O TSXG avala a decisión do Goberno de prohibir a manifestación da CIG no Foro da Toxa

Os xuíces consideran que a concentración contra as eléctricas e os bancos na illa coincidindo coa presenza nela dos presidentes de Abanca e Iberdrola produciría «alteración da orde pública con perigo para persoas e bens».

A Coruña.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou o recurso presentado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) contra a negativa da Subdelegación do Goberno en Pontevedra a autorizar unha manifestación convocada polo sindicato para este venres, 1 de outubro, no Foro da Toxa, que se clausura ese día na illa.

Os xuíces consideran que o itinerario previsto para a concentración «produciría, con toda certeza, alteración da orde pública con perigo para persoas e bens». Pola súa banda, a CIG estima que a sentenza supón «unha vulneración de dereitos fundamentais» e considera «indignante que se impida a mobilización da clase traballadora mentres se permiten actos de exaltación fascista».

A CIG informou esta semana á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, que dirixe María del Carmen Larriba García, de que ía celebrar unha manifestación na Toxa contra o peche de oficinas bancarias e contra a subida dos prezos da luz, coincidindo coa celebración da última xornada do III Foro da Toxa, organizado polo ex ministro de José María Aznar e ex presidente de Vueling, Josep Piqué.

Ese día está previsto que presenten senllos relatorios o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, cuxa entidade deixou sen oficinas bancarias a numerosos municipios de Galicia, e o de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, cuxa empresa é, a xuízo da CIG, «unha da responsables da alza imparable dos prezos da electricidade e do espolio» dos recursos naturais de Galicia.

A Toxa, vista desde a ponte que une á illa co Grove / Foto: Street View.

A Subdelegación do Goberno decidiu non autorizar a manifestación alegando que o percorrido proposto pola CIG, desde a rotonda anterior á ponte que une O Grove coa illa ata o Paseo do Mar, xa nela, bloquearía durante catro horas o único acceso á Toxa impedindo a libre circulación de vehículos e peóns.

A CIG recorreu a decisión, pero a sección primeira da sala do contencioso-administrativo do TSXG rexeitou o seu recurso alegando que o Goberno pode prohibir a manifestación se existen «razóns fundadas» para pensar que poden producirse «alteracións da orde pública, con perigo para persoas ou bens».

Nunha nota de prensa difundida esta mañá, o TSXG explica que a decisión da Subdelegación do Goberno «está fundamentada nos informes da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra e da Policía Local do Grove», que serían «concluíntes» á hora de «acreditar as circunstancias que impiden a celebración da manifestación polo itinerario previsto».

Este, sinala a nota do tribunal, «discorre entre as glorietas que flanquean a ponte da illa da Toxa, que é a única vía de acceso, con dous carrís de circulación e beirarrúas moi estreitas. Ademais, a Garda Civil e a Policía Local indican que, aínda que o percorrido pódese facer en pouco tempo, pois é de 400 metros de ida e 400 de volta, a manifestación pediuse para as horas previstas para a celebración do foro, o que suporía o corte da circulación rodada de entrada e saída á illa durante practicamente toda a mañá». «En definitiva, un bloqueo da illa durante catro horas, o que significaría o illamento de residentes e transeúntes», conclúe o comunicado.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, manifestou onte a súa «indignación» nunha nota de prensa na que explica ademais que a Fiscalía deu a razón ao sindicato indicando que en lugar de prohibir a manifestación, o que debería facer a Subdelegación do Goberno é establecer «medidas restritivas que permitisen compatibilizar o dereito de manifestación coa seguridade e a orde».

Carril considera «desproporcionada» a decisión do TSXG e critica que o Goberno «denegue mobilizacións da clase traballadora e, en cambio, autorice manifestacións nazis, racistas e homófobas».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail