Érase unha vez, hai moitas lúas, un movemento chamado #MeToo, arredor do cal as mulleres do mundo comezaron a compartir as súas historias de intimidación, de medo e de silencio sobre os abusos sufridos ás mans dos homes. Anos de encubrimentos, mentiras e bros protexendo a bros saíron á luz, e homes con nomes tan recoñecibles coma Harvey Weinstein e Kevin Spacey foron denunciados. Termos como «cultura da violación», «masculinidade tóxica» e «violación en cita» fixéronse populares fóra de círculos feministas por primeira vez, e parecía que as empresas e institucións nas que moitas veces pasaban desapercibidos este tipo de comportamentos ían ter que pararse a escoitar dunha vez por todas.
No medio e medio de toda esta dor, reivindicación e sororidade, a voz dos homes alzouse a modo de resposta: «si», dicían, «algúns homes son así, pero non somos todos». A conclusión, para eles, parecía ser #notallmen.
Nun principio, ten sentido. Non todos os homes son violadores, non todos os homes abusan (sexual ou fisicamente) das mulleres, e non todos os homes son misóxinos encubertos, agardando o seu momento para soltar algunha falcatruada nas redes sociais. E, porén, foron maiormente homes os que votaron a Trump (condenado por abusos sexuais) en 2016 e 2020. Son homes os que forman a maior parte do apoio a VOX, a Nigel Farage no Reino Unido e a outros partidos de extrema dereita. E poderiamos (ou quereriamos) pensar que se trata unicamente dun problema da dereita, pero os recentes acontecementos en relación a Íñigo Errejón, que ía de feminista e progre, deixan claro que non se trata dun asunto partisano.
O problema non son os violadores escondidos nun arbusto nin esperando por ti nunha rúa ás escuras. Nin sequera son os trolls que pasan a vida apampando para o porno dende as súas residencias nos sotos das súas nais. Non, o problema é máis sinxelo e insidioso e radica nunha cultura piramidal que comeza con eses chistes sexistas que deixamos pasar porque parecen inofensivos, e remata buscando escusas e xustificacións para agresores. Comeza con alguén aconsellando que non vistas dunha maneira e acaba preguntando que roupa levabas e por que, se non querías que pasara o que pasou. Empeza co silencio cando un colega fai un comentario saído dos anos 50 e remata con outro silencio cando sabes como ese colega trata as mulleres.
Agora que hai caso contra Errejón, todo o mundo o sabía, sospeitaba ou algo cheiraba. A miña pregunta é: se xa o sabían, por que non dixeron nada? Por que ninguén di, ou fai, nada ata que xa é tarde para moitas? Case parece que Andrea Dworkin tiña razón cando se lle atribúe aquilo de que as mulleres somos propiedade privada para os homes de dereitas, e propiedade pública para os de esquerdas.
Por que os chistes, os comentarios, os gritos, as persecucións pola rúa e o acoso nos bares están aínda tan normalizados? Dende que somos pequenos escoitamos as mesmas cousas, ben sexa da boca dos nosos pais ou ben en películas e series: «Nenas, se un neno vos tira das coletas é porque lle gustades. Xa sabedes que eles maduran máis amodo, así que tedes que tolerarlles estes comportamentos ata que crezan» (pero nunca crecen). E para eles: «Nenos, se lle pedides saír a unha moza e di que non, está a facerse a difícil. Tedes que insistir e insistir ata que diga que si. Elas maduran máis axiña, así que son as que teñen que manter a calma fagades o que fagades».
Realmente crecemos máis rápido ou é que deixan de tratarnos coma cativas antes? Cantos anos tiñas ti, querida lectora, a primeira vez que alguén che dixo que a túa roupa era inapropiada, que puxeras un pantalón longo na túa casa porque viñan visitas, ou que tiñas que ter paciencia cos rapaces, que eles son así? Cantos anos tiñas ti, querido lector, a primeira vez que viches unha noticia sobre unha agresión sexual na que se analizaba cada detalle da vítima, dende a súa roupa ata a maneira na que se defendeu, pasando polo seu comportamento e o que bebera?
O problema non é illado. Non é cousa dunhas poucas mazás podres. Non se lle poderá poñer fin ata que asumamos que as accións de todos contan, e que non ser parte do problema non implica ser parte da solución. O único que o mal precisa para triunfar é que os bos non fagan nada.