Abúsase moito do termo «histórico». No estado de grandilocuencia retórica, sobre todo política e informativa, cada día semella ser histórico. Ao que poderíamos responder coa retranca: «E todos os momentos son moi momentáneos». Mais o 19 de setembro deste ano 2023 é unha data que merece a consideración de histórica no eido do recoñecemento da diversidade cultural e da pluralidade lingüística no Estado español. A aprobación do uso das outras linguas oficiais no Congreso dos Deputados ten un alto valor simbólico, mais sobre todo representa o recoñecemento efectivo de que a esa diversidade corresponden uns dereitos e que os dereitos só existen cando poden exercerse. Viñamos dunha miraxe, por non chamarlle farsa. Nos discursos facíase louvanza, mesmo con fachenda, desa «riqueza». Mais na realidade a riqueza presentábase como unha eiva. E tiñamos uns magníficos dereitos lingüísticos, sempre que non se exerceran, co agravante de que o espazo onde máis se exhibía a prohibición era xustamente o da representación democrática de todos os cidadáns do estado. Cando cae o pano, vese que absurdo era o absurdo ¶ Hai aínda moito que avanzar nese proceso de civilización, que o vello ruedo ibérico sexa un hábitat plural exemplar fronte aos refachos de uniformidade estupefaciente. Proba da importancia do xiro cultural e cívico, desa revolución positiva na vida das linguas e das persoas que as falan, foi a reacción intempestiva e groseira dunha dereita malmandada. Unha enxurrada incomprensíbel, expulsiva, de falta de respecto ás linguas e ás persoas que as falan. Non é esta unha cuestión de ideoloxías, senón de educación ¶ Chegados aquí, nada mellor que a retranca popular, cando afea a brutalidade: «A ignorancia é o menor dos seus defectos». O preocupante nesta reacción alporizada é, sobre todo, o que ten de intolerancia e retroceso. En Galicia, agrávanse as circunstancias e o episodio ten a condición de disparate. Feijóo, que non sería ninguén sen o berce político galego, ameaza con enredar nos tribunais coa intención de fanar estes dereitos lingüísticos. Mesmo fixo chistes malhumorados rebaixando o traballo de interpretación a un karaoke. Unha banalidade infeliz. Non habería autonomía en Galicia, «nacionalidade histórica», como di a Constitución, sen a loita e mesmo a inmolación de xente que apostou a cabeza pola democracia e o autogoberno e o rexurdimento cultural. Pero a banalidade vén de derivar en esperpento: o Goberno de Galicia, empezando polo seu presidente, oponse a que se use o idioma galego no Congreso dos Deputados do Estado español. Un aldraxe que ten difícil comparación na historia universal dos desdouros, e que, de seguro, ficará inmortalizado en O libro negro da Lingua Galega ¶ No oficio de gobernar pode haber erros, imprevisións e torpezas. Mais este deslucimento gobernamental aleivoso pertence á categoría do inconcibíbel.¶ Galicia xa está fóra do réxime do karaoke, señor Feijóo, señor Rueda. Non temos que dicir que «Outra Galicia é posíbel». Esa outra Galicia xa existe. Non vive de prestado, nin de favoritismos. É un espazo cultural de resistencia afeito á emerxencia e ás adversidades. Mais tamén é un almeiro creativo extraordinario. Unha referencia universal de vangarda incesante. Velaí, como un dos moitos símbolos, a Cuncha de Ouro do Festival de Cinema de Donostia. Fiquen vostedes, a Xunta do Atraso, xogando a recuar. No cinema, la literatura, na música, nas artes todas, a Galicia creativa xa vai polo mundo na fura de diante e sen pedir permiso ¶