Ao longo dos tempos, nas guerras, un medio moi efectivo para derrotar o inimigo máis irredutíbel era danar ou destruír o seu hábitat. O que se denomina «violencia catastral». A case desaparición das oliveiras en Galicia, por exemplo, non é allea ás guerras polo poder dos feudos no período dos Reis Católicos, como non o foi a tala de grandes bosques atlánticos para armar o que sería a trapallada da chamada Armada Invencible. ¶ A estratexia de «terra queimada» foi, nalgún intre, sufrida nos conflitos do planeta enteiro. Os bombardeos químicos foron experimentados de xeito tristemente «pioneiro» pola aviación española en Marrocos, nos anos vinte. Logo, a aviación nazi experimentaría por vez primeira con napalm en Gernika, ao servizo dos militares españois «africanistas». Que dicir do bombardeo atómico en Hiroshima e Nagasaki, cando xa a guerra estaba sentenciada? Axentes químicos e napalm serían utilizados de xeito estarrecedor na guerra para someter o Vietnam por parte do exército dos Estados Unidos. Demoucar a natureza era un xeito de gañar unha guerra. ¶ Este relatorio de limiar sincopado ten por obxecto situarnos na gravísima dimensión do tempo que vivimos. Segue a haber guerras en non poucas partes do mundo, moitas silenciadas, como a do Sáhara Occidental, que tanto nos atinxe, mais tamén esa verba tan perigosa, «guerra», lévanos a un diagnóstico sobre o conxunto do planeta. Como definir o proceso que está a ocorrer na Terra enteira? Non hai un inimigo exterior, un imperio de alieníxenas, que estea a abanear, deforestar, desecar e envelenar o planeta como paso previo a domealo. Os alieníxenas da Terra somos nós, a especie depredatoria que dá nome a un período final de Mayday, de máxima emerxencia, o Antropoceno. Aínda que non falten parvos que estean preocupados por invasións nas que os alieníxenas son pobres inmigrantes (que veñen facer traballos que ninguén quere, como colleitar froitos ou coidar dos vellos), a guerra que todos vivimos é local e universal. Atinxe a todas as coordenadas, traspasa continentes e océanos. E non se mide só por temperaturas, aínda que un grao máis no termómetro equivale a moitos bombardeos. Por iso a denominación «cambio climático», a máis estendida, é reducionista, falsamente neutra. Máis preciso é falar de «quecemento global», pero tamén insuficiente. ¶ A suma de masivas emisións velenosas de CO2 na atmosfera, a deforestación dos pulmóns do planeta, a intoxicación química do chan, a infertilización dos fertilizantes e a adicción pesticida, o ecocidio incesante de especies, o espolio e ocupación de espazos salvaxes, a plastificación da vida, os monocultivos da bioperversidade, a brutal industrialización cárnica, mesmo o uso de falsas bandeiras ecolóxicas, como está a pasar en Galicia co omnipresente xigantismo eólico… A suma de todo isto ten un nome. E o verdadeiro nome é «guerra». ¶ Hai unha responsabilidade colectiva, mais a resposta a esa emerxencia non se dará se non se cantan as corenta e se transforma o sistema. A culpabilización por igual de todos nesta desfeita é unha distracción inmoral que só leva á inacción e parálise. Temos que darlle unha volta revolucionaria á relación entre nós, como individuos e comunidades: un modelo máis colaborativo e participativo, máis xusto, máis honesto. E a un tempo, temos que asinar a paz coa natureza. Parar esta violencia, esta agresión, esta guerra. Gobernar é tomar decisións. ¶ Non se pode manter este modelo de «crecemento» imparábel, á marxe do aforro enerxético e da eficacia comunal. Necesitamos unha nova abundancia: a abundancia solidaria. Quen non queira asumir esta responsabilidade, mellor que vaia gobernar a Marte.