Unha paciente de 72 anos do CHUS terá que agardar máis de cinco meses por unha consulta que debera tardar 15 días

A Coruña.- Unha paciente de 72 anos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) cumpriu este martes 138 días agardando por unha consulta preferente na unidade de columna vertebral do servizo de traumatoloxía do centro, malia que a normativa vixente obrigaba ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) da Xunta a proporcionarlla nun prazo máximo de 15 días.

A muller, que padece unha doenza lumbar dolorosa e incapacitante e que recibiu recentemente quimioterapia e tratamento con inmunosupresores por un proceso oncohematolóxico, presentou dúas reclamacións ante a oficina de atención á cidadanía do hospital, outra ante a xerencia da área sanitaria de Santiago do Sergas e unha cuarta ante a Valedoría do Pobo –o Defensor do Pobo en Galicia–. Non tivo éxito ata que a Asociación de Pacientes e Usuarias do CHUS denunciou a súa situación o pasado luns. O Sergas chamouna poucas horas despois para informala de que o especialista a atenderá o vindeiro 19 de outubro. Pasarían máis de 160 días, é dicir, máis de cinco meses e máis de dez veces o prazo máximo legal. «É un claro exemplo da realidade que levamos anos denunciando», di a asociación. «O Sergas está normalizando demoras asistenciais ilegais e inaceptables».

A paciente foi intervida en 2020 por unha doenza grave de columna e, segundo a asociación, nos últimos meses experimentou un empeoramento e un aumento progresivo e constante da dor. O 11 de maio foi derivada polo médico de atención primaria a unha consulta externa preferente para analizar os resultados dunha proba radiolóxica que se demorou ademais ata o 6 de xullo e da que non foi informada ata unha semana despois. Cando acudiu ao servizo de cita previa, asegura a asociación, recibiu verbalmente a comunicación de que aínda non podían darlla e de que a previsión podía superar os 500 días. A orde que regula a xestión destas consultas, que data de 2004, establece que as derivacións preferentes deben atenderse nun máximo de 15 días desde a súa entrada no rexistro.

Vista aérea do Hospital Clínico de Santiago / Foto: Sergas

A afectada presentou durante o verán dúas reclamacións formais ante o CHUS. Segundo a documentación facilitada pola asociación, o servizo de atención á cidadanía non respondeu ata setembro limitándose a sinalar que «a asignación de citas se efectúa conforme a criterios de priorización clínica» e que a atención da paciente estaba «garantida». A Asociación de Pacientes e Usuarias sostén que esas respostas nin explican as circunstancias concretas do caso, nin ofrecen unha previsión de atención, nin información sobre a posición da paciente no rexistro de persoas en espera, como sería preceptivo. Tamén cuestiona que a proba radiolóxica e a consulta para valorar os seus resultados non se coordinaran de maneira que permitisen completar o proceso asistencial nun prazo razoable.

Vulnerabilidade

A filla da paciente, que pediu manter o seu anonimato, describiu a Luzes-Público a situación de especial vulnerabilidade na que se atopa a súa nai pola dor e as limitacións físicas que sofre. «Esperta polas mañás sen saber se vai poder levantarse porque lle fallan as pernas e as costas», explica. Á incerteza sobre a evolución do seu problema lumbar engádese, explica, o temor de que a demora poida afectar o seu proceso oncohematolóxico. «E se esta espera e a dor condicionan a longo prazo a evolución da miña doenza oncolóxica? Vou ter que gastar os cartos que non teño para que me vexa un especialista privado?», preguntoulle a paciente á súa filla. A muller, engade ela, «ten a sensación de que o sistema a desafiuzou e abandonou».

A asociación enviou a súa nota de prensa sobre o caso o pasado luns ás 20.00 horas. Ao día seguinte, martes, ao mediodía, o servizo de atención ao paciente do CHUS telefonou á muller para comunicarlle que tiña unha cita co especialista o 19 de outubro, segundo confirmou a familia. A chamada, polo tanto, produciuse menos de 24 horas despois da difusión pública do caso. A filla considera «incomprensible» que as reclamacións presentadas polas canles oficiais non serviran para obter unha data de atención e que, en cambio, a paciente recibira a cita despois de que se fixera pública a súa situación. «O da miña nai é só un caso de entre centos, seguro que os hai máis graves. Pero alguén ten que dar a cara para que non acabemos normalizando estas situacións», sostén.

«O Sergas está normalizando demoras asistenciais ilegais e inaceptables» (Asociación de Pacientes e Usuarias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago)

O Sergas non respondera ao peche desta edición ás preguntas formuladas o martes por este xornal sobre por que non se atendera antes a reclamación da paciente pero se lle asignara cita en menos de 24 horas desde que a asociación difundiu o caso; se existe algún criterio, protocolo ou instrución para atender as reclamacións relacionadas co cumprimento dos prazos legais cando existe risco de que casos similares transcendan publicamente; e se hai máis pacientes nunha situación semellante. A Asociación de Pacientes e Usuarias considera que o ocorrido reflicte un problema estrutural das listas de agarda e reclama que se garantan os dereitos recoñecidos aos pacientes.

Os últimos datos publicados polo Sergas sobre as listas de agarda dos seus hospitais, correspondentes a xaneiro deste ano, rexistraban máis de 9.500 persoas pendentes dunha consulta de especialista en traumatoloxía do CHUS, cunha demora media de 57,7 días. Eses datos publícanse con carácter semestral, pero o informe que debería recoller a situación a 1 de xullo aínda non foi difundido. Luzes-Público preguntou hai semanas á xerencia do Sergas cando prevé publicar esa actualización, sen resposta ata o momento.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail