Dúas amigas

Sentámonos á mesa con dúas boas amigas. Unha, acaba de xubilarse; a outra, estrea maioría de idade. Ambas son lesbianas. Case sen que nos deamos conta comezan a falar do tema. A de máis idade explícalle á menor como viviu a súa homosexualidade. Tenta transmitirlle a militancia e a valentía das mulleres lesbianas durante a ditadura franquista. Fálalle dun documento que viu a luz en 1979 baixo o epígrafe «Día internacional da loita pola liberación homosexual»; a primeira folla promovida pola Asociación Galega da Muller sobre esta cuestión. Cóntalle como en abril do 80, na Semana da Sexualidade na Facultade de Psicoloxía de Santiago, abordaron o tema; e como o 24 de xuño dese mesmo ano, no Festival Feminista de Vigo, leuse un comunicado «gay» (inda non se empregaba a palabra lesbiana).

Alguén significado da cidade cando nos viu preocupouse de tomar boa nota das que portaban o estandarte ou andaban ao redor del. Moitas, informadas as familias, sufriron as consecuencias

O primeiro debate sobre lesbianismo na AGM, desde o lesbianismo dalgunhas e ante a necesidade de que o feminismo, todo o feminismo, criticase a imposición da norma heterosexual, continúa relatándolle, foi no 82. Faltaban case vinte anos para que ti naceses. Ese mesmo ano falei por primeira vez, en primeira persoa, como lesbiana. Foi en Sargadelos e foi unha experiencia importante para min e para as lesbianas que padecían en silencio, a absoluta falta de referencias, continúa rememorando. A estes actos algunhas acudían do brazo dun amigo ou empurrando o cochiño dun bebé. Disfraces e disimules que se sentían como precisos.

En decembro publicouse o número 0 de Andaina e nas súas páxinas, valentes e humildes, anunciábase a recente creación dunha Comisión de Lesbianas na AGM. Ao ano seguinte, o 8 de marzo, as mozas da Asociación Galega da Muller levaron á manifestación un pendón laranxa onde se lía “Sexualidade non é heterosexualidade. Defendamos con orgullo o noso lesbianismo”. Había moita xente no Toural, en Compostela, e alguén significado da cidade cando nos viu preocupouse de tomar boa nota das que portaban o estandarte ou andaban ao redor del. Moitas, informadas as familias, sufriron as consecuencias; algunhas, retiráronse discretamente do primeiro plano.

Libre e consciente, a moza bícase coa súa noiva nos corredores do instituto e asiste coas súas amigas ás manifestacións do 8 de marzo, ao Festival Agrocuir da Ulloa e a canto acto feminista lles interesa.

En 1984, en novembro, o lesbianismo foi un dos grandes asuntos que se abordaron nas Xornadas Feministas Galegas de Vigo. No 85, organizouse o I Encontro Galego de Feministas Lesbianas e unha tremenda pancarta anunciadora colgouse da Ponte das Pías, en Ferrol. No II, no programa inda non hai nomes propios, pero xa se fala ás claras de como difundir máis e mellor a idea de que ser lesbiana non é ningunha anormalidade. Naquelas datas, continúa a histórica militante, falei na radio e a miña nai que me sentira falar con dureza das violacións e agresións, dos dereitos da muller, de prostitución, do aborto… que sabía da miña militancia feminista, cando me escoitou, sacudiu a cabeza e dixo: «iso gústame menos que nada».

Mentres a nosa amiga fala, a rapaza limítase a sorrir. Libre e consciente, a moza bícase coa súa noiva nos corredores do instituto e asiste coas súas amigas ás manifestacións do 8 de marzo, ao Festival Agrocuir da Ulloa e a canto acto feminista lles interesa. Inda que ás veces aguanta impertinencias, mesmo dos docentes que lle dan aulas, e recoñece que non resultou fácil explicarlle á súa nai que era lesbiana, cando lle preguntamos que lle parece o que vén de escoitar, encóllese de ombreiros, e afirma, sen tatexar, que semella todo moi complicado. Sorrí e dálle un bico á relatora. O bico é simbólico. Pertence a todas as mulleres que loitaron, en condicións terriblemente adversas, para reivindicar a súa sexualidade e defender os seus dereitos; a todas aquelas que, no 85!!, inda temían e sufrían represalias; ás que non se renderon e ás que si o fixeron; ás que continuaron teimudas, libres e valentes abríndonos ás portas ás que vimos detrás.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail