conquistados contra da dictadura. Mais unha vez compre lembrar que a ilusión por un cambio só voltará contra o eixo esquerda-dereita; na reivindicación do 99% fronte ao 1%. Non hai, pois, mellor desexo de aninovo que un 2025 que remate co horizonte mental da esquerda de clausura imperante.