Menos «burbullas» educativas e máis obradoiros de vida

Canto custa a «liberdade de ensino» da Princesa Leonor? Segundo a Casa Real, os dous cursos, de 2021 a 2023, no Atlantic College de Gales, teñen un prezo de 76.500 euros. Aclárase nas informacións que esta cantidade estará a cargo da «asignación real». Este ano, a familia real percibirá medio millón de euros. É dicir, págase unha cuantiosa elección privada con diñeiro público. Tal como están as cousas, semella que o único xeito de abordar os asuntos referentes á monarquía española é o que no Movemento Pánico, de Topor e Arrabal, chamaban «humor morado». Todo ocorre como unha malleira humillante, pero, iso si, fartámonos a rir. Así que imos aforrar chistes menores, á espera histórica de que unha gran gargallada colectiva faga abanear un sistema esperpéntico. ¶ Mentres tanto, vivamos no paradoxo. ¶  Ademais do quiñón público para pagar un colexio privado, o caso Princesa Leonor é un paradigma do paradoxo «patriótico» no que viven as elites hispanas. Moito pau de bandeira no visíbel, e moita evasión no invisíbel. Evasión no sentido fiscal, mais tamén como escapismo da realidade. É o que ten o retro-populismo: adular a un pobo ao que, no fondo, se despreza. Do que cómpre manterse afastado, agás que veña con cofia ou como gardacostas. Hai quen pode entender que o caso da infanta é excepcional, ao igual que o sangue azul, pero xustamente cómpre darlle importancia porque non é excepcional. O problema do ensino no Estado español non é a «libre elección de centro» ou a «liberdade dos pais para escoller a educación dos fillos», como nos levan barullando durante décadas. O principal problema da educación en España é a desigualdade, o clasismo e unha variante morna de apartheid dende a primeira infancia. ¶ A desigualdade é algo que a pandemia puxo aínda máis en evidencia. Moita xente nas escolas públicas non tiña medios tecnolóxicos nin hábitat para o ensino non presencial.  Pero a desigualdade non é un problema que atinxa soamente as nenas e nenos con menos recursos nin a quen se eduque na escola pública. A desigualdade afecta e prexudica a todos os estudantes e o sistema educativo, tamén a quen elixe os centros «concertados» e os colexios de pago. Meter un neno ou nena nunha «burbulla» elitista é subtraerlle o coñecemento máis importante: o da realidade, o da diferenza e a complexidade social. A idade escolar pode ser o único tempo e espazo onde as persoas, con independencia do berce, poden coñecerse e recoñecerse, aprender e xogar xuntas, experimentar a axuda mutua. ¶ Porque hai un dilema central que se obvia adrede: entendemos a escola como un obradoiro da vida ou como un laboratorio selectivo e lanzadeira «espacial» clasista? ¶ Neste sentido, privatizar non significa máis liberdade, senón máis privación. Non necesitamos máis «burbullas» nin fronteiras sociais. Necesitamos máis comunidade. Canto máis se reforce o ensino público, mellor será a educación e tamén a sociedade.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail