Vinte, vinte

Felipe: O lindo dun ano novo é que vén todo cheo de días sen estrear. É como empezar a escribir nun bloc con todas as súas follas listas e en branco, non?

Mafalda: Si, a única mágoa é que haxa tantos cóbados rozando o tinteiro.

Das poucas cousas que sabemos seguras do vindeiro ano é que o primeiro bebé do VinteVinte non nacerá en Verín. A partir de aí, todo son incógnitas. «A Galicia do 2020» é un deses escenarios míticos, por aquilo das datas redondiñas, que tanto gustan aos nosos líderes carismáticos. Cando aínda quedan lonxe, debuxan un futuro no que atamos os cans con longaínzas e das fontes dos parques abrolla maná. Pero logo o tempo pasa e as súas predicións amósanse tan optimistas como as de Regreso ao futuro ou Blade Runner. Nin no 2015 había monopatíns voadores –tócanos esquivar nas beirarrúas eses que van con motorillo– nin no 19 contabamos con replicantes humanoides que fixesen eses traballos que nós non queremos. O máis parecido que temos son os inmigrantes, eses seres que deshumanizamos con siglas cando son menores e que non nos doe nada ver morrer por milleiros loitando por chegar á civilizada Europa. Pero esa é outra película. Ou outra serie.

Cando es colonia, a vertebración interna non conta, o importante é chegar axiña á Metrópole. Sábeno ben os nosos mariscos

Sen chegar a reclamar avances propios da ciencia ficción, semella que en 2020 tampouco nos poderemos poñer en tren en Madrid en tres horas, horizonte mítico que para a nosa clase empresarial e política é o equivalente a facer a carreira Kessel en menos de doce parsecs. Tanto ten que polo camiño houbese que sacrificar estacións e apeadoiros que nos terían permitido gozar de algo similar a un cercanías: cando es colonia, a vertebración interna non conta, o importante é chegar axiña á Metrópole. Sábeno ben os nosos mariscos. Ou a nosa enerxía eléctrica. Por iso é máis caro –combustibles aparte– ir en coche da Coruña á Gran Vía de Vigo que á da Villa y Corte. Galicia segue a ser a gran reserva espiritual do Estado en cuestión de peaxes.

2020 si vai ser o ano en que empecemos a dicir adeus á empresa máis contaminante de España. A central de Endesa en As Pontes (segundo as contas de Bruxelas, cunha polución anual de 7,9 millóns de toneladas de CO2) pecha sen que haxa alternativa –postos a pedir, máis limpa– para unha comarca que vive exclusivamente de deixar que lle emporquen o aire, o que se viña pagando a prezo de ouro. Pese ao precedente de Meirama e que a conta atrás estaba máis que iniciada (tic-tac, tic-tac), en Madrid e Santiago finxen que o anuncio da antiga empresa pública os colle por sorpresa. O mito da Transición Enerxética cada vez se parece máis ao da Política.

Pero nada do que pase no Vinte-Vinte vai ter importancia real, e sabémolo. 2020 é un ano de transición, a antesala do evento que -cun ano de atraso sobre o plan previsto, pero así son os camiños do Señor (Santiago)- volverá facer correr o maná nas fontes e proverá de longaínzas para amarrar mascotas. O Xacobeo. Trompetas e fanfarras para recibilo! E sorrisos, moitos sorrisos: que non vaian pensar os peregrinos que os figurantes que atopan no seu percorrido estamos descontentos cos nosos papeis de extras nesta superprodución, que só vai ser a primeira da década. Os fans xa coñecen as datas: 2021, 2027 e 2032. Pechada a saga de Star Wars, era preciso contar con outra triloxía á altura…

Con todo, xuraría que me queda algo importante sobre o ano que entra… Sería o das eleccións autonómicas? Creo que non, creo que era algo importante de verdade…

En fin, xa caerei. Que os anos non pasan en balde e a memoria xa non é o que era. Nin sequera a histórica…

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail