Andaina: corenta anos de pensamento feminista

«Andaina» ten catro acepcións no dicionario da Real Academia Galega. É un «camiño que se anda», ou o «tempo que se tarda en percorrer un traxecto». Tamén é unha «etapa» ou a «actividade de que alguén se ocupa». Durante 41 anos, a revista Andaina foi todas esas cousas, e máis.

Agora lanzan o que será o seu derradeiro número en físico. É a fin dun camiño que comezou en 1983 de forma case artesanal. «Lémbronos nun bar montando a revista, as páxinas chegadas da imprenta, pregando e dobrando…» recorda Nanina Santos Castroviejo, primeira directora da revista e cofundadora da Asociación Galega da Muller (AGM).

Pasaron catro décadas dende ese momento pero hoxe, sentada noutro bar en Santiago de Compostela, Nanina Santos lembra perfectamente cales foron os obxectivos de crear unha revista galega de pensamento feminista: para escribir, denunciar e formular algo de teoría. «Era moi importante para nós ser capaces de poñer iso na rúa», afirma.

«Iso» era o primeiro número da revista: doce páxinas brancas grampadas con letras e imaxes violetas que comeza coa pregunta «¿Por que esta revista?». Dicía así: «Nesta realidade xurde esta revista, cecáis a contracorrente, pro por iso máis necesaria que nunca. Porque se non somos nós as que levantamos a voz pra denunciar a situación da muller, ninguén o fará por nós».

Coordinar o traballo feminista

Dende entón mudaron moitas cousas. Unha delas, o nome da publicación. Nunha primeira etapa, ligada á AGM, eran a Revista do Movimento Feminista Galego. «Era un título algo presuntuoso», bromea Nanina Santos. «Pretendiamos naquel momento coordinar o traballo feminista que había en Galicia».

«A montaxe da revista comezou nun bar de Santiago, coas páxinas chegadas da imprenta, pregando e dobrando» (Nanina Santos)

Neses primeiros pasos, entre 1983 e 1991, os seus contidos tiñan que ver «coas estratexias, críticas e accións das mulleres integradas nos diferentes grupos e colectivos con actividade en Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense, Vigo, Arousa e Pontevedra que na década de 1980 deron en conformar unha rede de relacións coñecida como Coordinadora Nacional de Organizacións Feministas», tal e como apunta o Consello da Cultura Galega. Organismo que define esta revista como un «referente documental do movemento e debates feministas».

Naceu así esta publicación ilustrada e escrita integramente en galego. «Veredes que o esforzo polo uso do galego ten estado sempre aí», escribían as autoras no seu 25 aniversario, no ano 2008. «Con grallas, con erros, con faltas, coas liortas das normativas. Sempre na lingua, coa lingua e coas letras».

Na galería Sargadelos de Santiago, na celebración dos 30 anos de percorrido da publicación.

A partir de 1991 e ata hoxe, pasaron a ser a a Revista Galega de Pensamento Feminista. Baixo ese título acaban de publicar o número 73, que será o derradeiro en papel. É en realidade o número 100 de todos os que levan feitos, se contamos tamén coa primeira etapa.

Un número que, de novo, ofrece un editorial para comezar. Ou para despedirse. «É difícil escribir o que a seguir vén. Vimos ranqueando dende hai un tempo (…) Todo é amateur, voluntario, sen compensación económica ningunha e, sendo así, parece milagroso que teñamos chegado ata aquí. Por se iso fose pouco, as nosas vidas de mulleres vense atravesadas por continxencias de importancia como a saúde, os coidados da xente dependente ou a precariedade hoxe tan abafante en boa parte dos traballos, en particular da xente máis nova. Este ranqueo é xa un chisco agoniante e parécenos que é mellor deixar de facer a Andaina: Revista Galega de Pensamento Feminista, malia a tristura que nos dá».

Non foi unha decisión doada e non todas estaban de acordo, pero «mellor un final feliz ca unha agonía», resume Nanina Santos.

Débeda moral

Xunto a ela están sentadas dúas vellas compañeiras de andainas: Laura Gómez Lorenzo e Patricia Arias Chachero, ambas integrantes do consello de redacción. Esta última asegura que, aínda que poida parecer mentira, parar de publicar non se debe a unha cuestión de cartos: «Neste momento non temos un problema económico, pero temos unha débeda moral coas nosas subscritoras, porque non estamos cumprindo con aquelo que pactamos con elas que iamos facer. E non o estamos facendo porque non podemos».

Coincide con ela Laura Gómez, que lembra que sacar adiante unha revista supón «un esforzo considerable». «Ultimamente viamos que sacar un número nos estaba custando… así que pensamos que igual era o momento de parar e continuar escribindo en redes e participando en debate, pero tamén pechar esta etapa. Unha etapa longa, porque foron 40 anos», explica.

Como escriben no derradeiro editorial: «non queremos abandonar de todo». No texto explican que as súas forzas aínda «teñen faena en debates, estudo, denuncias e participación en mobilizacións e denuncias» e para seguir atopándose en espazos virtuais e presenciais. Teñen planeado renovar a súa páxina web e aseguran que van seguir escribindo en dixital.

Varias portadas e destaques da evolución gráfica da revista Andaina dende a súa fundación. Abaixo desta serie, a portada do libro dos relatorios das xornadas «Prostitución a debate» organizadas pola revista e celebradas os días 3 e 6 de novembro de 2004 no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.


Ademais do editorial, neste derradeiro número hai unha vintena de artigos que falan sobre alianzas feministas, consentimento, pornografía, muralistas, Inditex, Gaza, o Sindicato Labrego, fútbol feminino, artigos sobre libros, películas… Os temas van cambiando pero non se afastan tanto dos daquela primeira publicación: divorcio, a muller no cine, violacións, lesbianas…
«Volven os vellos temas na actualidade, con matices e avances», opina Laura Gómez, que engade: «Por suposto que hai avances no eido feminista e dos dereitos das mulleres, pero seguen os mesmos temas polémicos». Polémicas foron tamén algunhas das súas portadas, artigos, ou o número que trataba sobre sexo; pero ese era o punto. Di esta membro da revista que «Andaina sempre foi moi provocadora tanto nos textos como nas imaxes. Era parte tamén da intención de suscitar diálogo social».

Valentía e novidade

Isto foi o que máis chamou a atención de Patricia Arias, que destaca «a valentía e a novidade» desta publicación feita en galego e por mulleres, que non só para mulleres. Lembra perfectamente canto lle marcou o primeiro número, que descubriu algúns anos despois da súa publicación. «A min impresionoume moito esa revista inicial, onde aparecía o corpo dunha muller que fora violada e estaba toda mazada», recorda.

Refírese a dúas páxinas que inclúen unha entrevista, fotos e un texto que empeza literalmente así: «Para explicar o que nós, as mulleres, entendemos por violación non nos vale ir ao que di o Código Penal, nin tampouco nos vale o que sobre o tema escriben señores sabios. Somos nós, apaleadas, agredidas, violadas as únecas que temos direito a decir o que é. Chega para isto falar das experiencias vividas».

Conta Patricia Arias que ela coñeceu ese primeiro número preparando o 25 aniversario. «Fun unha das escollidas para facer unha escolma de artigos e de repente me cargaron no meu coche un montón de caixas con exemplares de AndainaAndaina ten moitos anos e ocupa fisicamente moito espazo… Eu cheguei a casa, saquei todo, e recordo que cando atopei iso, de aparencia así humilde, feito de maneira bastante artesanal, aínda non entendo como conseguían facelo… aínda estaba moi lonxe o mundo da informática. Impresionoume a aparencia pero, sobre todo, o contido». Un contido que sacaba adiante, até o remate, un equipo de mulleres de entre 23 e 73 anos. Perfís, ocupacións e ámbitos profesionais moi variados. «É como o camarote dos Irmáns Marx», ri Nanina Santos. «Pero porque hai esa creatividade, que ás veces pode parecer caótica. Pero en realidade ese é o principio da orde!», argumenta Laura Gómez.

Ademais dos artigos en versión papel e dixital, algúns dos cales se poden consultar en na súa web (www.andainamulleres.gal/wordpress), ao longo destas catro décadas organizaron exposicións ou encontros como o MUFEST, o festival de cine feito por mulleres. Tamén publicaron números monográficos, como o de 1989, que cun prezo de 200 pesetas facía un percorrido polos oitos de marzo dende 1977.

«Mulleres Senlleiras»

Coñecida é tamén a súa sección de «Mulleres Senlleiras», onde «non están todas as que son, pero son todas as que están», escriben. E están A papisa Xoana, As Marías, Hannah Arendt, Isabel Zendal, Luísa Villalta, Emilia Pardo Bazán, Victoria Ocampo, María Casares, Susan Sontag, Rosa Parks e moitas outras acompañadas dunha pequena biografía. De novo, con letras violetas sobre fondo branco, a paleta cromática que caracteriza a revista.

Arriba, durante o primeiro MUFEST (Festival de cinema feito por mulleres) en Santiago de Compostela (2009) coa mesa redonda «Facémonos ver?», con Anna Anoros, Carmen Rábade e Marta Piñeiro, modera Patricia Arias Chachero. Debaixo, en apoio ao Xabarín Club, nos anos 2000. Logo, imaxe da xornada «Media laranxa? Non, laranxas enteiras», no Auditorio de Galicia. Abaixo, homenaxe a Lidia Senra na Gentalha do Pichel, no ano 2009.

Nunca gozaron de apoios institucionais, «excepto no goberno bipartito galego, co Servizo Galego de Igualdade». «Pretendemos unha calidade –conta Nanina Santos– e pretendemos ter as bocas capaces de dicir o que queremos dicir, sen que ninguén nos corte nin nos coarte, porque unha vez que te metes no mundo das subvencións, as limitacións se presentan decontado». A súa compañeira, Laura Gómez, coincide: «esa precariedade de medios en certos momentos, tamén nos deu moita liberdade».

«Pretendemos ter as bocas capaces de dicir o que queremos dicir, sen que ninguén nos corte nin nos coarte»

Cren tamén que unha parte da loita feminista arrimouse ás institucións. Sobre ese «feminismo maioritario», di Nanina Santos: «Ignóranos de boca para fóra, porque si len e si se fornecen teoricamente de cousas que escribimos en Andaina, pero non se nos felicita ou se nos visibiliza». «Parece que se institucionalizou o feminismo, pero non o pensamento feminista, que aí é onde máis avogamos por ese diálogo», opina Laura Gómez, quen aclara que o que fan dende Andaina «non se trata só de activismo, é pensamento».

Houbo momentos nos que si pasaron apuros económicos. En 2013, no seu 30 aniversario, pensaron que terían que parar a revista en papel. «Era o mesmo problema que agora pero sumábase que non tiñamos o diñeiro», conta Patricia Arias. Entón organizaron unha cea e unha poxa con obxectos como traxes de Concha Losada ou a famosa foto de Xurxo Lobato do Prestige. «Iso foi bonito», lembra. A revista en papel resistiu aínda once anos máis.

Agora si remata esa etapa, a de Andaina escrita en papel, non así no dixital. Pero ese activismo e pensamento non morre aínda. Quédalle tempo para envellecer. «Parece que o envellecemento vai asociado a un conservadorismo, pero no noso caso para nada», ri Nanina Santos. «É importante envellecer mantendo a rebeldía».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail