S02E01: Beleza

Coincidindo co Día Mundial do Podcasting, as Womansplainers subimos o primeiro episodio desta segunda tempada e estreámonos en luzes.gal

No episodio estivemos a discutir coa escritora Antía Yáñez sobre BELEZA. Falamos con ela sobre os cánones con que medramos, desde a extrema delgadez das actrices das series dos 90 aos peitos enormes -e con frecuencia artificiais- de Baywatch e as presentadoras de televisión daquela época. Debatimos tamén co noso público do Twitch sobre se os rostros e os corpos que vemos no audiovisual actual son realmente cada vez máis diversos ou están pola contra cada vez máis homoxeneizados.

Preguntámonos por que segue a haber dobres estándares nas expectativas do aspecto dos homes e das mulleres e se os avances que se están a facer neste sentido van na dirección de ampliar a opresión en vez da liberdade. Tentamos dar algunha resposta a outras preguntas complexas: É posíbel empoderarse a través da propia beleza? Estamos máis libres da presión estética aquelas que non cobramos por ser guapas? Pode unha empresa que vive de vender cosméticos ser verdadeiramente body-positive? E o que todas as nosas ouvintes devecedes por saber: Como é medrar coas expectativas de ser a filla de Miss Padrón?

As Womansplainers S02E01 – Beleza

Coa desculpa do inicio de tempada fixemos o episodio ao vivo no Twitch, conque desta volta vai por partida dobre, porque tamén imos ter vídeo.

E lembrade, como xa dixemos, que é o día do podcasting e que en Podgalego tedes moitos máis podcast en galego

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail