Os que non contan

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

En Berlín, un de cada tres cidadáns non é alemán. Un terzo da poboación de Berlín non ten pasaporte teutónico, nin dereito a voto nas eleccións nacionais. Como europeo, tes dereito a votar localmente, só uns meses despois de rexistrarte.

Pero como o Berliner Zeitung publicou a pasada fin de semana, no barrio berlinés/neoiorquino de Mitte, o 36% dos residentes non teñen dereito a votar a nivel nacional e o 24% non pode votar nas eleccións locais. Segundo o mesmo xornal, o 14% da poboación alemá, uns 9,7 millóns de residentes, non ten dereito a voto. (Noutras palabras, o equivalente a toda a poboación de Galicia e Cataluña non pode votar).

Para votar tes que ser cidadán alemán e este país só recoñece unha nacionalidade única ou dobre, se é a dun país europeo. Os Verdes, a Esquerda, o SPD e o FDP apoian a idea de cambiar o proceso de naturalización. Case 10 millóns de persoas, algunhas con máis de vinte ou trinta anos no país, néganse a adquirir a nacionalidade porque perderían a do seu país de nacemento. Eses 10 millóns non votaron o pasado domingo.

Partidos conservadores como CDU e CDS non teñen claro este asunto, mentres que a á dereita, por suposto, oponse ferozmente a outorgar o dereito a voto a alguén que non sexa ario. Se levas décadas vivindo nun país, pagas impostos e falas o idioma, pero non tes pasaporte nin tes dereito a opinar do goberno dese país, es un cidadán invisibilizado politicamente, dobremente incontable, porque os teus criterios non se poden contar nin tampouco contan. En Berlín fálase inglés, castelán, turco, etc. e tamén alemán. Cada barrio ten un alcalde dun partido que goberna ese distrito e nas últimas eleccións puiden votar a nivel local.

Ese voto forma parte da asemblea local ou do Bezirksverordnetenversammlung (BVV), unha das moitas palabras impronunciables nese idioma. Hai uns días unha amiga berlinesa riu dos meus esforzos coa condenada palabra, chanceando con que para ser cidadán alemán só se debería poder dicir esa palabra, e xa está. En Friedrichshain, un barrio do Leste, aínda adornado por vestixios da DDR, con rúas con nome de comunistas e espías e atravesadas pola que foi Stalin Allee e logo Karl-Marx Allee, un barrio famoso polo seu antifascismo e onde gobernan os verdes, cando despois de máis dunha hora de espera, entrei na miña escola electoral (que é literalmente unha escola, a escola Jane Addams, en honra da sufraxista) e mostrei o meu pasaporte, o home da mesa berroulle á súa parella coma se cantase un bingo: Wir haben einen BVV! (Temos un BVV!) Ao que ela respondeu sorrindo, en perfecta coreografía: Nur ein Stimmzettel! (Só unha papeleta!) Parecéronme felices e emocionados de que alguén sen cidadanía alemá viñera votar polo seu barrio.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail