Gustavo Pernas Cora, un dos dramaturgos galegos máis prolíficos e máis premiados, un dos actores máis dotados da escena galega e unha das mellores persoas dese ámbito, morreu a mañá do 28 de outubro.
Queremos recordalo tal e como el se definiu no Retrovisor da Luzes 32:
1966. Aínda levo dentro o neno que fun neste instante. Sobre a cama dos meus pais, onde nacera seis anos antes coa axuda de Amparo, a comadroa, con cinco quilos e medio de peso e unha mala dixestión para a miña nai, na sobremesa dun 26 de novembro.
Aquí aparezo tombado sobre unha colcha vermella e sedosa, coas pernas cruzadas en alto, non sei se para non manchar cos zapatos ou para compoñer o personaxe. Miro sen pudor á cámara que sostén a miña curmá arxentina, Ester, cos ollos asombrados, as cellas en arco rozando os flocos de pelo que me caen sobre a fronte, nun corte inequívoco dos 60.
A man termando do queixo, o sorriso pícaro… Semella que ando imitando o home que logo sería, observador e escéptico, un pouco intelectual e bastante pallaso, capaz de rir de si mesmo.