«Colgarei a toga se é culpable»: así expoñen as súas estratexias os avogados dos presuntos asasinos de Samuel

A Coruña.- Cada vez que entran e saen da Audiencia Provincial da Coruña, un enxame de xornalistas armados de cámaras, móbiles e micros asaltan os avogados do caso Samuel, xusto antes de que cheguen á escalinata baixo o letreiro que preside a entrada do edificio e que reza: «Fabrica de Tabacos». Sucede que a sede do organismo xudicial está situada no que durante o século XIX e parte do XX foi factoría deses labores, e quen o rehabilitou hai unha década decidiu manter a súa antiga designación en letras de bronce sobre o muro.

Moitos dos xornalistas que cobren o xuízo, parte do público que asiste ás sesións e algún dos cinco avogados dos outros tantos acusados de matar a Samuel Luiz, son fumadores. E é habitual velos durante os recesos da vista co móbil pegado á orella ou comentando as últimas noticias do xuízo, cigarro en man no alto da escalinata baixo a citada lenda, convertida en photocall de medios desde que empezou o xuízo hai agora xustamente dúas semanas. Entón, ao comezo das sesións, os cinco letrados pediron a libre absolución dos seus clientes: Diego Montañana, Catherine Silva, Kaio Amaral Silva, Alejandro Míguez e Alejandro Freire.

As defensas basean as súas estratexias en defender que os seus clientes son inocentes dos delitos dos que os acusan –asasinato con saña e aleivosía coa agravante de homofobia nos dous primeiros casos e con roubo con violencia no caso de Kaio Amaral–, e por convencer os membros do xurado da inconsistencia das probas documentais e a falta de testemuños contundentes que apunten a que participaron activa e decisivamente no linchamento de Samuel. E de que non se tratou dun crime homófobo. O seu plan tamén descansa en subliñar a súa confianza persoal na súa inocencia, tanto dentro da sala de vistas como nas súas declaracións diarias aos medios.

«Colgo a toga se me equivoco». Luciano Prado del Río, defensor de Catherine Silva

«Colgo a toga se me equivoco», dixo o primeiro día Luciano Prado del Río, defensor de Catherine Silva, a única muller no banco e para quen as acusacións piden 25 anos de cárcere. Cando sucederon os feitos ela era a noiva de Diego Montaña, acusado de iniciar a brutal agresión contra Samuel, na súa presenza e co seu alento. Para el pídense outros 25 anos.

O avogado de Montaña, Luis Salgado Carbajales, sostén unha tese parecida á de Prado, como expuxo na súa alegación inicial o pasado 16 de outubro: «A miña intención non é enganalos. Se durante esta vista as probas me levan a concluír que Diego golpeou a Samuel coa intención de causar a súa morte, cambiarei a miña cualificación e a miña petición de absolución. Pero a vostedes correspóndelles ser xustos, non xusticieiros», reclamou o primeiro día apuntando directamente á conciencia dos xurados.

«O meu defendido non é un asasino»

O letrado de Alejandro Míguez –22 anos de cárcere–, José Manuel Ferreiro, incidiu ese día na mesma liña: «O meu defendido será un covarde, unha chea de lixo, merecerá o seu desprezo por non axudar a Samuel. Pero non é un asasino», sinalou.

Ás defensas preocúpalles o xuízo paralelo que poden padecer os acusados pola repercusión social do crime, espremido ata o extremo, pola súa brutalidade, nos faladoiros e debates que manexan os estados da opinión publica. E que, con toda lexitimidade, tratan de desmontar con argumentos xurídicos ante calquera intoxicación que poida afectar o veredicto do xurado.

Dous cámaras gravan imaxes dos acusados de asasinar a Samuel Luiz, este mércores na sala de vistas da Audiencia Provincial da Coruña

«A inocencia presúmese, non se proba», sinalou o avogado de Alejandro Freire –22 anos de prisión–, Diego Freire Rumbo, apelando ao máis obvio do dereito penal procesual. O de Kaio Amaral Silva –27 anos de reclusión– , José Ramón Sierra Sánchez, mesmo rememorou o caso de Dolores Vázquez, condenada en 2001 por un xurado popular polo asasinato de Rocío Wanninkhof e absolta posteriormente ao descubrirse, case por casualidade e grazas a unha certeira proba de ADN, o verdadeiro asasino. «Dolores era de Betanzos, moi preto de aquí», lembroulle Sierra ao xurado.

Os cinco avogados son penalistas expertos, e polo menos catro gozan de renome no mundo xudicial por participar en casos non tan mediáticos como o de Samuel, pero si soados na crónica negra da prensa local, rexional e estatal.

Defensor de «O Chicle»

Sierra foi defensor de José Enrique Abuín, o Chicle, condenado polo asasinato de Diana Quer en 2016 na Pobra do Caramiñal (A Coruña). Prado exerceu a acusación particular no de Jessica Méndez, asasinada en 2022 pola súa exparella na localidade de Verducido, en Barros (Pontevedra). Luis Salgado defendeu un dos acusados do coñecido como crime da Esmorga, en Ourense, pola morte en 2014 do cidadán romanés Alexandru Walter. Desde o pasado xaneiro, José Manuel Ferreiro representa kn mozo acusado de matar  o seu pai en Narón (Ferrol).

Nos recesos do xuízo pola morte de Samuel –este martes non os houbo, porque a xuíza decidiu dar un descanso ao xurado e suspendeu as sesións ata o mércores–, varios dos letrados comparten cigarro e momentos de animado círculo na escalinata de acceso á Audiencia Provincial, xusto baixo o letreiro da antiga fábirca de tabacos. Ou ben reparten a escote café con petisco nalgún dos bares dos arredores.

«A inocencia presúmese, non se proba». Diego Freire Rumbo, avogado de Alejandro Freire.

O fácil, desde fóra, é aventurar que están a intercambiar opinións sobre a declaración dalgunha testemuña, sobre as preguntas da fiscal e dos avogados das acusacións –que, por certo, non fuman–, ou sobre algunha das indicacións procesuais da xuíza.

É o fácil, porque tamén se pode intuír que baixo esa aparencia de bo ambiente descansan intereses opostos: os seus defendidos sinálanse entre eles como responsables do crime, e varias testemuñas presenciais, mesmo de parte, apuntan á culpabilidade duns cando tratan de exculpar outros. E apuntan a que a Samuel o mataron entre todos porque intuíron nel unha condición sexual que desprezaban.

A primeira folga feminista de Galicia

Hai case 167 anos, en decembro de 1857, na Fábrica de Tabacos da Coruña, onde hoxe ten a súa sede a Audiencia Provincial, armouse a primeira folga feminista de Galicia, unha das primeiras de España e espoleta do movemento sindical de mulleres traballadoras. Máis de 4.000 cigarreiras, moitas delas nenas menores de idade que nin sequera alcanzaban os 14 anos, acenderon toda a cidade coas súas protestas contra a explotación á que estaban sometidas, contra a precariedade das súas condicións e contra a mecanización que ameazaba os seus postos de traballo.

É imposible saír dun receso da vista oral do xuízo de Samuel e acender un cigarro baixo a choiva e o letreiro da antiga fábrica de tabacos sen lembralo, e sen preguntarse que opinaría el das cigarreias, ou como reaccionarían elas ante a súa morte.

Dá igual. Aínda que sexa o mesmo fume, o vento frío do outono coruñés leva ao mar as volutas azuis xunto ás palabras que os avogados defensores dos acusados de matar a Samuel expoñen cada día á entrada da Audiencia Provincial e na sala de vistas. «Son inocentes». Presuntamente. Pero fumar mata.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail