Caciques, falanxistas e banqueiros: así se tramaron co diñeiro dos emigrantes as redes clientelares de Ourense

A Coruña.- Os caciques que durante décadas construíron as redes clientelares que aínda hoxe dominan a provincia de Ourense financiáronse e enriqueceron co diñeiro de miles de traballadores e traballadoras que se viron obrigados a emigrar durante o franquismo por motivos políticos e económicos.

Caixa Ourense, a caixa que naceu a principios dos anos 30 do século pasado vinculada á Deputación Provincial, foi a ferramenta que esas elites empregaron durante a guerra, a posguerra, a ditadura, a transición e os primeiros anos da democracia para promover ese transvasamento de rendas e para cimentar con diñeiro dos aforradores o poder que a dereita conservadora da provincia segue mantendo na actualidade.

Cóntao o historiador Félix García Yáñez en Caixa Ourense (1933-1999), sete décadas de aforro popular provincial, un documentado ensaio de investigación publicado en galego por Alternativas Económicas que se le a ritmo de novela e que explica a intrahistoria do fenómeno. «Pregunteime onde fora a parar o diñeiro dos emigrantes. De aí xurdiu o libro», conta o autor.

Durante a década dos anos 60, cando en España se iniciaba a era do desenvolvismo, o 56% da poboación de Ourense con idades comprendidas entre os 18 e os 40 anos tivo que emigrar a outros países, principalmente en Europa e en América, pola falta de oportunidades para prosperar na súa propia terra. A inmensa maioría deses exiliados económicos destinou o que aforraba na emigración para abrir depósitos e contas en Caixa Ourense. Moitas delas en divisas, que o réxime franquista impulsaba porque necesitaba moeda estranxeira tras o fracaso da etapa de autarquía na que instalou ao Estado tras a guerra civil.

Instrumento das elites burguesas

A entidade foi fundada en 1933, durante a segunda república, como instrumento das elites burguesas para canalizar o aforro local e tentar que revertese na provincia a través da súa obra social e de proxectos económicos de promoción propia. A partir de 1936, con todo, ese diñeiro só serviu para financiar os gastos de guerra do Goberno de Burgos, primeiro, e despois ao franquismo, que manexaba a caixa a través de persoas vinculadas directamente á Falanxe e o réxime, que obrigou por lei a que o presidente do seu consello de administración fose o presidente da Deputación. Aos vogais tamén se lles esixía unha firme vinculación co Movemento.

Portada do libro de Félix García Yáñez sobre Caixa Ourense

A principios dos anos setenta, en España había 87 caixas de aforro. Caixa Ourense xa era a segunda en depósitos en divisas procedentes do estranxeiro, tras unha década de agresivas estratexias comerciais que a levaron a enviar empregados a países como Francia, Bélxica, Holanda, Suíza e Alemaña, para captar clientes nas cidades receptoras de migrantes ourensáns.

En 1970, a entidade xa era a segunda en saldo medio por conta corrente de todas as de España. O réxime facilitaba o seu traballo a través do Instituto Español de Emigración, creado en 1956 para apoiar e planificar o éxodo dos compatriotas máis desfavorecidos de cuxas gananacias no estranxeiro queríase aproveitar.

«Caixa Ourense foi fundamental para o sustento das redes clientelares da provincia», continúa García Yáñez. Baixo a dirección de Ricardo Martín Esperanza, unha figura chave na historia da caixa, a entidade consolidou nos 60 e o 70 un tupido armazón de investimentos en empresas e industrias, comprou e promoveu instalacións hostaleiras, implicouse no sector da construción e abriu sucursais en municipios de toda a provincia.

Alcaldes franquistas directores de sucursais

«Os directores desas oficinas eran os alcaldes da Vila ou representantes destacados do poder franquista», lembra o autor. «Foron colocando na entidade os seus fillos, a familiares e amigos, eran os que decidían que préstamos se concedían e en que condicións, o que lles permitiu ir tecendo aos poucos esa rede de favores».

Boa parte do libro de García Yáñez está dedicado a contar a infinidade de desfalcos cometidos por eses directores e de casos de corrupción que motivaron en varias ocasións a intervención do Banco de España. A maioría dos responsables, protexidos polo réxime a través das mafias clientelares que eles mesmos crearan, nin sequera recibiron castigo por iso, máis aló dun traslado de sucursal ou de obrigalos supostamente a devolver o diñeiro facilitándolles préstamos brandos da propia caixa. «Unha estratexia parecida á que logo usou a igrexa católica con cúralos pederastas», ironiza o autor.

Juan Carlos de Borbón indultou en 1982 ao exdirector xeral da caixa, Martín Esperanza, condenado a 15 anos de cárcere por corrupción

O propio Martín Esperanza, condenado en 1981 polo Tribunal Supremo a 15 anos de cárcere por varios delitos de malversación e estafa, tras anos de falsear as contas do banco, de apropiarse indebidamente de diñeiro da entidade e de tapar os escándalos dos delegados que nomeaba, foi indultado en 1982 por Juan Carlos de Borbón coa intermediación de Pío Cabanillas, exministro con Franco e por entón ministro de Xustiza no Goberno de UCD. Tres anos antes, a entidade entrara en quebra técnica. Un dos fillos de Cabanillas, Pío Cabanillas Alonso, acabaría sendo ministro portavoz do Executivo de José María Aznar.

Caixa Ourense deixou de existir en 1999, cando a Xunta de Manuel Fraga promoveu a súa fusión con Caixavigo e Caixa Pontevedra para crear Caixanova. Por entón o seu secretario xeral era José Luis Baltar, presidente da Deputación e do PP provincial, cargos que logo deixaría en herdanza ao seu fillo Manuel.

Abanca

O seu outro vástago, José Luis, tamén o colocaba nun posto de dirección na entidade, que logo, e polas presións da Xunta de Alberto Núñez Feijóo, acabaría uníndose a Caixa Galicia para conformar Nova Galicia Banco, que tivo que ser rescatada da quebra con diñeiro público e, logo, vendida ao empresario venezolano Juan Carlos Escotet, que rebautizó ao conglomerado como Abanca, nome que mantén na actualidade.

En maio de 2023, Luzes-Público desvelou as mensaxes e os audios nos que José Luis Baltar fillo recoñecía as mordidas que o seu irmán e el cobraban aos contratistas da Deputación, que a súa familia dominou durante máis de tres décadas. Nun deles refírese de maneira irónica a unha nota interna da entidade sobre a ampliación das normas do seu código ético. «Código anticorrupción, estes fillos de puta van a por min, quérenme botar!», dicía entre risas José Luis ao seu interlocutor.

A partir de 1999 e tras a desaparición da caixa, a Deputación do PP da familia Baltar tamén herdou o dominio das tramas clientelares de Ourense, converteuse o principal empregador de persoas afíns ao partido ou familiares dos seus membros destacados, e no núcleo irradiador de favores políticos e económicos das elites ouresanas. O actual presidente da Deputación, o popular Luis Menor, exsenador e alcalde de Pereiro de Aguiar desde fai cinco anos, móvese con dificultades nese armazón sen que de momento mostrase síntomas de que ten intención de desmontalo.

Feijóo e Baltar pai, nun mitin en Ourense nunha imaxe de arquivo / Fuente: losgenoveses.net

A pesar de que os seus emigrantes enviaron durante décadas inxentes cantidades de diñeiro a España, en divisas coas que o Estado puido saír da autarquía e financiar o desenvolvismo franquista, e de que contaba cunha caixa propia que podería sufragar o seu desenvolvemento económico, Ourense segue sendo hoxe una das provincias máis pobres de España. Por poñer un exemplo, é a segunda provincia coas pensións de xubilación máis baixas do Estado: 1.032 euros ao mes, 400 menos que a media. «Os anos 60 e 70 foron dúas décadas perdidas nas que se puido promover a industrialización de Ourense. Había diñeiro, moito diñeiro para financiala. Pero non se fixo», conclúe García Yánez.

A crise financeira iniciada en 2008 derivou na desaparición das caixas, que contaban «cun profundo arraigamento entre as clases medias, profesionais e traballadoras e que chegaron a administrar máis da metade do aforro cidadán» no Estado. «Das 46 existentes fai oito anos xa só quedan dúas pequenas entidades», lembra o xornalista Andreu Missé, fundador de Alternativas Económicas, no prólogo do ensaio. «Sabemos moi pouco dos motivos de fondo de todo ese proceso de liquidación», engade Missé, para quen a meticulosa e prolija investigación de García Yánez permite «entender as raíces dese particular aspecto da crise financeira española» e alertar para que prácticas como as que desvela non se repitan no futuro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail